En 1906 realizouse unha edición extraordinaria dos Xogos Olímpicos, co pretexto de conmemorar o 10º aniversario do comezo dos xogos en 1896, na cidade de Atenas. Esta edición dos Xogos Olímpicos de 1906, que sería a cuarta, non é considerada oficial polo Comité Olímpico Internacional por ter sido realizada fóra do ciclo de catro anos denominado Olimpíada.
Preparación
A pesar do éxito da primeira edición dos Xogos, as dúas edicións seguintes saldáronse como fracasos. Tanto a edición de París 1900, como a de Saint Louis 1904, foron integradas nas exposicións mundiais que se realizaban nas respectivas cidades, relegadas a un lugar secundario e mal organizadas. Estes dous fracasos suscitaron fortes dúbidas sobre o futuro do Movemento Olímpico, polo que era necesario mudar a situación.
Aproveitando o 10º aniversario da realización dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna, foi planeada unha edición intercalada dos Xogos, a se realizar tamén en Atenas, que foron organizados de forma totalmente diferente que as dúas edicións anteriores.