Moeda de 10 centavos de dólar Mercury

10 centavos de dólar Mercury [1][2]
A/: alegoría da Liberdade cara á esquerda cun barrete frixio alado. Marca de gravador (AAW).

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: fasces e póla de oliveira. Marca de ceca.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE DIME

A moeda de 10 centavos de dólar Mercury é unha moeda estadounidense de prata co valor facial de 10 centavos de dólar e emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos desde finais de 1916 ata 1945.

Deseñada por Adolph Alexander Weinman, colleu o seu alcume porque a representación no anverso dunha alegoría da Liberdade, identificable polo seu barrete frixio alado, se confundiu co deus romano Mercurio (Mercury en inglés). Crese que Weinman utilizou como modelo a Elsie Stevens, esposa do avogado e poeta Wallace Stevens. O reverso da moeda representa unha fasces, símbolo de unidade e da forza, e unha póla de oliveira, símbolo de paz.

En 1916, a moeda de 10 centavos, a de 25 centavos e a de medio dólar, coñecidas como "serie Barber" por estaren deseñadas polo gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, Charles E. Barber, levaban 25 anos cuñándose e podían ser substituídas polo Tesouro, do que forma parte a US Mint, sen autorización do Congreso. Os responsables da Casa da Moeda pensaron erroneamente que era obrigatorio cambiar os deseños e convocaron un concurso entre tres escultores, no que tamén participou o Barber, quen levaba 36 anos no seu posto. Seleccionáronse os deseños de Weinman para a moeda de 10 centavos e para a de medio dólar.

Aínda que o deseño da nova moeda de 10 centavos foi admirado pola súa beleza, a Casa da Moeda dos Estados Unidos modificouno a se decatar de que os fabricantes de máquinas expendedoras tiñan dificultades para facer funcionar a nova moeda nos seus aparellos. A moeda seguiu en produción ata 1945, cando o Tesouro ordenou que un novo deseño, no que aparecía o presidente Franklin Roosevelt, que falecera recentemente, ocupase o seu lugar. A moeda de 10 centavos Mercury volveuse a cuñar, mais en ouro e para o coleccionismo numismático, en conmemoración do seu centenario en 2016.

Antecedentes

O 26 de setembro de 1890, o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha lei que dispuña o seguinte:[3]

O director da Casa da Moeda terá poder, coa aprobación do secretario do Tesouro, para facer que se preparen e se adopten novos deseños [...] Pero non se poderá cambiar o deseño nin o cuño de ningunha moeda máis dunha vez cada vinte e cinco anos a partir do ano da primeira adopción do deseño [...] No entanto, o director da Casa da Moeda ten a facultade, coa aprobación do secretario do Tesouro, de contratar temporalmente os servizos de un ou máis artistas, distinguidos nos seus respectivos departamentos de arte, que serán pagados polo devandito servizo da asignación continxente para a Ceca de Filadelfia.

A serie Barber estaba vixente na circulación desde 1892. Tratábase de moedas de prata de 10 centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar similares, todas deseñadas polo gravador xefe da Casa da Moeda Charles E. Barber. A introdución producírase logo dun concurso de deseño para substituír a serie Seated Liberty ("Liberdade sentada"), que se viñera cuñando desde a década de 1830.[4] A Casa da Moeda ofrecera só un pequeno premio ao gañador, e todos os artistas invitados se negaron a presentar as súas obras. O concurso estaba aberto ao público e o comité de avaliación non achara proposta axeitada ningunha.[5] O daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, Edward Leech, respondeu ao fracaso do concurso encargándolle a Barber a preparación de novos deseños para as moedas de 10 centavos, 25 centavos e medio dólar. Tras o seu lanzamento, a serie de moedas Barber suscitara un gran descontento entre a poboación.[6]

A partir de 1905, as sucesivas administracións presidenciais intentaran achegar deseños modernos e fermosos ás moedas dos Estados Unidos.[7] Logo do redeseño das moedas de 20 dólares, de 10 dólares, de 5 dólares e de 2½ dólares entre 1907 e 1908, así como os redeseños das moedas dun centavo e de 5 centavos de 1909 e 1913, respectivamente, os defensores de substituír as moedas de Barber comezaron a avogar polo cambio cando expirou o prazo das moedas vixentes, en 1916. Xa en 1914, Victor David Brenner, deseñador do centavo Lincoln, presentaras deseños non solicitados para as moedas de prata, ao que se lle respondeu dicindo que o secretario do Tesouro, William G. McAdoo, estaba daquela completamente ocupado con outros asuntos.[8]

Inicio

O 2 de xaneiro de 1915 publicouse no xornal Michigan Manufacturer and Financial Record unha entrevista co superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce:[9]

Polo que eu sei [...] non se pensou en emitir novas moedas dos valores de 50 centavos, 25 centavos e 10 centavos. Porén, se se fai un cambio, todos esperamos que se produzan moedas máis útiles e satisfactorias que as recentes de 20 dólares e de 10 dólares de Saint-Gaudens, e as de 5 dólares e de 2½ dólares de Pratt. A moeda de 5 centavos Buffalo e a dun centavo Lincoln tamén son defectuosos desde un punto de vista práctico. Todas son resultado do desexo do Goberno de cuñar moedas que satisfagan os artistas e non os cuñadores.

