Fillo dunha acomodada familia hispanorromana, estudou o básico dende moi novo e logo de novo frecuenta escolas de retórica. Comezou a traballar como funcionario (forensis) e máis tarde foi xuíz penal en dúas cidades importantes. Recibiu do emperador Honorio ou quizais Teodosio un alto cargo militar (seguramente gobernador da Tarraconense), que abandonou para dedicarse á poesía e á relixión. Non se sabe nada da súa carreira despois de deixar a vida pública[2].
Obra literaria
Títulos
Deixou numerosos poemas escritos nunha gran variedade de metros. A grandes liñas, a súa obra podería clasificarse en tres grupos: lírica, didáctica e polémica[3]. Os títulos son:
I. Praefatio.
II. Cathemerinon Liber (grego antigo: καθημερινω̂ν ν̔μνω̂ν). Unha serie de doce himnos. Tratan sobre as diferentes épocas da vida, as circunstancias, a dedicación a Deus das horas e as festividades.
1. Ad Gallicantum.
2. Hymnus Matulinus.
3. Hymnus ante cibum.
4. Hymnus post cibum.
5. Hymnus ad incensum lucernae.
6. Hymnus ante somnum.
7. Hymnus jejunantium.
8. Hymnus post jejunium.
9. Hymnus omni hora.
10. Hymnus in exsequiis defunctorum.
11. Hymnus de natali Domini.
12. Hymnus Epiphaniae.
III. Apotheosis. Sobre a divindade de Cristo e o misterio da Santa Trindade.
IV. Hamartigenia (Αμαρτιγένεια). Sobre a orixe do demo e o pecado.
V. Psychomachia (Triunfo das virtudes como a fe, a castidade, a caridade, a moderación, a humildade, a xenerosidade e a concordia contra os seus vicios antagónicos).
VI. Contra Symmachum Liber I. Por encarga do emperador Valentiniano II, quen recibira unha queixa do senador Quinto Aurelio Símaco sobre a destrución do altar da Vitoria, que se construíra en tempo de Augusto no edificio da curia.
VII. Contra Symmachum Liber II.
VIII. Peristephanon Liber (grego antigo: Περὶ στεφάνων), catorce poemas en honor de diversos santos mártires.
1. Passio Emeterii et Chelidonii Calaguritanorum Martyrum.
2. Passio Laurentii Martyris.
3. In Honorem Eulaliae Virginis.
4. Passio XVIII. Martyrum Caesaraugustanorum.
5. Passio Vincentii.
6. In honorem B. Fructuosi episcopi Tarraconensis et Augurii et Eulogii Diaconorum.
7. Passio Quirini episcopi ecclesiae Siscianae.
8. De loco quo Martyres passi sunt, nunc Baptisterium Calaguri.
9. Passio Cassiani.
10. Romani Martyris Supplicium.
11. Passio Hippolyti Martyris.
12. Passio Petri et Pauli Apostolorum.
13. Passio Cypriani Martyris.
14. Passio Agnetis Virginis.
IX. Diptychon (o Dittochaeon). Trata sobre escenas bíblicas, está escrito en hexámetros.
A poesía de Prudencio recibiu diversas influencias. Por unha banda, como todo cidadán romano culto, coñeceu a obra de Virxilio: a Bucólica IV deste autor foi moi valorada e considerada un texto profético polos primeiros autores cristiáns. Horacio é considerado un dos outros modelos que seguiu, así se nota no tipo de métrica escollida e na bipartición dunha obra entre poemas e pezas líricas de diversas formas. Tamén se identifican numerosas reminiscencias léxicas ou temáticas de autores profanos. Por outra banda, xa se aprecia nel a influencia dos primeiros autores cristiáns, como Tertuliano e Ambrosio de Milán, así como a Biblia e as vidas de mártires.
O himno Da, puer, plectrum, especialmente o fragmento Corde natus ex parentis ("Nacido do corazón do Pai"), e o himno para celebrar a epifaníaO sola magnarum urbium ("A Terra, que cidade tan nobre"), ambos os dous pertencentes ao Cathemerinon, son himnos que aínda hoxe se usan na liturxia cristiá[4]. Existen copias manuscritas en italiano, alemán, galego, bohemio e castelán dos séculos XIII e XVI que demostran a popularidade da obra de Prudencio[5].
Na súa obra alegórica Psychomachia, incorpora influencias da épica helenística, que mestura con conflitos psicolóxicos internos[6]. Esta obra converteuse na inspiración da literatura alegórica medieval. Segundo CS Lewis, a marca que supuxo en obras posteriores superou o seu mérito artístico intrínseco[7]. Na batalla que se libra entre a virtude e o vicio, os mellores versos son os dedicados ao pecado da luxuria[8]. Cos seus asistentes, a Beleza e o Pracer, e as súas armas, os pétalos de rosa, a luxuria decanta as forzas da Virtude[9], antes de ser finalmente derrotada por ela.