O nome do grupo procede da toponimia, trátase do nome dunhas leiras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós.[2] É un zoónimo que fai referencia a un lugar onde son frecuentes os tanxugos[3] ou teixugos.[4]
Traxectoria
Comezos
As irmás Sabela e Olaia iniciáronse na música tradicional os catro anos, na asociación cultural A Mámoa de Luou, Teo. Aida comezou a tocar a pandeireta en Ribeira, a súa vila natal, con dez anos de idade.[5] No ano 2016 Aida trasladouse a estudar a Santiago, ingresando na asociación onde tocaban Sabela e Olaia. Ao comezaren a tocar xuntas nos seráns e nas foliadas da zona, decidiron formar o grupo.[6] O seu primeiro concerto foi na Bandeira (Manduas, Silleda), na XXVIII edición do Esmorga Folk.[7]
Acadaron sona por primeira vez, fora dos círculos da música tradicional, a comezos do 2017, ao facerse viral nas redes sociais un vídeo no que aparecían cantando unhas panadeiras[8] antes dun concerto coa Banda das Crechas en Glasgow.[9] Nese mesmo ano colaboraron no tema "Pepa[10]", incluído no primeiro disco do grupo A banda da Loba.[11]
2018: Tanxugueiras
Na primavera de 2018 editaron o seu primeiro disco co mesmo nome que o grupo, Tanxugueiras.[12] Este gañou o Premio MIN de disco en galego 2018.[13] O sinxelo de presentación foi "Que non mo neguen[14]", en que contaron coa colaboración de Guadi Galego. Neste mesmo ano, publicaron un sinxelo de rock chamado "Cultura crítica[15]" no que colaboran con NAO e co grupo de rap SonDaRúa. Así mesmo, colaboraron co grupo de folk escocés Shooglenifty na canción "East West[16]". Durante a súa xira visitaron escenarios de diversos lugares como Cuba, India, Suíza e Glasgow.
2019: Contrapunto
A mediados de 2019 foron galardoadas co Premio Martín Códax da Música na categoría de Música tradicional galega e folk.[17] En novembro saíu á luz o segundo disco, Contrapunto, publicado co selo discográfico madrileño Calaverita Records e producido polas propias Tanxugueiras coa colaboración de Isaac Palacín, quen toca tamén a batería. A representación do grupo pasa a estar xestionada pola axencia de Bueu Playplan Cultural.
No traballo, xunto de pezas máis próximas á música tradicional, como "Perfidia" ou "Miña Nai", outras músicas, como "Malquerenza" ou "Desposorio" teñen sonoridades que lembran ao pop e a música electrónica. Así mesmo, o disco continúa a reivindicar a figura da muller na música tradicional e na sociedade, un aspecto que se ilustra nos vídeos de presentación do disco, que corresponden ás cancións "Desposorio" e "Perfidia". Con este álbum comezou a súa colaboración coa produtora audiovisual marinenseTrece Amarillo, coa que realizaron até o momento os seus videoclips.[18][19][20]
No 2020 recibiron o premio á Mellor Adaptación dunha Peza Tradicional nos XIX Premios La Opinión de Música de Raíz. Así mesmo, Contrapunto foi recoñecido coma un dos mellores discos do World Music Charts Europe.
2020: Evolución cara á música electrónica.
Despois do álbum Contrapunto, comezou a súa colaboración co músico santiagués Iago Pico,[21] apreciándose unha evolución no seu estilo cara a sons electrónicos próximos ao trap.
