Os Premios Martín Códax da Música son os premios da música de Galicia, galardóns anuais entregados pola asociación Músicos ao Vivo desde 2013.[1] A candidatura ás diferentes categorías require dunha inscrición previa, que posteriormente se somete a votación. Na primeira rolda vota o xurado profesional formado cada ano por 5 profesionais de diferentes áreas do sector musical (xornalista musical, representante de salas, formación/docencia e dous músicos), que tras escoitar e valorar todos os proxectos inscritos na edición, elixen 3 finalistas en cada unha das categorías. Na segunda e última rolda de votación, os socios e socias de Músicos Ao vivo (preto de 500 músicos galegos) escollen baixo o seu criterio co baremo de 3, 2 1 punto os proxectos que consideran a premiar de entre os finalistas.
A cerimonia de entrega celébrase desde o inicio no Pazo da Cultura de Pontevedra[2] e as estatuíñas entregadas, talladas en madeira de cedro polo escultor Víctor Lorenzo, representan melómanos e melómanas.[3] A dirección e presentación de cada edición é encomendada a profesionais do teatro, sendo as dúas primeiras dirixidas por Chévere[4][5] e as dúas seguintes pola compañía A Panadaría.[6][7] Carlos Blanco, Marcos PTT e máis Carmen Conde de Tarabela Creativa foron as seguintes mestras de cerimonia das galas. A edición de 2016 foi emitida a través da Televisión de Galicia[7].
Categorías
- Categorías musicais: pop e indie; rock; blues, funk e soul; metal; canción de autor; hip hop e músicas urbanas; reggae, ska e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional e folk; músicas do mundo; música infantil; orquestras, grupos e música de verbena; coros e grupos vocais.
- Premios Organistrum, dedicados aos demais axentes da industria musical: sala; festival; espazos de comunicación musical.
- Premio Honorífico: galardón especial dedicado a un profesional considerado referencia para a música galega, outorgado pola Xunta Directiva da asociación.
- Premio Anual: artista do ano, artista emerxente.
Edicións
Primeira edición (2013)
Na edición inaugural, foron trece as categorías musicais e unha honorífica.[8]
Segunda edición (2014)
Os II Premios Martín Códax da Música contaron con quince categorías musicais e unha honorífica, estreando a de blues, funk e soul e a de canción de autor. Tamén foi a primeira edición coas tres categorías especiais Organistrum.[9]
Terceira edición (2016)
Esta edición contou con dezaseis categorías musicais, tres especiais e unha honorífica, estreando a de coros e grupos vocais.[10]
Cuarta edición (2017)
Esta edición tivo dezaseis categorías musicais, tres especiais e unha honorífica.[11]
Quinta edición (2018)
Desta vez, os premios contaron con quince categorías musicais, tres especiais e unha honorífica. Música tradicional e Folk pasan a configurar unha única categoría.[12]
Sexta edición (2019)
Esta edición tivo quince categorías musicais, tres especiais e unha honorífica.[13][14]
Sétima edición (2020)[15]
- Canción de autor/a: Silvia Penide
- Blues, Funk, Soul: Carla Green & The Demons
- Música Folk: Caldo
- Música Infantil: Magín Blanco e a Banda das Apertas
- Bandas de música popular: Banda de Música de Merza
- Reggae, Ska, Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
- Músicas urbanas: Laura LaMontagne & PicoAmperio
- Música tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre
- Jazz, Música improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
- Coros e grupos vocais: Coro Cantabile
- Orquestras, Grupos, Música de verbena: América de Vigo
- Pop, Indie: Guadi Galego e A Banda Somerxida
- Metal: Broa
- Electrónica: Músculo!
- Músicas do mundo: Najla Shami
- Rock: Agoraphobia
- Música clásica, contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
- Organistrum, espazos e comunicación musical: Festival Agrocuir da Ulloa
- Organistrum, festivais:
- Organistrum, salas: Náutico de San Vicente
- Web: Músicas Galegas Ilustradas
- Premio Honorífico: María Manuela[16]
Oitava edición (2021)[17]
- Rock: Moon Cresta
- Música Folk: Caamaño & Ameixeiras
- Metal: N.E.O.
- Músicas urbanas: Wöyza
- Músicas do mundo: Lamas/de Miguel/Romero
- Orquestras, grupos, música de verbena: Bafana Bafana
- Música tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas
- Blues, Funk, Soul: Brais Morán
- Música infantil: Radio BULEBULE
- Electrónica: Allova
- Coros e grupos vocais: Coro da Rá
- Jazz, Músicas improvisadas: Fume
- Reggae, Ska, Mestizaxe: The Skarnivals
- Bandas de música popular: Banda de Música de Chantada
- Música Clásica, contemporánea: Alberto Vilas
- Pop, Indie: A Banda da Loba
- Canción de autor/a: MJ Pérez
- Web: O Recanto do Corcovado
- Organistrum, espazos e comunicación musical:-
- Organistrum, festivais:-
- Organistrum, salas:-
- Premio Honorífico: Pablo Barreiro
- Premio Extraordinario: Jazz da Ría e Mardi Gras
Novena edición (2022)
Os premios entregáronse en Pontevedra o 5 de outubro de 2022. Son categorías novas Artista Emerxente e Artista do Ano.[18]
Décima edición (2023)
Os premios entregáronse en Pontevedra o 7 de xuño de 2023. Novos: Metal e Heavy, antes só Metal. Non houbo: Bandas de Música Popular, Artista do Ano.[19]
Undécima edición (2024)
Os premios entregáronse en Pontevedra o 15 de maio de 2024. Ti que me levas foi o tema que Xurxo Souto converteu no himno da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música que presentou acompañado da banda Xangai.[20]
- Música Tradicional: Os Melidaos
- Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom
- Folk: Caamao & Ameixeiras
- Electrónica: Mondra
- Jazz e Músicas Improvisadas: Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero
- Rock e Punk: Terbutalina
- Metal e Heavy: Her Anxeity
- Blues, Funk e Soul: Brais Morán
- Canción de autora: Guadi Galego
- Infantil: Uxía Lambona
- Músicas Urbanas: hydn
- Orquestras, grupos e múscias de verbena: América de Vigo
- Bandas de Música Popular: Musical de Goián
- Pop e Indie: Lucía Aldao
- Música Clásica e Contemporánea: Carme López
- Premios Organistrum, Comunicación e Difusión Musical: Muidiuño Sessions
- Premios Organistrum, Salas: A Arca de Nóe
- Premios Organistrum, Festivais: As Nosas Músicas de Couso
- Artista Emerxente: Gloria Pavía
- Premio Honorífico 2023: Emilio Cao
Artistas máis premiados
Nas seis edicións celebradas, repetiron galardón o cantante e músico Davide Salvado na categoría de Música tradicional galega, o grupo Eladio y los seres queridos na categoría de Pop / Indie, a banda NAO na categoría de Metal, o portal Ábrete de orellas na de Espazo de comunicación musical, o músico de jazz Xosé Miguélez, a banda Crebinsky na de Músicas do mundo dúas veces e outra na de Reggae / Ska / Mestizaxe.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas