François de Montcorbier ou de Loges, chamado François Villon nado en París en 1431 ou 1432 e desaparecido en 1463 foi un poeta francés.
A súa creación máis célebre é Ballade des pendus, escrita cando esperaba a súa execución na forca.
Os datos sobre a vida de François Villon son incertos: díxose del que era un marxinal e quen tratou de seguir o seu itinerario e estudar a súa obra descríbeno como o máis ilustre e xenuíno precursor da poesía maldita. Foi encarcerado nalgunha ocasión.
Traxectoria
Villon naceu en abril de 1431 ou 1432 e, segundo se coñece polos rexistros da universidade da Sorbona e polos arquivos xudiciais, o seu verdadeiro nome foi François de Montcorbier.[1][2] O seu pai, probablemente orixinario dunha aldea da Borgoña, deixou a provincia para establecerse na capital. A súa nai, nacida en Berry ou en Anjou, quedou viúva cando Villon era aínda moi pequeno. Por motivos descoñecidos a nai confioulle o neno ao mestre Guillaume de Villon, cóengo e capelán de Saint-Benoît-le-Bétourné, cuxo apelido adoptou en proba de gratitude. Estudou na facultade de Arte, pero tras obter unha licenciatura, descoida o estudo para correr detrás da aventura.
A partir desta época, a súa vida terá por pano de fondo a guerra dos Cen Anos e o seu cortexo de brutalidades, fame negra e epidemias. Acusado de asasinar o relixioso Philippe Sermoise, o seu rival en amores, foi obrigado a fuxir de París, pero obtivo o perdón en xaneiro de 1456. Pouco despois participa no roubo do Colexio de Navarra.
Entre 1456 e 1461, proseguiu as súas andanzas polo val do Loira, e foi encarcerado no verán de 1461, aínda que liberado algúns meses máis tarde con ocasión dunha visita de Lois XI.
De volta a París, escribiu Le Testament e foi arrestado unha vez máis en 1462. Foi torturado e condenado á forca, mais o xuízo foi casado en apelación en xaneiro de 1463. A pena foi conmutada por dez anos de desterro de París e a partir deste episodio perdeuse o seu rastro.
A súa obra
Villon non renovou a poesía do seu tempo, senón que deu unha nova vida a motivos herdados da cultura medieval que el coñecía á perfección e animounos coa súa propia e orixinal personalidade. Así, deu volta ao ideal cortés, inverteu os valores admitidos celebrando as xentes destinadas ao patíbulo, entregouse á descrición burlesca ou ás bromas subidas de ton, e multiplicou as innovacións na linguaxe. A estreita relación que Villon estableceu entre os sucesos da súa propia vida e a súa poesía levouno a deixar igualmente que a tristeza e a melancolía se apoderasen dos seus versos. Le Testament (1461), que é considerada como a súa obra capital, inscríbese como unha prolongación do Le Lais (1456), ao que se chama comunmente, o "pequeno testamento". Ese longo poema de 2023 versos está marcado pola angustia da morte á que o propio Villon acababa de ser condenado e recorre, cunha singular ambigüidade, a unha mestura de reflexións sobre o tempo, amargas chanzas, invectivas e fervor relixioso. Esta combinación de tons contribúe a dar á obra de Villon unha sinceridade patética que a singulariza respecto da dos seus predecesores.
Villon, ignorado polo seu tempo, foi redescuberto no século XVI antes de que Marot o publicase.
Obra
Esta listaxe adoita poñerse en cuestión, aumentada con poemas que pasan a ser considerados da súa autoría e diminuída con outros que deixan de considerarse. As obras que aparecen seguen a cronoloxía estipulada por Gert Pinkernell e parece a máis coherente, aínda que algunhas non están datadas con certeza. Os títulos son os da edición da Livre de Poche Poésies Complètes, editada e comentada por Claude Thiry.
Ballade des contre vérités (1455 ?–1456 ?, París)
Le Lais (1457, París)
Épître à Marie d'Orléans (comezo de 1458, Blois)
Double ballade (comezo de 1458, Blois)
Ballade des contradictions (comezo de 1458, Blois)
Ballade franco-latine (comezo de 1458, Blois)
Ballade des proverbes (outubro-novembro de 1458, Vendôme)
Ballade des menus propos (outubro-novembro de 1458, Vendôme)
Épître à ses amis (verán de 1461, Meung-sur-Loire)
Débat du cuer et du corps de Villon (verán de 1461, Meung-sur-Loire)
Ballade contre les ennemis de la France (final de 1461, Meung-sur-Loire)
Requeste au prince (final de 1461, Meung-sur-Loire)
Le Testament (1461). Incluíndo:
Ballade des dames du temps jadis
Ballade des seigneurs du temps jadis
Ballade en vieux langage françois
Les regrets de la belle Heaulmiere
Ballade de la Belle Heaulmière aux filles de joie
Double ballade sur le mesme propos
Ballade pour prier Nostre Dame
Ballade à s'amie
Lay ou rondeau
Ballade pour Jean Cotart
Ballade pour Robert d'Estouteville
Ballade des langues ennuieuses
Les Contredits de Franc Gontier
Ballade des femmes de Paris
Ballade de la Grosse Margot
Belle leçon aux enfants perdus
Ballade de bonne doctrine
Rondeau ou bergeronnette
Épitaphe
Rondeau
Ballade de conclusion
Ballade de bon conseil (1462, París)
Ballade de Fortune (1462, París)
Ballades en jargon (1462, París)
Ballade des pendus (final de 1462, París)
Quatrain (final de 1462, París)
Louanges à la cour (xaneiro de 1463, París)
Question au clerc du guichet (xaneiro de 1463, París)