  

O superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce (aquí nunha plaqueta de George T. Morgan), criticou o centavo Lincoln e outras novas cuñaxes por considerar que cuñaban mal.

En xaneiro de 1915, o subsecretario do Tesouro, William P. Malburn, enviou ao secretario McAdoo un informe sobre a cuñaxe de moeda subsidiaria de prata, no que se sinalaba: "o medio dólar, o cuarto de dólar e a moeda de 10 centavos de prata actuais cambiáronse en 1892, polo que se pode adoptar un novo deseño en 1916. Isto pódese facer en calquera momento do ano".[10] A resposta de McAdoo foi: "que a Casa da Moeda presente deseños antes de que probemos con alguén alleo".[11]

En abril de 1915, Robert W. Woolley asumiu o cargo de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos e o 14 dese mesmo mes pediulle ao superintendente Joyce que lle solicitase ao gravador xefe Barber —daquela no seu 36º ano no cargo— que preparase novos deseños. O mesmo día, Malburn solicitou a opinión do procurador do Departamento do Tesouro sobre a idea da Casa da Moeda de que podía cuñar novos deseños para os tres valores faciais en 1916. O 17 de abril, a Oficina do Procurador respondeulle non había inconveniente legal ningún para cambiar os deseños.[12] Nese momento, a Casa da Moeda estaba intensamente ocupada producindo a emisión de moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico, e non se tomaron medidas inmediatas.[11] En outubro, Barber foi convocado a Washington para discutir os deseños de moedas con Woolley, aínda que non se sabe con certeza se daquela xa tiña preparados esbozos para a nova cuñaxe.[12]

O 3 de decembro, Woolley reuniuse coa Comisión de Belas Artes, á que lle pediu que vise os esbozos elaborados polo departamento de gravado da Casa da Moeda. Barber estivo presente para lles explicar o proceso de cuñaxe aos membros da Comisión. Woolley suxeriulles que, se non lles gustaba o traballo proposto pola Casa da Moeda, seleccionasen escultores que presentasen deseños propios para as novas pezas. A intención de Woolley era ter deseños distintos para a moeda de 10 centavos, a dun cuarto de dólar e a de medio dólar, xa que anteriormente as tres pezas foran case idénticas.[13] O director informou a Comisión de que, como a moeda existente levaba 25 anos en uso, habería que cambiala obrigatoriamente, algo que o historiador numismático David Lange cualifica de "interpretación errónea das leis de cuñaxe".[14]

Á Comisión non lle gustaron os esbozos da Casa da Moeda presentados por Barber,[15] polo que seleccionou os escultores Adolph Weinman, Hermon MacNeil e Albin Polasek para que presentasen propostas para as novas moedas. Os escultores poderían presentar varios esbozos. Aínda que a Casa da Moeda podía decidir utilizar un deseño para unha moeda non prevista polo seu escultor, os deseños non eran totalmente intercambiables, xa que por lei, tiña que aparecer unha aguia no reverso do cuarto de dólar e do medio dólar, pero non podía aparecer na moeda de 10 centavos. Woolley esperaba que cada escultor tivese éxito cunha soa peza.[16]

O director da Casa da Moeda, Robert W. Woolley (aquí nunha medalla de George T. Morgan), avogou pola fin da serie Barber.[17]

Os tres escultores presentaron os seus esbozos a mediados de febreiro e o 23 dese mesmo mes reuníronse con Woolley en Nova York para lle presentar as súas obras e responder ás súas preguntas. Logo das conversas entre Woolley e McAdoo, o 28 de febreiro notificóuselle a Weinman que resultaran seleccionados cinco dos seus esbozos: os de ambas as faces das moedas de 10 centavos e de medio dólar, e o do reverso da moeda dun cuarto de dólar. O mesmo día, Woolley escribiulle a MacNeil para lle dicir que el se ocuparía do anverso do cuarto de dólar, e a Polasek para o informar da súa falta de éxito.[18] Mais os membros da Comisión convenceron a Woolley de que non se lle debía confiar tanto a un só artista, polo que finalmente se lle permitiu a MacNeil deseñar ambas as faces do cuarto de dólar, sempre que modificase a súa proposta.[19]

