Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de xaneiro
Créditos: Mouser Williams
Orión,[1] o cazador, é unha constelación prominente, quizais a máis coñecida do ceo. As súas estrelas brillantes e visibles dende ambos hemisferios en inverno fan que esta constelación sexa recoñecida universalmente.
Orión atópase preto da constelación do río Eridanus e apoiado polos seus dous cans de caza Canis Major e Canis Minor loitando coa constelación de Taurus.
O Complexo de Nubes Moleculares de Orión é unha xigantesca estrutura de hidróxeno, po, plasma e estrelas nacentes que abarca a meirande parte da constelación. O complexo situado a unha distancia de 1.500 anos luz da Terra está formado por nebulosas de emisión, nebulosas de reflexión, nebulosas escuras e rexións HII. Destaca especialmente por ser unha rexión de intensa formación estelar e polas extraordinarias nebulosas que a forman:
Orión é moi útil para localizar outras estrelas. Estendendo a liña do cinto para o sueste, Sirius (α CMa) pode ser atopada; para o noroeste, Aldebaran (α Tau). Unha liña para o leste atravesando os ombreiros de Orión indican a dirección de Procyon (α CMi). Unha liña a partir de Rigel pasando a través de Betelgeuse apunta para Castor e Pollux (α Gem e β Gem). Adicionalmente, Rigel é parte do Círculo de Inverno. Sirius e Procyon, as cales poden ser atopadas dende Orión trazado liñas, tamén son puntos tanto dentro do Triángulo de Inverno coma do Círculo.[2]
Mitoloxía
Na mitoloxía grega, Orión, o gran cazador, fillo de Poseidón (Deus do Mar) e Euriale, era coñecido por liberar o mundo das bestas, e dicíase que era tan alto que podía cruzar o mar camiñando polo leito mariño sen perder pé. Porén, o seu poder, orgullo e prepotencia, convertérono nun ser presumido que afirmaba que ninguén podería derrotalo. Tal arrogancia despertou a ira da Deusa Hera, quen ordenou a Escorpión que o mordera no talón para ferilo de morte. Escorpión mordeulle e Orión matouno co seu garrote. Dende entón ámbolos dous son inimigos e ocupan posicións diametralmente opostas na bóveda celeste: cando Orión sae, Escorpión ocultase.
Noutra versión, Orión foi un xigante que naceu dos ouriños dos deuses Zeus, Poseidón e Hermes. Un día os deuses visitaron a un ancián chamado Hirieo que non podía ter fillos pero desexaba ter un. En agradecemento pola súa hospitalidade concederonlle-lo seu desexo: ouriñaron na pel do boi que tiña comido. Cando remataron dixéronlle que enterrara a pel e que dentro de nove meses tería ó seu fillo. Despois do prazo mencionado naceu un neno que foi chamado Orión en lembranza dos ouriños que o tiñan enxendrado.[3]
Existen máis versións do mito de Orión. Unha delas contase que Orión violara a Mérope, filla de Enopión, por este feito Enopión deixaría cego a Orión. Helios devolveríalle a vista e a continuación Orión converteuse en compañeiro de caza de Artemisa e Leto. Prometeu aniquilar todo animal que existise sobre a terra, polo que Gea enfadouse e fixo nacer un escorpión enorme que trabou a Orión e lle deu morte. Noutra versión foi Artemisa a que lanzou o escorpión contra Orión.[4]
Existe outra tradición que sostiña que Artemisa estaba namorada de Orión, feito que espertou os celos en Apolo, irmán xemelgo de Artemisa. Un día Apolo, vendo a Orión o lonxe, fixo unha aposta coa súa irmá a que non podía atinarlle cunha frecha ó animal (ou a un punto brillante lonxe no océano, noutra versión) que se movía ó lonxe dentro dun bosque (ou moi lonxe no mar). Artemisa lanzou a súa frecha e deu, coma sempre, no branco. Cando foi ver a súa presa, deuse conta de que matara ó seu amado Orión. Foi tan grande a súa tristura, os seus laios e malia que decidiu colocar a Orión no ceo para consolarse.[5]
Outra lenda conta que Orión acosaba ás Pléiades, fillas do titán Atlas, polo que Zeus colocounas no ceo. Aínda parece que, no ceo, Orión continúa perseguindo ás Pléiades.[6]
Orión está representado por un guerreiro alzando o seu arco, a súa espada ou garrote e cubríndose do inimigo cun vélaro ou escudo. Ó seu carón atópanse ós seus cans de caza: Canis Major e Canis Minor.