Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Tadjiikistán[1] ou Taxikistán[2][3][4][5] (en taxico: Тоҷикистон), oficialmente a República de Tadjiikistán (en taxico: Ҷумҳурии Тоҷикистон, Jumhurii Tojikiston) é un país montañoso e sen saída ó mar que se atopa en Asia Central, cunha área de 143 100 km² e unha poboación estimada de 9 275 828 persoas (2019).[6] Ten fronteiras con Afganistán polo sur, a China polo leste, Kirguizistán polo norte e Uzbekistán polo oeste. A patria tradicional do pobo taxico inclúe a actual Tadjiikistán así como partes de Afganistán e Uzbekistán.
O 9 de setembro de 1991, Tadjiikistán converteuse nunha nación independente e soberana logo da disolución da Unión Soviética. Case inmediatamente despois da independencia produciuse unha guerra civil, que durou dende 1992 até 1997. Dende o remate da guerra, a estabilidade política e a axuda exterior permitiron que a economía do país comezase a medrar. Ó igual que outros países veciños de Asia Central, o país, liderado polo PresidenteEmomali Rahmon dende 1994, foi criticado por numerosas organizacións non gobernamentais polo seu liderado autoritario, a falta de liberdade relixiosa, a corrupción e as violacións dos dereitos humanos.
Tadjiikistán quere dicir "Terra dos taxicos". O sufixo "-stán" é o termo persa para "terra dos"[10] ou "país"[11] e taxido é o nome da tribo preislámica (anterior ó século VII).[12] De acordo co "1997 Country Study of Tajikistan" da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, é difícil afirmar a orixe da verba "taxico" porque o termo é "envolto en disputas políticas do século XX sobre se os pobos turcos ou iranianos eran os habitantes orixinais de Asia Central."[12]
Tadjiikistán está dividido en tres provincias (вилоятviloiat /vilo'jat/, plural вилоятҳоviloiatgho /vilo'jatxo/) e máis unha provincia autónoma (вилояти мухторviloiati mughtor /vilo'jati mux'tor/) :
Nota : a cada provincia séguelle o nome do seu centro administrativo entre parénteses.
A rexión que contén a capital Dushanbe é independente a nivel administrativo, non ten estatuto de provincia pero si un sistema similar.
Cada provincia está dividida en distritos (ноҳияnohiia /,no'hija/, en plural ноҳияҳоnohiiaho /,no'hijaho/) e á súa vez subdivididos en жамоатxamoatos (que equivalen ás nosas "parroquias"), e logo en vilas.
Tadjiikistán é o país máis pobre da ex-Unión Soviética (URSS) e ademais un dos máis pobres do mundo. As fontes de ingresos, ligadas á exportación do algodón e do aluminio, son precarias e fan a economía vulnerable aos mercados exteriores.
No 2000, a axuda internacional era esencial para soster os programas de rehabilitación, onde se comeza a reintegrar os antigos combatentes da guerra civil dentro da sociedade. A axuda internacional foi igualmente necesaria para limitar a caída da produción de alimentos, consecuencia dun segundo ano de seca. Mais en agosto do 2001, a Cruz Vermella anunciou o comezo da fame en Tadjiikistán, e apelou á axuda internacional.
Transporte
A maioría dos sistemas de transportes foron construídos durante a era soviética e dende esa era o sistema foise deteriorando por mor dos insuficientes investimentos e mantementos das infraestruturas. Nin o sistema soviético nin a infraestrutura posteriormente construída se dirixiu á división topográfica entre as rexións do norte e do sur do país.
A comezos do ano 2005 unha serie de proxectos sobre transportes principais procurou corrixir este problema. O primeiro dos proxectos, o Túnel de Anzob, que se rematou en 2006, une a estrada de Dushanbe co norte de Tadjiikistán, resolvendo o problema que existía anteriormente de incomunicación cada inverno.