O 3 de marzo anunciáronse publicamente as novas moedas, nun comunicado de prensa no que se indicaba tamén que o Tesouro esperaba que a súa produción comezase nuns dous meses, despois de finalizados os deseños. Ese mesmo día, Woolley escribiulle ao gravador da Casa da Moeda Barber para lle comunicar formalmente que os seus esbozos foran rexeitados e que os modelos de Weinman e MacNeil chegarían á Ceca de Filadelfia como máis tarde o 1 de maio.[20] Consonte o historiador numismático Walter Breen, Barber amosou unha actitude "túzara e nada colaborativa".[21] Lange sinala que se produciron "numerosas demoras mentres os artistas afinaban os seus modelos e, ao mesmo tempo, evitaban os obstáculos que Barber lles ía pondo no camiño. Malia ser bastante acertadas as súas observacións sobre moitos aspectos da cuñaxe, é evidente que poderían terse presentado dun xeito máis construtivo".[22] No seu libro sobre as moedas de 10 centavos Mercury, Lange sinala que Barber, á idade de 75 anos, se vira "obrigado nos últimos dez anos a participar na destrución sistemática dos logros de toda unha vida"; tivo que participar no proceso que deu lugar a que as moedas deseñadas por outros substituísen as deseñadas por el.[23]

Coas novas pezas, conseguiuse que todas as moedas estadounidenses en circulación tivesen un cambio recente de deseño —o dólar Morgan non se cuñaba daquela—.[24] Segundo unha columna publicada na revista The Art World máis tarde, en 1916:[25]

Desde aquel día [o século XIX] producíronse moitos progresos artísticos na nosa cuñaxe. Empregáronse escultores de sona con resultados admirables [...] E agora imos ter un novo medio dólar e unha nova moeda de dez centavos de Weinman, e unha nova moeda de 25 centavos de McNeill [sic]. En conxunto, en retrospectiva, parece un logro incrible.

Deseño

A estatua da Vitoria de 1909, obra de Weinman, no Monumento aos Soldados e Mariñeiros da Unión de Baltimore, amosa trazos semellantes aos dos 10 centavos Mercury.

Weinman nunca revelou o nome da modelo do anverso, e non houbo ningunha persoa que se identificase como tal. Así e todo, crese que a Liberdade alada se baseou nun busto que Weinman esculpiu en 1913 de Elsie Stevens, a esposa de Wallace Stevens, avogado e executivo de seguros que máis tarde se fixo famoso como poeta. Wallace e Elsie Stevens alugáronlle un apartamento a Weinman de 1909 a 1916. Nun borrador da súa autobiografía inédita, Woolley escribiu que Weinman se negou a nomear a modelo, pero que lle dixo que era a muller dun avogado que vivía encima do seu apartamento de Manhattan —Woolley, nunha versión posterior, omitiu a localización, dicindo só que Weinman dixo que era a muller dun amigo avogado—. Woolley deixou constancia de que lle dixeran que a modelo levaba a parte superior dunhas medias vellas para simular o barrete. En 1966, Holly Stevens, filla de Wallace e de Elsie, sinalou na súa edición das cartas do seu pai que Elsie fora a modelo da moeda de 10 centavos e do medio dólar de Weinman.[26][27] Os trazos da Liberdade tamén gardan parecido co rostro da Liberdade no grupo escultórico de Weinman erixido en 1909 en Baltimore, coñecido como Union Soldiers and Sailors' Monument.[28]A moeda de 10 centavos de Weinman representa a Liberdade cunha grilanda de rizos apertados e o tradicional pileus ou barrete da Liberdade. A súa representación do pileus como barrete alado provocou a comparacións cos denarios da República Romana, que o historiador da arte Cornelius Vermeule considerou superficiais. Weinman escribiu que consideraba que o barrete alado simbolizaba a "liberdade de pensamento". Vermeule suxire que unha das razóns do uso de ás era que a Weinman, igual que a moitos da tradición de Augustus Saint-Gaudens, con quen Weinman estudara, lle gustaba o efecto das plumas en relevo.[29]

