Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
Foi tamén representante de España na Sociedade de Nacións. Opositor da ditadura de Miguel Primo de Rivera, o 13 de abril de 1930, pronunciou un discurso moi violento contra a monarquía, á cal lle retirou o seu apoio e confianza, e dende alí propuxo unha república conservadora, burguesa, e que se apoiara nas clases medias e nos intelectuais.
O goberno provisional
Conxuntamente con Miguel Maura e o seu partido Derecha Liberal Republicana, representou ao republicanismo conservador no Pacto de San Sebastián co fin de impulsar un movemento popular que derrotara á monarquía e instaurara a república. Do Pacto de San Sebastián xurdiu o comité encargado de dirixir a acción republicana en España. Alcalá-Zamora foi elixido o seu presidente.
O día 12 de decembro de 1930 tiveron lugar os sucesos de Jaca, cando os capitáns Galán e García Hernández proclamaron a República nesa poboación, e emprenderon unha marcha cara Huesca, pero vencidos polas forzas gobernamentais, foron xulgados e executados. Tamén se sublevaron no aeródromo de Cuatro Vientos o comandante Ramón Franco e o xeneral Queipo de Llano, pero como non os apoiaron fuxiron a Portugal en avión. Os líderes das forzas antimonárquicas, parte do comité, entre eles Alcalá-Zamora, foron detidos polo Goberno. O xuízo público, celebrado en marzo de 1931, condenounos a seis meses e un día de cárcere, que foron substituídos por liberdade condicional.
A difícil situación na que entraba España, tras a dimisión do presidente Berenguer en febreiro de 1931, o rei encargoulle ao almirante Aznar a formación do goberno. O día 18 presentou o novo executivo formado na súa totalidade por ministros monárquicos. O día 12 de abril, celebráronse eleccións municipais e o resultado foi de 22150 concelleiros monárquicos e 5775 republicanos; porén en 41 das 50 capitais de provincia gañaron os republicanos, que no cómputo total conseguiran máis votos pois era maior o número de votos necesarios para ser concelleiro na cidade que no rural. Afonso XIII, partidario fronte a algún dos seus ministros de que non houbera enfrontamentos, exiliouse ante o ultimato do Comité Revolucionario presidido por Alcalá-Zamora. Este, que tiña dende o primeiro momento o apoio popular e tamén o da Garda Civil, comandada polo xeneral Sanjurjo, converteuse no presidente do goberno provisional. Este novo goberno proclamou a Segunda República o 14 de abril de 1931.
Nacemento da II República
O 15 de abril o goberno publicou un programa de actuación baseado nos acordos de San Sebastián. Foi anunciada a reforma agraria, liberdade de cultos e crenzas, respecto á propiedade privada, responsabilidades aos colaboradores da ditadura, aumento das liberdades individuais e sindicais etc.
Cando apenas accedeu ao poder, o goberno tivo que enfrontarse á proclamación da república catalá e aos sucesos anticlericais do mes de maio, tamén tivo moitos problemas coas organizacións anarquistas que lle negaron o apoio á república.
Por estes sucesos, o seu goberno foise decantando a un republicanismo máis de esquerdas liderado por Manuel Azaña, postura que claramente se reflectiu na nova Constitución. A cuestión clerical enfrontou de novo a republicanos conservadores con republicanos esquerdistas, socialistas e radicais, e finalmente Alcalá-Zamora e Maura abandonan o goberno.
Temendo que Zamora emprendera unha campaña revisionista e de desprestixio contra a república, socialistas e azañistas ofrecéronlle a presidencia do Goberno, cargo para o que foi elixido o 2 de decembro. Xurou o cargo o 11 de decembro de 1931.
Primeiro presidente da República
Alcalá-Zamora era un home autoritario e convencido da súa misión, dende o primeiro momento tratou de intervir nos asuntos do goberno. Por esta razón quedou apartado do papel que lle correspondía, compensar o xacobismo do seu primeiro ministro Manuel Azaña.