En xuño de 2020, co gallo do día da música, lanzaron o sinxelo "Telo".[22] En febreiro do 2021 publicaron o single "Midas"[23], coa colaboración no videoclip do bailador e músico Xisco Feijoo. A canción foi un grande éxito, acadando en 15 días 175000 reproducións e máis de 100000 visualizacións no Youtube.[24] En xullo, para festexar o Día Internacional do Reggae, apareceu o single "Coda"[25] e tamén "Figa"[26], un sinxelo que foi escollido nunha votación non vinculante entre afeccionados como tema favorito para participar na edición do ano 2022 do festival de Eurovisión.[27][28]
2021: "Terra" e o Benidorm Fest
O 10 de decembro Televisión Española confirmou a súa presenza entre os catorce artistas preseleccionados para competir no Benidorm Fest por unha praza no festival europeo.[29] Conforme á normativa do concurso, que se celebrou nos días 26, 27 e 29 de xaneiro de 2022, presentaron para a súa participación un tema inédito titulado "Terra".[30] A canción tivo unha excelente acollida, superando, no primeiro día, o medio millón de reproducións en plataformas como YouTube, Spotify ou Apple Music.[31][32]
Chegaron ao certame como unhas das favoritas e mesmo o portugués Salvador Sobral, artista convidado e gañador do Festival de Eurovisión 2017, chegou a pedir o voto para elas.[33] Na semifinal recibiron por parte do xurado unha puntuación que as deixaba fóra da final, o cal provocou os apupos do público e berros de «tongo»; no entanto, o voto demoscópico e o televoto outorgoulles un 2.º e 1.º posto que lles permitiu clasificarse.[34][35] Na final gañaron tanto o voto demoscópico como o popular, onde acadaron máis do 70% do voto telefónico[36]; porén, unha moi baixa puntuación dada de novo polo xurado deixounas sen posibilidades de vitoria.[37][38] O interese pola participación das Tanxugueiras na final foi máximo en Galiza cunha cota de pantalla de até 52,9.[39] A decisión do xurado (formado por un xurado español e un xurado internacional) foi moi cuestionada e acusacións de amaño difundíronse polas redes sociais.[40][41] Contribuíu a aumentar a especulación de manipulación o feito de se saber que o xurado internacional apoiaba as Tanxugueiras.[42] Tamén saían á luz os vínculos dalgún membro do xurado español coa gañadora do festival, Chanel Terrero.[43] Perante o escándalo, Galicia en Común, BNG e PP rexistraron no Congreso e Senado españois diferentes cuestións sobre a polémica.[44] Pola súa banda, a sección do sindicato CC. OO. dentro de RTVE denunciou irregularidades e solicitou á canle que invalidase a elección da gañadora.[45] A controversia xerada fixo que a RTVE publicase o pormenor dos votos do xurado,[46] comprobándose que un deles chegou a dar maior puntuación a un videoclip, o do cantante Gonzalo Hermida, ausente por enfermidade, que a actuación en directo das Tanxugueiras.[47] A polémica tamén tivo eco en Portugal, onde afeccionados o concurso solicitaron a súa participación no Festival da Canção, o certame no que se elixe o representante portugués para o festival eurovisivo.[48][49]
2022: Novos sinxelos
Polas mesmas datas nas que concursaban no Benidorm Fest participaron no disco 10 años de Flores, Viento y Fuego do cantante Muerdo co tema "Cambia todo".[50] Tamén publicaron un novo adianto do seu novo disco de estudio,[51] o sinxelo "Averno" no que colabora o artista Rayden, participante canda elas do Benidorm Fest de 2022.[52]
Neste mesmo ano participaron no libro-disco Acorda, editado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do documental do mesmo nome,[53] gravando un videoclip para o seu tema Autocracia aparecido no disco Tanxugueiras.[54]
O 13 de maio de 2022 publicaron, en diferentes plataformas dixitais, un novo sinxelo do seu terceiro traballo titulado "Pano corado",[55] o 24 de xuño do mesmo ano publicaron "Seghadoras",[56] e o 29 de xullo "Fame de odio".
Xunto a este último sinxelo lanzaron o seu disco Diluvio, no que se inclúen as pezas xa publicadas durante o 2022.[57]
World Music Charts Europe 2020 (20 mellores discos de World Music en maio de 2020).[98]
No 2021, a palabra "Tanxugueiras" foi recoñecida como a palabra do ano en Galicia.[99] Esta foi inscrita na súa correspondente lápida de granito no chan da rúa Menorca da cidade de Lugo.[100]
En 2022 o concello de Teo outorgou o seu nome á área recreativa de Luou.[101]
Sinxelo de ouro por «Terra». A peza acadou máis de 30 millóns de reproducións en 2022.[102]