O reverso representa unha fasces, o obxecto que portaban os lictores, que acompañaban os maxistrados romanos; na moeda representa a guerra e a xustiza. Contrasta cunha gran póla de oliveira, que simboliza a paz.[29][30] Segundo Breen, "a mensaxe simbólica de Weinman neste deseño [...] é claramente un 'non me pises' actualizado".[21] A fasces está atada horizontal e diagonalmente por unha correa de coiro, cos extremos soltos na parte inferior.[30] A letra é de estilo romano e o máis discreta posible.[29] O monograma de Weinman (AAW), aparece no anverso, a medio camiño entre a data e a letra Y de LIBERTY.[22] A marca de ceca áchase no reverso, á dereita do primeiro E de ONE DIME.[31]

Woolley describiu o deseño no seu informe de 1916 ao secretario do Tesouro:[32]

O deseño da moeda de dez centavos, polo seu pequeno tamaño, mantívose bastante simple. O anverso amosa a cabeza da Liberdade cun barrete alado. A cabeza ten unha forma sinxela e firme, e o perfil é enérxico. O reverso amosa un deseño do feixe de varas, con machada de batalla, coñecido como "fasces", e simboliza a unidade, onde reside a forza da nación. Arredor das fasces hai unha póla de oliveira, símbolo da paz.

Preparación

Adolph Weinman, deseñador dos 10 centavos Mercury, traballando no seu estudio.[33]

Logo do éxito de Weinman no concurso, visitou a Casa da Moeda dos Estados Unidos para discutir a conversión dos seus modelos en cuños acabados. A primeira vez non estaba presente Barber nas instalacións, pero mantivo unha produtiva conversa co gravador asistente, George T. Morgan. Seguiron outras visitas, e o 29 de marzo Woolley escribiulle ao superintendente Joyce: "confidencialmente, os escultores que deseñan as novas moedas consideraron que na súa última viaxe o Sr. Morgan foi moito máis cordial e cooperativo que o Sr. Barber. Decátome de que estou a tratar con temperamentos artísticos en ambos os extremos".[34] Un caso grave de amigdalite atrasou o traballo de Weinman e fixo que solicitase unha prórroga do prazo do 1 de maio. O 29 de maio, Woolley escribiulle a Weinman que os deseños, tanto para a moeda de 10 centavos como para o medio dólar, foran aceptados pola Casa da Moeda.[23]

Como en 1916 non se cuñara ningún exemplar da serie Barber de ningún dos seus valores faciais, a demanda acumulada de circulante era elevada. O 24 de xuño, Woolley escribiulle a Joyce:[12]

A moeda de dez centavos está ben. Por favor, procura que os cuños para as tres cecas se fabriquen o antes posible, para que a cuñaxe das novas moedas de dez centavos poida comezar axiña. A demanda destas moedas é moi grande. Todas as persoas ás que se lles amosaron as moedas pensan que son fermosas. Rógolle que non pague ningunha das novas moedas de dez centavos ata que reciba instrucións especiais desta oficina.

Dous días máis tarde, interrompeuse o traballo cos cuños porque se decidiu que as letras non eran o suficientemente claras. O atraso, porén, non impediu que a Casa da Moeda autorizase o pagamento a Weinman polos seus deseños.[23] O 15 de xullo, Woolley dimitiu como director da Casa da Moeda para traballar como responsable de publicidade da campaña de reelección de Woodrow Wilson. Como o novo director, Friedrich Johannes Hugo von Engelken, non tomou posesión ata o 1 de setembro de 1916, Fred H. Chaffin converteuse en director en funcións. Ao non estar listo para a súa produción ningún dos novos deseños e ao haber unha gran demanda de moeda miúda na circulación, a Casa da Moeda non tivo outra alternativa que cuñar millóns de moedas de 10 centavos e dun cuarto de dólar correspondentes á serie Barber.[12]

Cuñaxe de proba dos 10 centavos Mercury de 1916, tal como se ilustra no informe do director da US Mint dese ano. A cabeza está máis á dereita da moeda que na versión final e a cobre menos o "E". Tamén carece do monograma de Weinman.[35]

Solucionados os problemas coas letras, o director interino Chaffin suspendeu a produción de moedas de 10 centavos Barber o 29 de agosto e ordenou que a produción da moeda de 10 centavos Mercury comezase o día seguinte na Ceca de Filadelfia. Barber preparara tamén cuños para a Ceca de Denver e para a Ceca de San Francisco, mais aínda estaban en tránsito.[12]

