O Estatuto do Reino dos Países Baixos, data de 1954, determina os asuntos xestionados polo Reino. O monarca do Reino é tamén o monarca de cada un dos países. O monarca encabeza o consello rexente executivo do Reino e de cada un dos países, sendo representado por gobernadores nas illas do Caribe. Os asuntos xestionados polo reino son os relacionados coa defensa, as relacións internacionais, a cidadanía e a extradición. Outros asuntos son delegados nos gobernos nacionais.
O Estatuto do Reino puxo fin á relación colonial entre os Países Baixos por unha banda e as Antillas Neerlandesas e o Suriname pola outra. O 25 de novembro de 1975, o Suriname converteuse en país independente e en 1986 Aruba obtivo un Estatuto separado das restantes illas das Antillas Holandesas, que se disolveron en 2010.
A montaña máis alto do Reino é o Monte Scenery (862 m) na pequena illa de Saba, nas Antillas Holandesas.
Constitución
O Reino dos Países Baixos está rexido polo Estatuto para o Reino dos Países Baixos, o que se aplica en calquera parte do reino.
Cada un dos catro países membros ten a súa propia constitución, polo que existen catro constitucións: Constitución dos Países Baixos (Grondwet van het Koninkrijk der Nederlanden), Constitución de Curaçao (Staatsregeling van Curaçao), a Constitución de Sint Maarten (Staatsregeling van Sint Maarten) e a Constitución de Aruba (Staatsregeling van Aruba). Cada un dos catro territorios ten tamén a súa propia administración, o seu propio parlamento, e a súa propia cidadanía e xuntos forman un arranxo sui generis que ten as características dun Estado federal, dunha confederación, dunha federación e dunha unión cun monarca como o xefe de estado, representado separadamente por gobernadores. As institucións do Reino atópanse na súa maior parte nos Países Baixos, cunha representación (o Gobernador de Aruba, o Gobernador de Curaçao, o Gobernador de Sint Maarten e un representante do estado neerlandés nos territorios de ultramar.
Goberno
O Estatuto do Reino dos Países Baixos decide que se considera asunto do reino e que órgano debe encargarse de devandito asunto.
O monarca, xunto co consello de ministros (Rijksministerraad), ten a administración do reino. O consello de ministros está constituído polo consello de miinistros dos Países Baixos e dous ministros representantes das illas caribeñas.
As leis aplicables dentro do reino coñécense como Leis do Reino (Rijkswetten).
O monarca é o xefe de estado do reino. Como reside nos Países Baixos, desígnanse dous gobernadores como representantes da casa real ante os gobernos das illas.
Antes de 1954, Suriname, Curaçao e as demais dependencias eran colonias dos Países Baixos. A partir dese ano, as relacións entre os Países Baixos, Suriname e Curaçao foron moi tensas. Suriname e as Antillas Neerlandesas obtiveron o status de país, o que lles daba certa autonomía nos seus asuntos internos con respecto á metrópole. Foi así como polo novo estatuto os Países Baixos entregaban parte da súa soberanía ao reino dos Países Baixos, en materia de asuntos estranxeiros e de cidadanía.
En 1975, Suriname converteuse nunha república independente, segregándose completamente do Reino. En 1986, Aruba, ata entón parte das Antillas Neerlandesas, conseguiu converterse nun novo estado autónomo, aínda que continuou a ser parte do reino.
En outubro de 2010 disolvéronse as Antillas Neerlandesas e Curaçao e Sint Maarten accederon á autonomía ese ano.