O cóengo[1] é un clérigo que ten un cargo eclesiástico determinado nun corpo ou comunidade dentro dunha catedral ou colexiata.
Características
Algunhas igrexas non son rexidas por un sacerdote individual, senón por un colexio ou cabido: son as catedrais e as colexiatas. Entre as funcións dos cabidos catedralicios está a recitación do oficio público da igrexa. Actualmente, o nomeamento de cóengos corresponde ao Vaticano, que adoita delegar esa función en cabidos e bispos. En España a provisión de coenxías está regulada polo concordato vixente. O hábito dos cóengos componse xeralmente de sobrepeliz e muceta, cuxo cor varía segundo a diocese.
En termos xurídicos, é o asesor do bispo e debe estar graduado en dereito canónico.
Funcións
Os cóengos poden ter distintas funcións:
Cóengo racioneiro: o prebendado con dereito a ración, ou sexa, que dispón de parte das rendas da catedral.
Mordomo de fábrica, nalgunhas fontes cóengo obreiro ou cóengo fabriqueiro: o encargado da construción e mantemento do edificio da catedral.
Os cóengos teñen ao seu cargo un posto importante no maxisterio da Igrexa, sobre asuntos doctrinais, e por delegación do bispo, que é quen ocupa a cátedra, cadeira ou sede episcopal. Esta misión estaría confiada en distintos graos ao:
cóengo lectoral: É o teólogo do cabido, e deberá ser licenciado ou doutor en teoloxía. Ten ao seu cargo todo o referente á Sacra Escritura. Correspóndelle explicar os libros sacros; informar ao cabido, cando este o requira, sobre as cuestións da Biblia; formar aos seminaristas nos temas bíblicos; velar pola precisión e contido das monicións, catequeses, e outros textos que se utilicen nas actividades catedralicias ou da colexiata; programar e organizar accións relativas á Palabra de Deus.
cóengo doutoral: É o asesor xurídico do cabido catedralicio ou colexial e debe estar graduado en dereito canónico ou ser perito en canons.
cóengo maxistral: É o predicador propio do cabido. O máis famoso «maxistral» da literatura é Don Fermín de Pas, protagonista de La Regenta, de Leopoldo Alas «Clarín», unha das mellores novelas de tema eclesiástico. A actual Catedral de Alcalá de Henares non gozaba ata finais do século XX máis que do título de «Igrexa Maxistral» (pola súa vinculación coa Universidade), que só tiña equivalente na cidade belga de Lovaina.
cóengo penal: O que se ocupa de administrar o sacramento da penitencia para algúns pecados cuxa absolución está reservada. Pode haber un penal maior. Algúns pecados teñen a excomuñón reservada ao Papa (de aí a expresión A Roma con todo, coa que se expresa que, cometida unha falta moi grave, non hai que pensalo moito para seguir cometendo outras, cando terán a mesma consecuencia).
cóengo ad efectum: Segrar ou eclesiástico a quen o sumo Pontífice concedía o título de cóengo sen prebenda para que posuíse unha dignidade e poder ter deste xeito intervención no cabido.
cóengo apuntador: O que ten ao seu cargo anotar os que faltan ao coro ou chegan atrasados.
Clases de cóengos
Cóengo capitulante: O que ten voz deliberativa nas asembleas capitulares. Para iso, é indispensable recibir ordes sacras.
Cóengo domiciliario: O que non recibira aínda as ordes sacras e chamábaselle tamén cóengo in minoribus.
Cóengo expectante: O que a pesar de non entrar no goce da prebenda tiña con todo voz no capítulo e asento no coro.
Cóengo privilexiado: O que por graza especial goza dos beneficios desta prebenda estando dispensado de asistir aos oficios e aínda de residir na localidade.
Cóengo semaneiro: Nome con que se designa ao que por quenda lle corresponde nomear aos aspirantes aos beneficios que o cabido concede.[2]