As súas letras comezaron sendo en castelán pero, co paso dos anos, a banda foi tomando conciencia do problema lingüístico en Galiza e comezaron a gravar as súas cancións en galego,[1] ademais de teren cantado noutra decena de linguas durante a súa traxectoria.[2] As súas letras lanzan unha mensaxe de crítica política e social contra o capitalismo, a globalización, o consumismo e a alienación, e defendendo o internacionalismo, a liberdade dos pobos e a diversidade cultural.[1]
Traxectoria
Inicios (2003-2004)
A banda realizou os seus primeiros ensaios tras a catástrofe do Prestige[3] e estaba formada inicialmente por catro membros:[4] o vocalista e guitarristaGabriel Reigosa, o guitarrista Simón González (estes dous procedentes da banda Diskordia), o baixista René e o batería Canelo.[5] Pouco despois gravaron unha maqueta titulada Diskordia nas Rías Baixas, e comezaron a dar os seus primeiros concertos.
Fragasaurus Rex e El futuro nunca existió (2005-2009)
Foi xa en 2005 cando conseguiron gravar co selo Síndrome Discos o seu primeiro álbum, Fragasaurus Rex, mesturado polo produtor Javier Abreu e con portada de Carlos Azagra, debuxante de El Jueves.[6] Incluía 10 temas, case todos en castelán, e dúas versións da canción "Fragasaurus Rex", unha en castelán e outra en galego, con duras críticas ao expresidente da Xunta, Manuel Fraga. Durante a produción deste disco o grupo fixo amizade cos membros da banda valenciana Disidencia, cuxo cantante, Txus, colaborou cantando no tema que dá nome ao disco, mentres que Dakidarría fixo os coros no tema "KK II" do álbum de Disidencia, Hablarán las piedras.[7] Nesas datas incorporouse ao grupo "o Birras" como trompetista. En outubro de 2005 deron un concerto no Pavillón Multiúsos Fontes do Sar, pechando a noite tras Toy Dolls e Glen Matlock, baixista dos Sex Pistols.[8] Foi o último concerto con René no grupo, que foi substituído por David Marín. Coa nova formación deron concertos por toda Galicia, a Península Ibérica, e mesmo México, acompañando á banda Vantroi na súa xira Azteka Tour VII.[9]
Realidades alienantes... e ...Utopías emergentes (2010-2015)
Dous anos despois saíu á venda o seu terceiro disco, Realidades alienantes..., que foi a primeira parte dun dobre traballo discográfico que se completaría ao ano seguinte. Contiña 10 novas cancións cunha forte carga social e política facendo referencias á memoria histórica, a represión franquista ou o problema da heroína durante a Transición,[12][2] e contou coas colaboracións de García MC de Dios ke te crew, Maxi de Fe de Ratas e Suso Feixón.[13] Neste punto o grupo xa estaba formado por oito membros: Gabri, Simón, David, Álex, Carlos, Juaqui, Antonio e Anxo.[14] Foi un disco autoproducido e foi masterizado nos Metropolis Studios de Londres por Miles Showell.[15] O último tema do disco, "De Mella a Mella" é unha homenaxe a todas as vítimas do fascismo, e consiste nunha carta ficticia que a bisavoa do vocalista Gabri Reigosa, Urania Mella, lle escribe aos seus fillos dende o cárcere.[2]
A principios de 2011 anunciouse a saída do grupo do batería Álex Vilas e a incorporación de Jorge Guerra como o seu substituto.[16] A finais dese ano saíu á rúa a segunda parte do traballo que se iniciara con Realidades alienantes..., que levou por título ...Utopías emergentes, co selo Maldito Digital, producido de novo por Javier Abreu nos Océano Estudios de Patos, e masterizado en Londres por Andy Baldwin. A presentación veu acompañada da publicación do videoclip do primeiro tema do disco, "Sigue ardiendo",[17] que comeza cun discurso de José Saramago.[18]
En xaneiro de 2012 deron un pequeno concerto en Vigo para celebrar a morte de Manuel Fraga, no chamado "Fragasaurus Fest".[21][22] En maio de 2013, no Viña Rock, comezaron unha xira polo décimo aniversario do grupo,[23] que culminou en 2015 coa publicación dun disco de recompilacións titulado 10 anos na rúa, que incluía varios temas dos seus discos anteriores e unha versión en directo do tema "Mil berros" gravada no Castañazo Rock de Chantada.[24] No transcurso desa xira, en xaneiro de 2014, anunciouse a marcha de Jorge Guerra e a chegada do batería de Obrint Pas, "Maki", para ocupar o seu posto,[25][26] ao tempo que se presentou o videoclip de "Mil berros".[27] Ademais entrou como baixista Isra "Ligre", substituíndo a David. En 2015 regravaron en galego o seu último disco co título ...Utopías emerXentes, en colaboración coa plataforma Que voltem para a casa, para a cal foron os beneficios obtidos coas vendas do álbum.[28]
De cuncas e de mar e Filosofía incendiaria (2016-actualidade)
En 2016 publicaron un disco en directo titulado De cuncas e de mar, que inclúe un DVD cun concerto íntegro e imaxes sobre o día a día da banda.[29] Colaboraron no álbum Julio de La Raíz, Juankar de Boikot e ZOO entre outros.[30] Tras a publicación do traballo comezaron unha xira de nome "Lume Tour", que os levou por toda Galicia e España.[31] O 12 de abril de 2018 sacaron á venda un novo traballo, Filosofía incendiaria, un EP con cinco cancións gravadas en 2017. Foi gravado en Oleiros e Vigo[32] e incluíu as colaboracións de La Raíz,Ganjahr Family, Trópico de Grelos, DJ Mil e Antón Seoane, de Milladoiro, tocando a zanfona.[33] Deste EP publicaron catro videoclips, os das cancións "Lume", "Eterno festival", "Sobran as palabras" e "En Compostela". Na canción restante, "Escárnio e Maldizer", solidarízanse co CSOA Escárnio e Maldizer de Santiago de Compostela, desaloxado en 2017.[34] O traballo foi presentado no Viña Rock en abril e foi o inicio do "Filosofía Incendiaria Tour", co que xiraron pola Península[35] durante todo o 2018 e 2019.[36][37]