A fundación da cidade data de 1201, cando o bispo alemán Albrecht von Buxhoeven chega de Bremen para evanxelizar e xermanizar a rexión de Livonia, habitada por pobos bálticos de relixión pagá.
No plano de expansión, o clero alemán foi apoiado pola orde livonia dos Irmáns Livonios da Espada en primeira instancia e logo pola orde Teutónica, que rematou por controlar non soamente Riga, senón todo o territorio da Letonia actual, aínda que as fraccións alemás empezaron finalmente a competir polo dominio da rexión e remataron por se debilitar mutuamente. Así a todo, grazas á adhesión A liga Hanseática, a cidade coñece un período de bonanza comercial durante todo o medievo, o que influíu para que se crease a clase mercantil, á que pertencían maioritariamente os alemáns, que mantivo o control político da cidade durante varios séculos.
Logo, a cidade pertenceu ós polacos e posteriormente ós suecos de 1621 a 1710, cando foi conquistada polos rusos tras unha guerra. A importancia de Riga para o Imperio Ruso medrou co tempo, ata que a cidade se converteu nun dos portos máis importantes de Rusia. Paralelamente, a poboación duplicouse en só cincuenta anos, entre 1850 e 1900. Neste período de grandes migracións internas, os alemáns remataron sendo unha minoría en comparación cos rusos e letóns, aínda que lograron mante-la súa posición social e política de maior prestixio por pouco tempo. A finais de 1891, a lingua oficial da cidade seguía sendo o alemán, se ben pronto sería substituído polo ruso.
Coa disolución do imperio tsarista, Riga convértese na capital da nova República independente de Letonia en 1918 .
Riga na segunda guerra mundial
En 1940 Letonia foi anexada á Unión Soviética e ocupada polos alemáns durante a segunda guerra mundial de 1941 a 1944. Do 30 de novembro ao 8 de decembro de 1941 uns 24.000 xudeus de Riga e de toda Letonia foron confinados no Gueto de Riga e asasinados na matanza dos bosques de Rumbula. Rematada a guerra volveu ser ocupada polos soviéticos e os opositores políticos foron deportados a gulags.
A cidade está á beira do mar Báltico, preto da desembocadura do Dvina Occidenta (en letón Daugava) no golfo de Riga. Riga está situada nunha chaira costeira e areosa no golfo de Riga que xurdiu despois do fin da última glaciación hai uns 11.000 anos. A chaira está a 1.10 m sobre o nivel do mar Báltico. Caracterízase por unha gran cantidade de lagos e ríos, o Daugava é o máis importante deles, flúe de sur a norte a través de Riga e parte en dúas a cidade. Riga está situada a 10 km da desembocadura do río Daugava no golfo de Riga.
A zona ten unha extensión de 307 km², a zona residencial esténdese máis de 67 km² (22%), 54 km² son de áreas industriais (17%), 25 km² estradas e rúas (8%), 58 km² son parques (19%) e outros 49 km² de auga (16%).
Economía
Case tódalas institucións financeiras do país áchanse en Riga; a máis importante é o banco central letón, chamado Banco de Letonia.
O intercambio co estranxeiro está aumentando dende xa fai algúns anos, e a cidade recibiu un novo pulo económico dende a entrada de Letonia na Unión Europea o 1 de maio de 2004.
En Riga concéntrase case a metade da produción industrial letoa. A industria de Riga está especializada no sector financeiro, os servizos públicos, a industria farmacéutica, de téxtiles, de moblaxe e de produtos manufacturados en xeral, ademais da construción de barcos.
O porto de Riga é un importante porto rexional e centro rexional de expedición vía cargo. Durante a época soviética, Riga era a segunda cidade rusa de occidente despois de San Petersburgo.
Poboación
A poboación da cidade diminuíu dende a independencia de Letonia en 1991 de 910.000 a 760.000, principalmente como resultado da emigración por parte da minoría rusa.
Riga é a cidade máis poboada dos países bálticos, con 739.232 habitantes en 2003. En Riga, os letóns representan o 42% da poboación, os rusos atinxen unha porcentaxe case igual. A maior parte dos letóns son protestantes, da fe evanxélica luterana, mentres que os rusos son ortodoxos.
Transportes
As viaxes de negocios e de pracer a Riga aumentaron considerablemente nos últimos anos grazas ó melloramento da infraestrutura comercial e de transporte. En canto á cidade portuaria, Riga é o principal nó de transportes do país, nela conflúen os transportes ferroviarios e o sistema de estradas nacionais.
A maior parte dos turistas chega en avión ó Aeroporto Internacional de Riga, o máis grande dos países bálticos, modernizado en 2001 con ocasión do 800 aniversario da fundación da cidade. O transporte mariño conecta a cidade con Estocolmo, Kiel (Alemaña) e Lübeck (Alemaña).
Os turistas denomínana a París do leste pola cantidade de atractivos turísticos e cafés sobre as vereas.
Lugares de interese
O centro histórico de Riga foi declarado en 1997Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, en virtude dos seus edificios de Art Nouveau e pola arquitectura que se conserva do século XIX.
Os monumentos máis importantes da capital letoa son: