O nacionalismo bérber, tamén chamado berberismo ou amazighismo,[1] é un movemento político bérber baseado no nacionalismo cultural e étnico. Comezou principalmente en Cabilia (en Alxeria) e en Marrocos, e posteriormente estendeuse ao resto de comunidades bérberes da rexión do Magreb, no norte de África. Un grupo bérber, os tuaregs, declaráronse en rebelión contra Malí no ano 2012, e estabeleceron temporalmente un estado independente de facto chamado Azawad, que se identificaba a si mesmo como bérber.
O movemento berberista en Alxeria e Marrocos é unha oposición cultural á arabización e á ideoloxía panarabista. En Azawad (norte de Malí), o movemento tuareg-berberista é tamén secularista e está en oposición tanto ao arabismo como á discriminación percibida contra os tuareg nómades por parte doutros grupos malianos e do goberno.
Nota: As formas de nacionalismo baseado principalmente no grupo étnico están recollidos enriba. Isto non implica que tódolos nacionalistas do grupo étnico subscriban esa forma de nacionalismo étnico.