Enviáranse pequenas cantidades da nova moeda de 10 centavos a fabricantes de máquinas expendedoras e teléfonos públicos; o 6 de setembro, dúas empresas informaron de problemas coas moedas. AT&T queixouse de que as novas moedas de 10 centavos eran demasiado grosas e non funcionaban nos seus teléfonos. American Sales Machines —propiedade de Clarence W. Hobbs, cuxas queixas xa atrasaran o lanzamento da moeda de 5 centavos Buffalo— solicitou cambios no deseño para que o seu detector de billetes falsos puidese funcionar. Así as cousas, Von Engelken ordenou deter a produción de moedas de 10 centavos. En realidade, a moeda non era demasiado grosa, senón que a grafila resultara demasiado alta ao gravarse, un defecto coñecido como "aleta". Este fora xa un problema constante á medida que se producía o deseño de Weinman, aínda que se pensaba que estaba corrixido.[36] Como aínda non se iniciara a cuñaxe de moedas de 10 centavos Mercury nas dúas cecas occidentais, retomouse novamente a produción de moedas de 10 centavos de Barber. Despois da publicación na prensa dun artigo no que se citaba a Joyce, Von Engelken ordenou ao seu persoal que non falase cos xornalistas.[12]

Os problemas coa moeda de 10 centavos supuñan un elemento problemático potencial no contexto dunha campaña presidencial en marcha. McAdoo preguntou canto tempo cumpriría para cuñar outro deseño e informárono de que se tardarían meses. No seu lugar, Weinman preparou unhas lixeira modificacións no deseño, separando lixeiramente as letras de LIBERTY do bordo e rebaixando o relevo, para que non se producisen as non desexadas "aletas". McAdoo aprobou o deseño revisado o 28 de setembro e eses cambios disiparon as preocupacións de ambas as empresas. O 6 de outubro, Von Engelken autorizou a Joyce a elaboración dos cuños finais e as novas moedas entraron en produción. Todas as cuñaxes producidas con anterioridade, entre elas as de proba de cuños e ás enviadas ás empresas para a súa análise, foron fundidas, aínda que hoxe se sabe que existe polo menos un exemplar supervivente.[37]

Lanzamento e produción

A Comisión de Ensaios dos Estados Unidos de 1916 reuniuse o 9 e o 10 de febreiro. Entre os seus membros están o daquela director da Casa da Moeda Robert W. Woolley (de pé, cuarto pola esquerda), o gravador xefe Charles E. Barber (de pé, terceiro pola esquerda) e o superintendente da Ceca de Filadelfia Adam Joyce (de pé, no extremo dereito).[38]

A moeda de 10 centavos Mercury entrou en circulación o 30 de outubro de 1916, o mesmo día en que cesou definitivamente a produción da moeda de 10 centavos da serie Barber. Varios xornais publicaron as súas queixas de que o monograma de Weinman era demasiado prominente no anverso; segundo The New York Times, o Tesouro estaba a considerar a súa eliminación.[39] O 4 de novembro, Weinman preguntoulle a Joyce se se prevía tal eliminación e, como resposta, recibiu eloxios sobre o seu deseño e a declaración de Joyce de que a Casa da Moeda non era responsable do que aparecese publicado na prensa. Weinman volveu a escribir, coa esperanza de facer cambios na moeda de 10 centavos, pero dixéronlle que só unha lei do Congreso podía autorizar cambios no deseño.[40]

Das tres moedas en circulación cuñadas por primeira vez en 1916, a de 10 centavos Mercury foi especialmente enxalzada. O primeiro día de circulación, a súa distribución limitouse aos bancos. Un xornal de Minneapolis alcumou os 10 centavos como "machada de batalla" ou "golf", pola súa semellanza entre a fasces e o equipamento deste deporte.[41] Unha carta ao editor en The Numismatist de xaneiro de 1917 parece ser a primeira referencia numismática á moeda co alcume de Mercury.[42] Lange rastrexou a historia desta denominación errónea:[12]

Esta atribución errónea apareceu case inmediatamente na prensa popular, xa que os escritores imaxinaron que a Liberdade, obviamente feminina, era en realidade unha representación de Mercurio, mensaxeiro dos deuses romanos da mitoloxía e con toda seguridade un varón. Aínda hoxe se coñece popularmente como a moeda de dez centavos Mercury, malia os nobres pero infrutuosos intentos dalgunhas publicacións de reverter este erro.

O gravador xefe Barber finou o 18 de febreiro de 1917, logo de 37 anos no cargo. O seu sucesor foi Morgan, de 72 anos, que traballara baixo as ordes de Barber durante todo o seu mandato.[43]

A moeda de 10 centavos cuñouse en cantidades substanciais ata 1930, coa notable excepción da emisión de 1916-D (Denver),[44] e de 1921 a 1923,[45] cando unha recesión económica fixo que diminuíse a necesidade de moedas en circulación. En 1922 non se cuñaron moedas de 10 centavos, a primeira vez que isto ocorría desde 1826. Co inicio da Gran Depresión, as cuñaxes volveron diminuír en 1930 e 1931, e suspendéronse por completo en 1932 e 1933. As datas de baixa cuñaxe non son raras hoxe en día, xa que moitas foron atesouradas, e os bancos puideron conseguir doadamente moedas de 10 centavos de 1930 e 1931 logo da mellora da situación económica. Cando a economía empezou a recuperarse, a cuñaxe retomouse en 1934, e a moeda de 10 centavos cuñouse en grandes cantidades cada ano ata a fin da serie.[12][30][46]

