Antonio Sanjurjo Badía, coñecido polo alcume herdado do pai de Habilidades,[1] nado en Sada en 1837 e finado en Vigo o 8 de xaneiro de 1922[2], foi un inventor galego.
Traxectoria
Fillo de Antonio Sanjurjo Álvarez, propietario dun taller e unha reloxaría e membro dunha familia de once irmáns,[1] emigrou sendo un mozo, aos 16 anos, a Cuba, para despois de cinco anos regresar a Vigo e estabelecer o seu propio obradoiro e máis tarde comezar cun negocio relacionado cos estaleiros, baseado na construción de máquinas e caldeiras de vapor, entre outras cousas. Ademais destas innovacións no ámbito da técnica, tamén creou nas súas fábricas unha irmandade de traballadores onde outorgaba aos seus traballadores un seguro de enfermidade, un salario vitalicio tras a xubilación e descanso os domingos.[3]
O 12 de agosto de 1898,[5] en Vigo, Antonio Sanjurjo probou un enxeño submarino da súa invención, ao que deu en chamar boia submarina,[6] en presenza do gobernador militar. A proba foi satisfactoria, o aparello aguantou unha hora e media mergullado e despois varias inmersións de 45 minutos. A finalidade do invento era a defensa de Vigo ante un posíbel ataque da frota estadounidense daquela en guerra con España. Non obstante, ese mesmo día asinábase o tratado de paz, polo que a súa utilización non foi necesaria.