Hermon Atkins MaxNeil naceu na granxa familiar en Everett,[2] fillo do granxeiro e construtor John Clinton MacNeil e da súa esposa, Mary Lash. Asistiu á Massachusetts Normal Art School —logo coeñecida como Massachusetts College of Art and Design—, onde se graduou en 1886.[3][4]
De regreso a América, instalouse primeiro no oeste, onde pasou unha tempada convivindo coas poboacións indíxenas e facendo esbozos para posteriores obras escultóricas.[2] Posteriormente dedicouse ao traballo nun estudio de Chicago, en tanto que ensinaba no Instituto de Arte desa cidade.[4][5]
En 1895 acadou a bolsa Rinehart, grazas á cal puido pasar en Roma unha etapa formativa de catro anos (1896-1900), durante a cal se converteu no alumno predilecto de John Quincy Adams Ward.[3] Antes de marchar a Roma casou con Carol Brooks, unha antiga alumna tamén escultora, que o acompañou na súa estadía alí.[5]
Ao seu regreso aos Estados Unidos exerceu a docencia en varias das mellores escolas de arte do país. Foi un dos primeiros profesores de Debuxo e Modelaxe da Universidade Cornell,[5] e tamén ensinou no Pratt Institute, de Brooklyn, na Art Students League e na Academy of Design de Nova York.[8] Estableceuse en Queens, onde xa en 1900 montou un estudio propio no barrio de College Point, que se converteu no seu fogar durante 47 anos, ata o seu falecemento.[3][5]
Entre outras sociedades eruditas e artísticas, MacNeil foi presidente da National Sculpture Society e membro da National Academy of Design, da New York Architectural League, da New York Municipal Art Association, da American Federation of Arts, da American Academy in Rome e da Century Association. En 1906 foi escollido membro da American Academy of Arts and Letters.[3]
Vida persoal
Hermon Atkins MacNeil casou o 25 de decembro de 1895 con Carol Brooks MacNeil, unha das súas antigas alumnas e tamén unha destacada escultora,[7] con quen tivo tres fillos. Esta súa primeira esposa finou en 1944 e MacNeil casou en segundas nupcias con Cecilia Weick Muench, en 1946.[3][4]
MacNeil faleceu na súa casa en Queens, Nova York, o 2 de outubro de 1947.[4][9]
Así mesmo, MacNeil realizou os bustos de Rufus Choate, Francis Parkman e James Monroe para o Salón da Fama da Universidade de Nova York e un busto do seu mestre e antigo patrocinador, John Quincy Adams Ward, para o Salón de Artistas da mesma universidade.[3]
Os traballos de MacNeil fixérono merecedor de medallas nas exposicións de Chicago, Buffalo, París e San Francisco. Tamén recibiu medallas na exposición de Charleston de 1902, na exposición de San Luís de 1904 e na exposición de Atlanta de 1895.[3]
Mais quizais a súa obra máis senlleira e recoñecida sexa o deseño da moeda dun cuarto de dólar da "Liberdade en pé", que se cuñou entre 1916 a 1930 e leva a súa inicial ("M") á dereita da data. Para se encargar deste traballo, MacNeil foi o gañador dun concurso no que participaron máis de 50 artistas.[3][4]