Os Xogos Olímpicos de 1932 tiveron lugar nos Ánxeles (California) entre o 30 de xullo e o 14 de agosto, coa participación de 1.332 atletas (1.206 homes e 126 mulleres), representando 37 países, en 17 modalidades deportivas.
Historia
Após case tres décadas en Europa, os Xogos Olímpicos atravesaron o océano Atlántico e América até a soleada California, a única rexión do país que sobrelevara economicamente a Gran Depresión tralo crack de 1929. Por causa da distancia, o número de participantes foi menor que nos anteriores, mais os Xogos tiveron unha gran calidade técnica, coa superación de 18 récords mundiais, e sendo introducido o límite máximo de tres competidores por país nas probas individuais, regra que perdura até os nosos días.
Nos Ánxeles foi construída a primeira vila olímpica verdadeira da historia, composta de setecentos chalés e disposta nunha área adxacente ó monumental estadio Memorial Colyseum, sede dos Xogos. Os organizadores tamén introduciron nestes Xogos os máis modernos servizos de cronometraxe e fotografía electrónica da chegada da época, construíron a máis espectacular e veloz pista de atletismo do mundo, e crearon un proceso rápido e profesional de divulgación dos resultados para a prensa, alén da transmisión simultánea de toda a competición por dúas emisoras de radio.
Todos os eventos foron disputados no prazo de dúas semanas sen interrupción, o que a partir deste momento guiaría o sistema de disputa dos Xogos Olímpicos.