Fillo de Joaquín López de Amarante, licenciouse en Dereito e emigrou a Cuba onde obtivo a cátedra de Dereito Canónico na Universidade da Habana e ingresou na carreira xudicial. Regresou a España en 1886. Amigo persoal de Eugenio Montero Ríos, militou no partido Liberal. Foi deputado por Padrón en 1886 e 1891, en 1898 e 1901 foi elixido deputado por Xinzo de Limia e en 1905 foi deputado por Huelva. Foi senador pola provincia da Coruña (1893-1894), pola provincia de Cáceres (1903-1904) e senador vitalicio (1911-1914). Foi director xeral do Contencioso (1898), de Administración local (1905) e de Comunicacións (1907) e tamén Subsecretario de Xustiza (1909). Estaba casado con Manuela Gasset Chinchilla. Colaborou en El Imparcial, que dirixía o seu cuñado Rafael Gasset Chinchilla.