Xurxo Manuel Souto Eiroa, máis coñecido como Xurxo Souto, nado na Coruña o 25 de xullo de 1966, é escritor, músico, locutor galego.[1]
Traxectoria
Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi o líder e vocalista da banda de rock Os Diplomáticos de Monte-Alto entre 1990 e 2001, e gran difusor da música galega de agora e sempre. Outra das súas facetas a destacar é a de escritor. Ademais de ter sete libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.
Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega. Desde outubro de 2005 até abril de 2009 foi Director de Programas desta emisora. Tamén participou en Sitio Distinto (Antón Reixa) e o Luar da TVG.[2]
No eido audiovisual dirixiu a serie de programas Repichoca, sobre música popular, para a TVE en Galicia; a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo e o documental Dos gaiteiros do mar.
Alén de Os Diplomáticos de Monte-Alto, tocou -voz e acordeón- no conxunto Os Tres Trebóns e mais en Banda Xangai.
Foi colaborador do periódico coruñés La Opinión e participou, como socio promotor, no nacemento do xornal Nós Diario, no que fai parte do seu consello de administración.
Foi profesor de secundaria no IES Val de Tea de Ponteareas e en 2022 no IES Gregorio Fernández de Sarria.[4]