A idea do presidente era incorporar á dirección de España as novas forzas xurdidas despois da Restauración e contidas polos últimos borbóns. Esta apertura debía de facerse pola vía pacífica e parlamentaria. O 14 de abril de 1931 pareceu darlle a razón, pero a partir dese momento os sucesos indicáronlle que a realidade non correspondía cos seus soños.
Problemas con Azaña
Non é de estrañar que o presidente tivera malas relacións co seu goberno. Esta situación quedou ao descuberto cando Azaña presentou para a súa ratificación a Lei de Congregacións - lei de secularización da ensinanza - e a Lei do Tribunal de Garantías Constitucionais, que completaban a Constitución de 1931. Alcalá-Zamora resistiu ao máximo para firmar as leis, pero non se atreveu a vetalas.
Pouco despois, con ocasión dun reaxuste de goberno, as diferenzas volveron a xurdir e Azaña dimitiu con todo o seu executivo. Tras varias consultas que non chegaron a bo porto, Alcalá-Zamora volveu nomear como presidente do seu gabinete a Azaña, feito que desilusionou aos conservadores.
Este novo goberno de Azaña (o terceiro), non tivo o apoio das Cortes, polo que en setembro dimitiu. Alcalá-Zamora disolveu as Cortes e, despois dun curtísimo mandato radical Alejandro Lerroux, encargoulle ao radical Diego Martínez Barrio a concorrencia a novas eleccións (8 de outubro de 1933).
A súa caída
Por maioría absoluta gañaron as esquerdas agrupadas no Frente Popular. Se isto era unha derrota para as dereitas, máis o era para Alcalá-Zamora. Azaña foi encargado para formar goberno.
Moi cedo comezaron os socialistas unha campaña contra Alcalá-Zamora, ao que non perdoaban a súa actitude. Abriuse un debate nas cortes sobre a inconstitucionalidade sobre a última disolución das mesmas, se a maioría consideraba que se cometeu unha irregularidade, o presidente podería ser destituído.
A controversia produciuse cando a nova maioría das Cortes, considerando que esta era a segunda disolución axuízan a actuación do Presidente e ditaminan que a disolución producírase con moito atraso, polo cal o presidente tería que ser destituído.
Non obstante, había quen opinaba que esta era a primeira disolución, xa que a anterior (a de 1933) non debía de contarse ao tratarse das Cortes Constituíntes, as que elaboraran a Constitución, e polo tanto eran anteriores a ela. Finalmente por 238 votos a favor e 5 en contra, o presidente foi destituído.
O inicio da guerra civil sorprendeuno nunha viaxe a Escandinavia. Decidiu non regresar a España cando soubo, segundo conta nas súas memorias, reescritas durante o seu exilio, de que milicianos do Frente Popular entraran ilegalmente no seu domicilio, roubándolle as súas pertenzas, e roubando a súa caixa de seguridade situada no banco Crédit Lyonnais en Madrid. Fixou a súa residencia en Francia onde tamén o sorprendeu a segunda guerra mundial.
Tras pasar por múltiples penalidades, saíu de Francia e tras unha penosa viaxe de 441 días chegou a Arxentina en xaneiro de 1942.
Casas Sánchez, José Luis (2006). Niceto Alcalá-Zamora y Torres (1877–1949). Carcabuey (Córdoba): Mancomunidad de la Subbética. ISBN 84-611-2331-X
Lozano González, Carlos (2018). Crónica de una caída: La destitución de Alcalá Zamora. Berlín: Editorial Académica Española. ISBN 978-613-9-11311-8
Robles Muñoz, Cristóbal (2012). «Alcalá Zamora: un republicano demócrata y un cristiano». Hispania Sacra (Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas) 64 (Extra I): 69-148. ISSN1988-4265.
Raguer, Hilari (1995). El general Batet(en catalán) (4ª ed.). Barcelona: Publicación de l'Abadía de Montserrat. ISBN84-7826-527-9.
Villarroya, Joaquín Tomás (1987). La destitución de Alcalá-Zamora. Madrid: Fundación Universitaria San Pablo-CEU. ISBN 84-600-5280-X
Zaragoza, Cristóbal (1987). El Presidente. Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 84-01-38112-6