Os II Xogos Olímpicos da Era Moderna realizáronse en 1900, en París, Francia, terra natal do seu creador, o Barón Pierre de Coubertin. Infelizmente, por cuestións políticas, os Xogos foron integrados na Exposición Universal de París, unha gran feira mundial de comercio realizada por Francia na época, e por ter sido diluídos ó longo de máis de cinco meses, entre o 14 de maio e o 28 de outubro, non tiveron ningunha relevancia, sendo unanimemente considerados un fracaso.
Oficialmente, en Francia, as xogos foron bautizados como Concurso Internacional de Exercicios Físicos e de Deportes, e os participantes chegaron a imaxinar todo menos que participaban nunha celebración deportiva, tantas eran as actividades paralelas nas artes e no comercio ofrecidas pola feira. Alén diso, París non posuía ningún complexo deportivo olímpico e as probas de atletismo disputáronse no medio dos bosques e árbores do Bois de Boulogne e a natación en plena corrente do río Sena.
O Comité Olímpico Internacional tivo pouca influencia na condución destes Xogos, competendo á organización da Exposición Universal a organización dos eventos. Como a organización consideraba o deporte unha actividade secundaria, as diferentes modalidades foron espalladas polos diversos locais da Exposición e moitas veces con clasificacións canto menos curiosas. Particularmente, a organización clasificou a ximnasia na sección de "deporte escolar para nenos", esgrima na sección de "coitelería" e remo na sección de "socorrismo".
Adicionalmente, ó longo da Exposición Universal e concorrentemente coas modalidades olímpicas realizáronse eventos en moitos outros deportes, tales como motonáutica, carreiras en globo, natación subacuática, natación con obstáculos e tiro ós pombos, que non foron recoñecidos como modalidades olímpicas, polo que eses eventos non se consideran parte dos Xogos Olímpicos de 1900.
Por mor da gran confusión que foi a organización dos Xogos da II Olimpíada, o número de participantes (e mesmo de modalidades) varía largamente de acordo con diferentes fontes. De acordo co Comité Olímpico Internacional participaron 997 atletas, representando 24 estados e competindo en 20 modalidades.
En fútbol, soga-tira, polo, remo e tenis, competiron equipos mixtas, compostos por atletas de diferentes nacións.