A morte do presidente Franklin Roosevelt en abril de 1945 suscitou a petición inmediata de cuñar unha moeda coa súa imaxe. Como Roosevelt estivera vinculado estreitamente á March of Dimes —unha organización sen ánimo de lucro centrada na saúde materna e infantil—, e dado que o deseño da moeda de 10 centavos podía ser substituído sen necesidade dunha acción do Congreso, porque estivera en circulación durante máis de 25 anos, o Tesouro dedicar a Roosevelt unha nova moeda de 10 centavos. O daquela gravador xefe da Casa da Moeda, John R. Sinnock, sucesor de Morgan, realizou o deseño da nova moeda de 10 centavos Roosevelt, que substituíu a de 10 centavos Mercury en 1946, polo que 1945 foi o derradeiro ano en que se fabricou. Segundo a entón directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, cuñouse un total de 2.677.232.488 moedas de 10 centavos Mercury.[12]

Coleccionismo

A moeda de 10 centavos Mercury de 1916-D, cuñada na Ceca de Denver, é a data clave da serie, cunha tiraxe de 264.000 exemplares.[12][44] A baixa cantidade débese a que en novembro de 1916 von Engelken informou os tres superintendentes das cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco dun gran pedido de moedas dun cuarto de dólar, e deu instrucións de que Denver cuñase só estas últimas ata completar o pedido. A cuñaxe de moedas de 10 centavos en Denver non se retomou ata ben entrado 1917, polo que o 1917-D tamén é relativamente raro.[30]

Coñécense poucas variantes da serie de moedas de 10 centavos Mercury.[47] Hai unha sobredatación de 1942 sobre 1941 que, en realidade, se trata dun erro de dobre cuño: o cuño de anverso co que se produciron esas moedas tomou unha impresión dunha matriz con data de 1942 e outra con data de 1941[48] —ata a década de 1990, os cuño precisaban dúas impresións dunha matriz para que o deseño quedase totalmente impreso—. Sinnock declarou que o máis probable é que as pezas se cuñasen a finais de 1941, cando se estaban a preparar os cuños de 1942.[49]

Tamén se produciu nesa época, aínda que menos evidente a simple vista, a sobredatación 1942/1941-D. Outra variedade popular é a coñecida como "micro S" de 1945-S, cunha marca de ceca máis pequena do normal.[50] Esta variedade foi causada polo uso en tempos de guerra por parte da Casa da Moeda dun punzón que se elaborara para o seu uso na moeda filipina de principios do século XX cuñada na Ceca de San Francisco, que só tiña un pequeno espazo para a marca de ceca.[51]

A partir de 1928, as editoriais privadas comezaron a publicar álbums de moedas, a maioría en forma de cartafol, que se utilizaron amplamente para coleccionar estas pezas, o que provocou un grande aumento do interese por coleccionar moedas actuais por data e marca de ceca.[49]

Moitas moedas de 10 centavos Mercury amosan a aparencia de non estar totalmente cuñadas, o que significa que os detalles do deseño se perdían mesmo antes da súa entrada en circulación. As moedas de 10 centavos excepcionalmente ben cuñadas, máis valoradas polos coleccionistas, amosan todos os seus trazos completos e con todos os seus detalles. Logo da súa posta en circulación, o reverso destas moedas tendía a sufrir máis doadamente o desgaste por mor da súa grafila máis baixa en relación co relevo do deseño.[52][53]

Aínda que en Denver non se cuñaron moedas de 10 centavos de 1923 nin de 1930, pódense achar espécimes falsificados correspondentes a esta ceca e destas datas. Estas falsificacións cuñáronse en prata de boa calidade, o que permitiu ao falsificador beneficiarse da diferenza entre o custo de produción e o seu valor nominal. Estes exemplares apareceron despois da segunda guerra mundial e estiveron en circulación, e crese que foron cuñados na Unión Soviética, un país coñecido polas súas falsificacións recorrentes de moeda estadounidense durante o conflito mundial.[54]