O transporte aéreo é considerado non fiable.[13]
Ferrocarril
O sistema ferroviario conta soamente con 480 quilómetros de traxectos, todos de vía ancha. O sistema de ferrocarrís conecta os principais centros urbanos do oeste de Tadjiikistán coas vilas principais nas veciñas Uzbekistán e Turkmenistán. No ano 2000 unha nova liña conectou as cidades do sur de Curgonteppa (Qurghonteppa) e Kulob. O tránsito de pasaxeiros polo Tadjiikistán viuse dificultado polos fracasos periódicos dos ferrocarrís taxicos de pagar tarifas de tránsito e por cuestións de seguridade.[14]
Estradas e autoestradas
Tadjiikistán conta cunha estimación de 30.000 quilómetros de estradas, das que a gran maioría foron construídas antes de 1991. Unha artería principal percorre de norte a sur a través das montañas entre a cidade de Ghuxand (Xushand), no noroeste, e Dushanbe. Unha segunda arteria vai ao leste dende Dushanbe a Ghorog (Xorogh) na Provincia Autónoma do Badaghxán Montañoso e logo ao nordés a través das montañas á cidade de Ox (Oş) en Kirguizistán. Debido a que a ruta Ghuxand–Dushanbe estaba pechada en inverno, construíuse o túnel de Anzob para evitar o paso de montaña e abrir así unha ruta que conecte Taxquent (Taşkent) (Uzbekistán) e puntos do norte con Afganistán e Paquistán ao sur, vía Tadjiikistán.
A China investiu aproximadamente 720 millóns de dólares en melloras de infraestruturas en Tadjiikistán, incluíndo a reconstrución, ensanche e mellora da estrada entre Dushanbé e Ghuxand que dende agosto de 2007 está a usar equipamento chinés para os traballos de reconstrución.[15]
A mediados do 2005 comezou a construción dunha ponte sobre o río Panxe (Panj) ata Afganistán a cal foi finaciada polos Estados Unidos de América abríndose a ponte en agosto de 2007[16], e pídense proxectos para a construción de varias pontes que unan Tadjiikistán co sur.[17]
Gasodutos e oleodutos
Tadjiikistán conta cun gasoduto de 549 quilómetros que leva gas natural dende Uzbekistán ata Dushanbe e leva gas entre lugares de Uzbekistán polo noroeste de Tadjiikistán. Tadjiikistán tamén conta cun oleoduto duns 38 quilómetros.[18]
Portos e canles
Tadjiikistán non ten acceso ao mar e non conta con canles interiores navegables.[19]
Aeroportos
No ano 2007 Tadjiikistán contaba con 26 aeroportos, dos que 18 tiñan pavimentadas as pistas de aterraxe e dous con pistas de aterraxe de máis de 3.000 metros.[16] O aeroporto máis grande é o de Dushanbe que ten só uns poucos voos con destinos internacionais. Uns poucos voos unen Dushanbe con Taxquent (Taşkent) que é o aeroporto máis achegado que ofrece conexións coa maioría de destinos europeos. Os seguintes aeroportos máis grandes son o de Ghuxand (Xujand) e o de Kulob. A compañía estatal Tajikistan Airlines que conta cun rexistro de seguridade cuestionable, ofrece voos a outros países de Asia Central coa excepción de Uzbekistán, e voos semanais á Alemaña e a Rusia.[20]
No 2019, Tadjiikistán tiña unha poboación de 9 275 832 persoas,[6] das cales o 70% teñen menos de 30 anos e o 35% están entre os 14 e os 30 anos.[21] Os taxicos que falan a lingua taxica (unha variedade do persa) son o principal grupo étnico, aínda que existen minorías importantes de uzbekos e rusos, cuxos números están minguando por mor da emigración.[22] Os pamiris de Badakhshan, unha pequena poboación do pobo yagnobi, e unha importante minoría de ismailis son considerados como pertencentes ó grupo étnico taxico. Tódolos cidadáns do país son chamados taxiquistanos.[23]
En 1989, os rusos representaban o 7,6% da poboación, mais a súa presenza caeu até o 0,5% despois da guerra civil, que motivou a emigración rusa.[24] A poboación étnica alemá de Tadjiikistán tamén declinou por mor da emigración dende o colapso da Unión Soviética. O seu punto máis alto foi de 38 853 persoas en 1979.[25]
Linguas
O taxico é a lingua oficial.[26] O ruso é usado en negocios e polo goberno, pero coma nas outras ex-repúbicas soviéticas está en retroceso, mostrando máis interese pola lingua inglesa. O xugní é falado na zona preto de Ghorug (Xorugh, en xugní Xaragh) na Provincia Autónoma do Badaghxán Montañoso.
Tamén se falan o sariculí, o ´vakhí, o bartanguí, o ruxaní e o iazgulomí.