Desde 1815, a súa marca da ceca é un caduceo alado, que a partir de 1830 foi introducido en todas as moedas cuñadas nela.[4]
O edificio que a alberga, recoñecido polo goberno como Rijksmonument, está desde 1911 na rúa Leidseweg, próximo á canle Merwede, e foi deseñado polo arquitecto C. H. Peters en estilo neoclásico.[3][5]
A casa de moeda comparte sede co Museo do Diñeiro dos Países Baixos (Geldmuseum), xestionado polo Banco dos Países Baixos (De Nederlandsche Bank).[6][7]
En 937, o bispo Balderico de Utrecht recibiu o dereito de cuñaxe do rei Odón I.[9]
En 1528 o bispado perdeu este dereito, que pasou inicialmente aos á nobreza segrar e posteriormente ao emperadorCarlos V. O seu único fillo, Filipe II, autorizou en 1567 o establecemento dunha ceca que se situou nas proximidades da abadía de San Paulo, na cidade de Utrecht.
Historia da ceca
Instituída, pois, a casa de moeda de Utrecht xa baixo autoridade real, en 1585 foi trasladada a un novo edificio, logo de recibir a concesión, en 1579, de cuñaxe da súa propia moeda para toda a provincia de Utrecht. Froito deste crecemento da súa actividade industrial e da progresiva mecanización da súa actividade, a ceca requiriu un edificio máis grande, ao que se trasladou en 1647.[3][10]
O 17 de setembro de 1806, cando os Países Baixos estaban baixo o reinado de Lois Bonaparte, este determinou que tanto a cuñaxe como a distribución da moeda deberían estar nas mans dun único organismo nacional. Orixinariamente, a intención era situar esta ceca central en Ámsterdam en tanto que capital do reino, mais, ante a carencia dos fondos necesarios, determinouse adaptar a preexistente de Utrecht para tal finalidade.[3][10]
Logo da derrota napoleónica en 1813, creouse o novo Reino dos Países Baixos, con Guillerme I como primeiro monarca, e a casa da moeda pasou a denominarse Rijks Munt ("Real Casa da Moeda"). O que agora se coñece como Bélxica formaba parte entón daquel reino, e en Bruxelas estableceuse unha nova casa de moeda sucursal da de Utrech. Cando o novo reino dos belgas acadou a súa independencia en 1830, a de Utrecht quedou como única casa de moeda existente nos Países Baixos, en tanto que a de Bruxelas pasou a constituírse como Casa de Moeda Real de Bélxica (en francés: Monnaie royale de Belgique -MRB-; en neerlandés: Koninklijke Munt van België -KMR-).[3][10]
As moedas provinciais, cuñadas con anterioridade á constitución do Reino dos Países Baixos, mantíñanse aínda en circulación e eran moi apreciadas pola poboación por mor do seu recoñecido valor intrínseco. As novas moedas necesitaron un tempo para iren gañando popularidade, ata que en 1849 foron retiradas oficialmente da circulación.
En 1901, a institución foi posta baixo a supervisión do Ministerio de Finanzas, e en 1912 pasou a ser considerada como empresa pública.[3][10]
No inicio da ocupación alemá durante a segunda guerra mundial, en 1944, cuñáronse moedas dos Países Baixos nos Estados Unidos, para asegurar que houbese unha cantidade suficiente delas en circulación logo da liberación.
O 22 de novembro de 2016, o Estado dos Países Baixos vendeu a compañía ao grupo belga Groep Heylen, por 3,6 millóns de euros.[3][10][11][12]
Por outra banda, desde 2018 produce as emisións de moedas conmemorativas en euros de Bélxica, logo do pechamento da ceca belga en 2017 (das cuñaxes circulantes belgas encárgase unha empresa privada).[13][14]
A partir de mediados do século XIX, a Real Casa da Moeda dos Países Baixos dispuxo do seu propio gabinete de moedas e medallas, ao estilo do doutras casas de moeda europeas, como o Museo da Monnaie de Paris, ou doutras institucións da época, como o Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia ou o Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico. En 1980 este gabinete pasou a constituírse en Museo da Casa da Moeda. En 2004 produciuse a unión de tres importantes entidades (o Gabinete Real de Medallas do Rijksmuseum, a sección de numismática do Banco dos Países Baixos e o Museo da Casa da Moeda), cuxa localización se mantivo no mesmo edificio da ceca.[6][7]
Porén, a falta de apoio económico do Goberno acabou coa clausura do museo en 2013.[15]