O proxecto Mercury

Varias moedas de 10 centavos de Mercury foron lanzadas ao Espazo o 21 de xullo de 1961, na misión suborbital Mercury-Redstone 4, o segundo voo tripulado do proxecto Mercury e o segundo voo espacial tripulado dos Estados Unidos. As moedas fundíronse coa cápsula no océano Atlántico, pero foron recuperadas máis tarde coa cápsula a unha profundidade de case 4.900 metros en 1999.[55]

Emisión en ouro polo centenario

Emisión en ouro polo centenario da moeda.[56][57]

A Casa da Moeda dos Estados Unidos puxo á venda, o 21 de abril de 2016,[58] unha versión en ouro da moeda de 10 centavos Mercury conmemorativa do seu centenario, cuñadas na Ceca de West Point (marca de ceca W), cun peso de 3,11 gramos.[57][56] Esta emisión vendeuse a través do sitio web oficial da Casa da Moeda. A demanda foi tan alta que xa non se puideron hacer pedidos nos 45 minutos seguintes á súa posta á venda.[59][60][61]

O 26 de abril, a US Mint informou de que vendera 122.510 unidades, a só 2.490 pezas da cuñaxe máxima permitida.[62] O resto, que incluía as moedas non vendidas e as devoltas á Casa da Moeda por vendas anteriores, púxose á venda o 15 de decembro de 2016, cun límite dunha por cliente,[63] e esgotouse en 90 minutos.[64]

Tiraxes e cecas

Na moeda de 10 centavos Mercury, a marca de ceca aparece como unha inicial en tamaño pequeno, situada no reverso entre a letra E de ONE e a base da póla de oliveira. Os exemplares cuñados na Ceca de Filadelfia carecen de marca de ceca.[1][56]

Ano Ceca Tiraxe [1][46][65]
Proof Circulación
1916 0 22.180.080
D 0 264.000
S 0 10.450.000
1917 0 55.230.000
D 0 9.402.000
S 0 27.330.000
1918 0 26.680.000
D 0 22.674.800
S 0 19.300.000
1919 0 35.740.000
D 0 9.939.000
S 0 8.850.000
1920 0 59.030.000
D 0 19.171.000
S 0 13.820.000
1921 0 1.230.000
D 0 1.080.000
S 0 0
1923 0 50.130.000
D 0 0
S 0 6.440.000
1924 0 24.010.000
D 0 6.810.000
S 0 7.120.000
1925 0 25.610.000
D 0 5.117.000
S 0 5.850.000
1926 0 32.160.000
D 0 6.828.000
S 0 1.520.000
1927 0 28.080.000
D 0 4.812.000
S 0 4.770.000
1928 0 19.480.000
D 0 4.161.000
S 0 7.400.000
1929 0 25.970.000
D 0 5.034.000
S 0 4.730.000
1930 0 6.770.000
D 0 0
S 0 1.843.000
Ano Ceca Tiraxe
Proof Circulación
1931 0 3.150.000
D 0 1.260.000
S 0 1.800.000
1934 0 24.080.000
D 0 6.772.000
S 0 0
1935 0 58.830.000
D 0 10.477.000
S 0 15.840.000
1936 4.130 87.500.000
D 0 16.132.000
S 0 9.210.000
1937 5.756 56.860.000
D 0 14.146.000
S 0 9.740.000
1938 8.728 22.190.000
D 0 5.537.000
S 0 8.090.000
1939 9.321 67.740.000
D 0 24.394.000
S 0 10.540.000
1940 11.827 65.350.000
D 0 21.198.000
S 0 21.560.000
1941 16557 175.090.000
D 0 45.634.000
S 0 43.090.000
1942 22.329 205.410.000
D 0 60.740.000
S 0 49.300.000
1943 0 191.710.000
D 0 71.949.000
S 0 60.400.000
1944 0 231.410.000
D 0 62.224.000
S 0 49.490.000
1945 0 159.130.000
D 0 40.245.000
S 0 41.290.000
2016 - 0 0
- 0 0
W 0 125.000

