α Leonis (Regulus ou Régulo), estrela múltiple e a máis brillante na constelación con magnitude 1,35; o seu nome quere dicir 'pequeno rei' e está situada na parte de diante do león. A estrela principal é unha estrela quente branco-azulada 240 veces máis luminosa có Sol.
β Leonis (Denébola), no bordo oriental de León, é unha estrela branca e a segunda máis brillante con magnitude 2,14. Atópase relativamente próxima a nós, a só 36 anos luz. Dectectouse a presenza dun disco circumestelar ó seu redor.
γ Leonis (Algieba), unha fermosa estrela dobre con dúas compoñentes amarelo-alaranxadas, ambas estrelas xigantes, que poden ser vistas mediante o telescopio. De magnitude conxunta 2.21, é a terceira máis luminosa de León.
δ Leonis (Duhr ou Zosma), estrela branca a 58 anos luz, a cuarta máis brillante con magnitude 2,56.
ο Leonis (Subra), de magnitude 3,52, en realidade unha estrela binaria con dúas compoñentes (unha xigante amarela e unha estrela branca da secuencia principal) que se atopan moi preto entre si.
M65 e M66, dúas galaxias espirais a uns 35 millóns de anos luz: atópanse preto de Chertan (θ Leonis). Poden verse con prismáticos pero aprécianse mellor cun telescopio. Xunto con NGC 3628, forman o Triplete de Leo.
Galaxia espiral M96 e galaxia espiral barrada M95, esta última menos grande e brillante.
M105, NGC 3384 e NGC 3389, tres galaxias que aparecen coma un triángulo de luz difusa. M105, a máis brillante das tres, é unha galaxia elíptica.
O nacemento de León remontase á antigüidade, aínda que é posterior ás constelacións de Aries, Taurus e Saxitario. León correspóndese co León de Nemea, fillo de Tifón e Equidna, animal invulnerable que arrasaba os campos devorando ás persoas e ó gando. A primeira tarefa de Heracles foi matalo. O león tiña coma morada unha cova con dúas entradas, pero Heracles tapou unha delas e entrou pola outra para sorprender á fera. Abrazou ó león esganándoo ata afogalo, e despois coas súas propias poutas espelicouno e tomou para si mesmo a súa pel e a súa cabeza coma casco. Zeus transformou ó león en constelación para honrar ó seu fillo.
En Mesopotamia simbolizaba o lume e a culminación do quentamento solar no hemisferio norte. No Exipto, representaba ó Sol e a Monarquía. Os israelitas asociárono con Xudá, que se recosta coma o león, razón pola que figura no estandarte do reino homónimo. A tradición xudeocristiana relaciónao co evanxelistaSan Marcos.