Os Xogos Olímpicos de 1968 foron realizados en Cidade de México entre o 12 e o 27 de outubro de 1968. Por primeira vez os Xogos celebráronse en América Latina e a altitude de 2.300m por riba do nivel do mar da capitalmexicana xerou controversias sobre os danos que o aire menos denso podería causar no desempeño dos atletas. Realmente, a altitude prexudicou o desempeño dos atletas nas probas de resistencia e de longa distancia, como o ciclismo, a natación e o maratón, mais en compensación axudou a provocar un torrente de marcas mundiais e olímpicas nos eventos máis curtos e de esforzo mais rápido como as carreiras de menos de 800m, halterofilia, lanzamento de xavelina e outros.
Contexto
O ano de 1968 foi un ano bastante confuso e violento, coa guerra de Vietnam, a Revolución Cultural na China, a invasión soviética de Checoslovaquia acabando coa chamada Primavera de Praga, revoltas estudantís, marchas polos dereitos civís e enfrontamentos raciais por todo o planeta. México tamén deu a súa contribución ó clima que marcaba esta época, cando tropas federais do goberno reprimiron sanguinariamente a centenares de estudantes durante manifestacións na Praza das Tres Culturas, dez días antes da cerimonia de apertura dos Xogos, no que ficou coñecido a partir de outubro dese ano como o Masacre de Tlatelolco, manchando irremediablemente o espírito olímpico pregado polo COI e polo seu fundador, o Barón de Coubertin, provocando case o cancelamento do evento.[1]
Participación
Por primeira vez o número de estados participantes pasaba de cen, nunha demostración de prestixio, interese e popularidade innegables conquistados polos Xogos Olímpicos, que atraeron o comparecemento de 112 países, nun total de 5.516 atletas, sendo 781 mulleres.
O logotipo de México empregou unha tipografía que sería reutilizada no Mundial de fútbol e que se consolidou como asociada á cultura mexicana moderna. O facho olímpico estaba formado por outros máis pequenos que reproducían as letras do logotipo en tres dimensións.[2]
Black power
Unha das imaxes máis icónicas dos Xogos do 68 foi o saúdo de Black power feito polos atletas velocistas dos Estados Unidos contra a discriminación racial.