Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de xullo
Corona Borealis ou Coroa Boreal[1] é unha pequena constelación boreal. As súas principais estrelas forman un arco semicircular. Esta é unha das 88 constelacións modernas, e foi tamén unha das 48 constelacións listadas por Tolomeo, quen referiu á constelación coma Coroa. A palabra Borealis foi engadida despois, en contraste coa Corona Australis, a Coroa Austral.
Non ten estrelas de primeira magnitude. A súa estrela máis brillante, α CrB (Alphecca, tamén coñecida coma Gemma) ten unha magnitude de 2,2 (lixeiramente variable) e é considerada membro difuso da asociación estelar da Ursa Major. A constelación contén moitas estrelas variables interesantes: dúas das máis coñecidas son R Coronae Borealis e T Coronae Borealis.
Corona Borealis non contén obxectos do espazo profundo brillantes. Abell 2065 é un cúmulo de galaxias que contén cerca de 400 membros, o máis brillante deles é de magnitude 16.
Mitoloxía
Na mitoloxía grega a coroa pertence a Ariadna, filla do rei de Minos. Ariadna non quería acepta-la proposta de matrimonio de Dioniso, que tiña forma mortal, pois non quería casar cun humano despois de ser abandonada por Teseo. Para probar que era un deus, Dionisio quitouse a coroa e lanzouna ó ceo. Ariadna, compracida, casou con el e tornou inmortal.
Outra lenda di que Dionisio agasallou a Ariadna unha coroa coma presente de vodas. Cando ela morreu, o deus lanzou a coroa ó ceo onde ficou coma constelación. Posteriormente Ariadna foi divinizada por Zeus.