Na poesía tradicional, a forma ten tanta importancia como o contido. Deste modo, a lonxitude dos versos é un trazo relevante e importante da forma. A métrica é a técnica que nos permite medir os riscos formais nesa concepción poética tradicional.
Medida dos versos
A métrica proporciona un procedemento para medir os versos. Este proceso baséase no reconto das sílabas buscando certo ritmo, duración e sonoridade. De aí que se diferencien as sílabas métricas, que teñen en conta eses factores, e as sílabas gramaticais, que só consideran a forma obxectiva das sílabas.
Tomando como exemplo a cantiga popular de Taragoña, Rianxo, é unha copla que, polo tanto, está formada por catro versos octosílabos:
- Non me lembres Taragoña
- Terra onde eu nacín,
- Lémbrame a fonte do Grolo
- Auga que eu dela bebín.
|
Trátase dunha copla. Polo tanto, está escrita para ser cantada. Para conseguir que se adapte a letra á música, non é suficiente con ler o texto. Resultaría un reconto das sílabas gramaticais que non se axustaría aos tempos musicais:
- Primeiro verso: 8 (Non-me-lem-bres-Ta-ra-go-ña)
- Segundo verso: 7 (Te-rra-on-de-eu-na-cín,)
- Terceiro verso: 9 (Lém-bra-me-a-fon-te-do-Gro-lo)
- Cuarto verso: 8 (Au-ga-que-eu-de-la-be-bín.)
Obsérvese que o segundo e terceiro versos non dan oito sílabas. Pero se se escoita cantar esta estrofa, observarase que se axusta perfectamente á música. Isto débese ás posibilidades fonéticas que ofrece o galego. Por exemplo, o segundo verso pode prorrogarse sen dificultade na última sílaba debido a que é unha palabra aguda. Ten o acento na última sílaba. De igual modo, no terceiro verso, pódese xuntar facilmente lémbrame e a, de forma que se lería así: Lém-bra-ma-fon-te-do-Gro-lo. Deste xeito, pronúnciase en oito impulsos ou sílabas métricas.
Por tanto, a métrica non é un reconto mecánico senón un xeito de lectura que adapta a forma ás necesidades estéticas e sonoras do poema.