De Vacas é un cuarteto musical formado polas vocalistas Inés Salvado (a Marela), Faia Díaz (a Pinta) e Paula Romero (a Morena) e o guitarristaGuillerme Fernández (a Rubia).[1] O grupo fai versións en galego de temas comerciais, mudando a letra e dándolles un formato retranqueiro e divertido.
Traxectoria
De vacas naceu cando Faia, Inés e Paula, que cantaban xuntas no coro da Rá de Santiago,[2] descubriron nunha conversa que todas eran fans das Spice Girls. Decidiron naquel momento crear un grupo co que reivindicar a súa música. Para iso incorporaron á formación o experimentado músico Guillerme Fernández, guitarrista de grupos ben coñecidos como Berrogüetto ou aCadaCanto.[3]
O seu primeiro videoclip foi lanzado en 2015, unha versión do "Gangnam Style" do rapeiro coreano PSY.[4] O seu primeiro concerto foi o verán do ano seguinte, no festival Feito a Man de Santiago, onde percibiron unha boa acollida por parte do público.[3] En 2017 publicaron un novo clip: Amodiño, unha versión do "Despacito" do cantante Luis Fonsi. Axiña se fixo viral nas redes sociais, o que as popularizou definitivamente. Desde aquela teñen sacado versións doutros artistas como Enrique Iglesias, Michel Teló, Rosalía, Sabrina ou Pitbull.