Renée Vivien naceu en Londres, filla de John Tarn, un granxeiro británico que fixera fortuna investindo en propiedades, e da estadounidense Mary Gilett Bennett.[1] Vivien estudou no Belsize College de Hampstead onde, en 1883, recibiu a medalla de prata da Alliance française polo seu dominio do francés.[2] A poeta estaba matriculada nunha escola de París cando o seu pai faleceu en 1886. Tras o pasamento, regresou a Londres para recibir a súa herdanza.[1] A nai de Vivien tentou declarala legalmente tola para poder obter os cartos no seu lugar. Porén, o seu plan fallou, e Vivien foi retirada da custodia da súa nai. En 1899, cumpridos os 21, decidiu volver a Francia e asentarse alí. Foi arredor desta época cando adoptou o nome de Renée Vivien.[3]
Relacións persoais
Vivien estivo namorada dunha amiga e veciña da súa infancia, Violet Shillito, mais nunca chegaron a ser parella. Porén, esta presentoulle á escritora estadounidense Natalie Barney (1876-1972), coa que iniciou unha relación amorosa.[1] Ao ano seguinte, Shillito finou dunha febre tifoide; Vivien culpouse da súa morte e de ignorar a Shillito en favor de Barney. Quizais a causa deste pasamento, ou polas infidelidades de Barney, ambas separáronse en 1901. Algúns especulan que Shillito é mencionada na poesía de Vivien mediante o emprego da cor violeta ou púrpura.[4]
En 1902, Vivien comezou un romance coa rica baronesaHélène van Zuylen (1863-1947), da coñecida familia Rothschild. Zuylen proporcionoulle apoio emocional e estabilidade. A súa posición social non lle permitía manter unha relación pública, mais ambas viaxaban xuntas con frecuencia, e mantiveron a súa aventura con discreción durante anos. En varias cartas ao seu confidente, o xornalista e experto nos clásicosJean Charles-Brun (1870-1946), Vivien considerábase casada coa baronesa.[3]
Vivien comezou a recibir cartas dunha admiradora de Istambul, Kérimé Turkhan Pacha (1874-1948), esposa dun diplomático turco. Ambas principiaron unha apaixonada correspondencia, seguida dalgúns breves encontros clandestinos. Kérimé, educada na lingua e mais a cultura francesas, vivía porén segundo a tradición islámica. Así, illada e con velo, non podía trasladarse libremente ou abandonar ao seu marido.[3] Ao tempo, Vivien negábase a deixar á baronesa.
En 1907, Zuyien abandonou a Vivien por outra muller. Sorprendida e humillada, Vivien marchou ao Xapón e mais a Hawaii coa súa nai, enfermando gravemente durante a viaxe. Ao ano seguinte, foi Kérimé que cortou con ela, asentándose co seu home en San Petersburgo. Afectada por estes abandonos, empezou a depender do alcohol e doutras drogas.
A escritora Colette (1873-1954), veciña de Vivien entre 1906 e 1908, inmortalizou este período da vida da poeta no seu Le Pur et l'Impur ("O puro e o impuro", 1932), unha escolma de retratos que amosan o espectro do comportamento das persoas homosexuais. Non obstante, a súa historicidade foi posta en dúbida; a propia Natalie Barney rexeitou a caracterización de Vivien feita por Colette.
Viaxes e residencia
Vivien foi unha muller culta e moi viaxada, sobre todo para unha muller da súa época. Pasou un inverno en Exipto, visitou a China e explorou gran parte do oriente medio, Europa e os Estados Unidos. Tras a súa ruptura con Zulyen e Pasha, en 1907 estivo no Xapón e mais en Hawaii coa súa nai.
A súa residencia habitual era un apartamento de luxo na planta baixa do número 23 da avenida Bois de Boulogne de París (actual avenida Foch), que contaba cun xardín xaponés. Enfeitouno con mobles antigos de Londres e obras de arte traídas do leste asiático. Tamén contaba cunha colección de relicarios, pequenas estatuas, iconas e imaxes do Buda.
Pasamento
Durante unha visita a Londres en 1908, Vivien intentou suicidarse mediante unha sobredose de láudano. Tras consumir o fármaco, deitou nun diván cun ramo de violetas sobre o seu peito. Malia non falecer, contraeu unha pleurite que a deixou moi débil, en especial tras a súa volta a París. Segundo o biógrafo Jean-Paul Goujon, Vivien sufría dunha gastrite crónica a causa dos anos de abuso do alcohol e do hidrato de cloral. Nesta etapa, negouse a comer. Contra o verán de 1909, tiña que camiñar coa axuda dun caxato.
Vivien só escribiu en francés. Publicou a súa primeira escolma, Études et préludes, en 1901; en vida, editaría 12 máis. Gran parte da súa obra é autobiográfica. Os seus libros principais son Cendres et poussières (1902), La Vénus des aveugles (1903), A l'heure des mains jointes (1906), Sillages (1908), Poèmes en prose (1909) e Dans un coin de violettes (1909). En 1904, apareceu a súa novela Une femme m'apparut, tamén autobiográfica.
Baixo o pseudónimo de Paule Riversdale, publicou textos poéticos e en prosa coa baronesa Hélène van Zyulen. Porén, a atribución destas pezas non é definitiva, dado que algúns expertos pensan que foron escritos só por Vivien. Incluso, algúns libros editados co nome de van Zyulen poderían ser obra de Vivien.
Extremadamente prolífica malia a súa curta vida, Vivien chegou a ser coñecida como a "musa das violetas", debido ao frecuente emprego da flor nos seus versos. O seu estilo está influenciado polo parnasianismo e o simbolismo, xa que foi unha das últimas poetas en declararse membro desta corrente. A nivel métrico, as súas composicións inclúen sonetos, versos endecasílabos e prosa poética. Canto á temática, Vivien foi recoñecida pola súa poesía erótica e de amor ás mulleres;[6] algunhas feministas considérana a primeira autora en escribir poesía abertamente lésbica.[3]
Traducións
Vivien aprendeu grego antigo cun profesor particular, Gaetan Baron, coa intención de ler a Homero na súa lingua orixinal.[7] En 1903, saíu do prelo a súa obra Sapho: traduction nouvelle avec le texte grec, baseada na edición de Hentry Thorton Wharton.[8] Neste sentido, participou da recuperación contemporánea da obra da poeta de Lesbos.
Fabre-Serris, Jacqueline (2016). "Anne Dacier (1681), Renée Vivien (1903): Or What Does it Mean for a Woman to Translate Sappho?". En Wyles, Rosie; Hall, Edith. Women Classical Scholars: Unsealing the Fountain from the Renaissance to Jacqueline de Romily(en inglés). Oxford University Press. ISBN978-0-19-872520-6.