Edgar Allan Poe, () nado como Edgar Poe o 19 de xaneiro de 1809 en Boston e finado o 7 de outubro de 1849 en Baltimore, foi un novelista, ensaísta, editor e crítico literario estadounidense, coñecido pola súa poesía e as súas historias curtas, en particular os seus contos de misterio e terror. Está amplamente considerado unha das figuras principais do romanticismo escuro nos Estados Unidos e na literatura estadounidense no seu conxunto, e foi un dos primeiros escritores de historias curtas do seu país. Poe considérase xeralmente o inventor do xénero de ficción de detectives e acredítaselle unha contribución ó xénero emerxente da ciencia ficción. Foi o primeiro escritor estadounidense con certa fama en tentar gañarse a vida só coa escritura, pasando por mor disto diversas dificultades económicas na súa vida e carreira profesional.
Traxectoria
Os seus pais foron David e Elizabeth Arnold Poe, mais o seu pai abandonounos ó pouco de nacer Edgar. A súa nai morreu en Richmond en 1811. Edgar foi acollido entón por Frances Allan e John Allan. Este nunca adoptou legalmente a Poe, mais si lle deu o seu apelido. As tensións desenvolvéronse posteriormente polas disputas entre John Allan e Edgar por mor das débedas deste último, incluíndo as provocadas polas apostas e os custos da súa educación secundaria. Poe asistíu á Universidade de Virxinia durante un semestre, pero deixou os estudos por falta de cartos. Mantivo un litixio con Allan sobre os cartos para a súa educación e finalmente alistouse no exército en 1827 baixo un nome falso. Foi neste tempo cando comezou a súa carreira literaria, se ben de forma humilde, coa colección anónima Tamerlane and Other Poems, acreditada a "un bostoniano". Coa morte de Frances Allan en 1829, Poe e John Allan reconciliáronse de forma temporal. Poe suspendeu as probas para oficial cadete en West Point, declarando o seu firme desexo de ser poeta e escritor, e finalmente puxo fin á súa relación familiar con John Allan.
Revistas e relatos curtos
En 1831 volve a Baltimore, á casa da súa tía María Clemn. Ese ano desátase a peste en Baltimore. Esta inspiroulle The King Pest (1834) e A Máscara da Morte Bermella (1842). En 1836 casou coa súa curmá Virginia Eliza Clemm Poe, de trece anos de idade (el tiña vinte e sete), en segredo. En 1837 trasladouse a Nova York e publicou As aventuras de Arthur Gordon Pym. En 1838 trasladouse a Filadelfia, onde traballou coma axudante de edición na revista Burton's Gentleman's. En 1840 a editorial Lea & Blanchard publica 25 relatos en dous volumes: Tales of the Grotesque and Arabesque. Deixa Burton's Gentleman's e comeza a tentar lanzar a súa propia revista crítica independente. Logo do primeiro fracaso nesa tentativa, entra en Grahan's Magazine.
Éxito
Foi entre os anos 1842-1847 en Nova York cando acadou o seu maior éxito, en particular logo de que o New York Times publicase o seu máis célebre poema: "O corvo". Chega a facerse co Broadway Journal como editor e propietario. En 1847 morre Virxinia, de tuberculose, e Poe colapsa no alcohol. Nos derradeiros días de lucidez publica Eureka, un poema en prosa sobre a creación e a evolución do Universo.
Obra
Entre as súas obras máis célebres cóntanse:
- O gato negro, (1843).
- A caída da casa Usher, (1839).
- O pozo e o péndulo, (1842): todos eles no xénero do terror.
- O corvo, en poesía (traducida ao galego no 2007, en Urco, por Tomás González Ahola).
- As aventuras de Arthur Gordon Pym, (1837), única incursión na narrativa longa.
- Os casos de Monsieur Dupin, co que inventa o xénero de misterio que despois daría lugar a Sherlock Holmes, de Conan Doyle. Estes casos compóñense de tres relatos: Os crimes da rúa Morgue, (1841); O misterio de Marie Rogêt, (1843), e A carta roubada, (1845).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
|
---|
Poemas | |
---|
Historias curtas | |
---|
Ensaios | |
---|
Novelas | |
---|
Coleccións | |
---|
Teatro | |
---|
Outros | |
---|
Relacionados | |
---|