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.com
  2. "Mercury Dime Specifications". Mercurydime.net
  3. Richardson, W. A. (Ed.) (1891). Páxinas 806-807. 26 Stat L. 484, amendment to R.S. §3510.
  4. Breen, W. (1988). Páxinas 572-573.
  5. Lange, D. W. (2006). Páxina 134.
  6. Lange, D. W. (2006). Páxinas 134-136.
  7. Burdette, R. W. (2005). Páxina 12.
  8. Burdette, R. W. (2005). Páxina 13.
  9. Carter, F. E. (1915).
  10. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 13-14.
  11. 11,0 11,1 Burdette, R. W. (2005). Páxina 14.
  12. 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 Lange, D. W. (1993). "Chapter 1: History of the Mercury dimes".
  13. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 14-15.
  14. Lange, D. W. (1993). Páxina 3.
  15. Burdette, R. W. (2005). Páxina 16.
  16. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 19-20.
  17. "Robert Wickliffe Woolley". En Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxinas 156-157.
  18. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 22-23.
  19. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 26-27.
  20. Lange, D. W. (1993). Páxinas 4-5.
  21. 21,0 21,1 Breen, W. (1988). Páxina 326.
  22. 22,0 22,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 150.
  23. 23,0 23,1 23,2 Lange, D. W. (1993). Páxina 4.
  24. Vermeule, C. (1971). Páxina 139.
  25. "The Administration and its Attitude to Art: The Coinage". En The Art World. The Kalon Publishing Company, Nova York. Vol. 1. Nº 1. Páxinas 19-20, 74. Outubro de 1916.
  26. Burdette, R. W. (2005). Páxina 172.
  27. Serio, J. N. (2018). "Elsie Stevens, Audrey Munson, and the Model for the 1916 Dime and Half Dollar". En Wallace Stevens Journal. Johns Hopkins University Press. Vol. 42. Nº 2. Páxinas 153-175.
  28. Burdette, R. W. (2005). Páxina 173.
  29. 29,0 29,1 29,2 Vermeule, C. (1971). Páxina 145.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 Lange, D. W. (2012).
  31. Breen, W. (1988). Páxina 327.
  32. Woolley, R. W. (1916). Páxina 8.
  33. The Independent. Vol. 89. Xaneiro/marzo de 1917. Páxina 94.
  34. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 347-348.
  35. Woolley, R. W. (1916). Lámina posterior á páxina 6 (non numerada).
  36. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 60-61.
  37. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 62-65, 105.
  38. The Numismatist. Vol. 29. Nº 5. Maio de 1916. Páxina 226.
  39. Burdette, R. W. (2005). Páxina 65.
  40. Burdette, R. W. (2005). Páxina 66.
  41. Burdette, R. W. (2005). Páxina 93.
  42. Burdette, R. W. (2005). Páxina 94.
  43. Burdette, R. W. (2005). Páxina 178.
  44. 44,0 44,1 "1916-D Mercury Dime". Mercurydime.net
  45. "1921 Mercury Dime" e "1921-D Mercury Dime". Mercurydime.net
  46. 46,0 46,1 "Mercury Dime Mintage". Mercurydime.net
  47. Lange, D. W. (1993). "Chapter 6: 1942/41".
  48. "1942/1 Mercury Dime". Mercurydime.net
  49. 49,0 49,1 Lange, D. W. (1993). "Chapter 3: Collecting".
  50. "1945-S 10C Micro S". Professional Coin Grading Service.
  51. Lange, D. W. (1993). "Chapter 6: 1945-S Micro S".
  52. Lange, D. W. (1993). "Chapter 5: Grading".
  53. "Full Split Bands Mercury Dimes". Mercurydime.net
  54. Lange, D. W. (1993). "Chapter 4: Counterfeit & Altered Coins".
  55. Angelo, J. A. (2014). Human Spaceflight. Infobase Publishing. Páxina 87. ISBN 978-0-8160-5775-7
  56. 56,0 56,1 56,2 "1 Dime Mercury Dime Gold Commemorative". Numista.com
  57. 57,0 57,1 "Mercury Dime 2016 Centennial Gold Coin". United States Mint.
  58. "United States Mint Opens Sales for 2016 Mercury Dime Centennial Gold Coin on April 21". United States Mint. 14 de abril de 2016.
  59. "2016 Mercury Dime Centennial Gold Coin (Updated)". Mint News Blog. 20 de abril de 2016.
  60. Walker, H. (2016). "U.S. Mint Sells Out Current Stock of 2016 Mercury Dime Centennial Gold Coin". En Coin Week. 21 de abril.
  61. Harper, D. (2016). "Nostalgia goes for the gold". En Numismatic News. 22 de abril.
  62. "2016 Mercury Dime Centennial Gold Coin Unofficial Sales Total (Updated)". Mint News Blog. 25 de abril de 2016.
  63. "United States Mint Reopens Sales for 2016 Mercury Dime Centennial Gold Coin on December 15". United States Mint. 13 de decembro de 2016.
  64. O'Donnell, J. (2016). "Last batch of gold 'Mercury' dimes sell out quickly Arquivado 06 de marzo de 2023 en Wayback Machine.". En Coin World. 15 de decembro.
  65. "Proof Mercury Dimes". Mercurydime.net

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
10 centavos Barber

Moeda de 10 centavos de dólar

(1916 - 1945)
Sucesor:
Moeda de 10 centavos de dólar Roosevelt