Eugenio Fadrique González, nado en 1879 e finado en Vigo en 1971, foi un empresario e político galego.
Traxectoria
Fundou en 1906 a compañía La Artística, especializada en actividades de pintura e impresión de latas para conservas. Foi inicialmente unha pequena empresa familiar que servía ao mercado local. En 1920 producía entre 30.000 e 35.000 caixas de folla de lata e empregaba a unha trintena de operarios. Producía tamén azulexos de zinc e tabais de lata, que substituían aos antigos barrís de madeira para sardiña prensada. Nos anos setenta os seus negocios abarcaban os Talleres Mecánicos Alonarti e a litografía Artiscar en Vigo, Idalsa, especialista en derivados de aluminio en Madrid, e A Artística de Valença do Minho.
Presidiu o Depósito Franco, precedente da actual Zona Franca. Foi socio de honra do Círculo Mercantil e presidente da Cámara de Comercio (1931-1945). Dedicouse a tarefas de beneficencia, como directivo da Casa de Caridade, e exerceu como conselleiro de FENOSA e do Banco de Vigo. Tamén foi o representante da Asociación Metalgráfica Española.