Consonte o publicado no BOE de 6 de setembro de 2006, que recolle o acordo adoptado polo Consello Insular de Menorca a data de 27 de febreiro do mesmo ano, Maó converteuse na única forma oficial deste topónimo menorquín para todos os efectos e substituíu a forma castelá oficial até aquela altura: Mahón.
O acordo referido baséase nas normas ortográficas vixentes para o catalán, que só manteñen a grafo /h/ naqueles casos nos que haxa un precedente etimolóxico, o que non sucedía para este topónimo, derivado dunha forma latina Magon. Da mesma maneira se suprimira noutros topónimos como Vic, antes grafado Vich.
O 25 de marzo de 2013, logo da derrogación da Lei da Función Pública e a modificación da Lei de Normalización Lingüística, o pleno municipal gobernado polo PP aprobou a denominación oficial de Maó-Mahón[3]que se reverteu en 2021 para volver a Maó como única forma oficial.
Situación xeográfica
A cidade de Maó sitúase no leste da illa de Menorca, e ao fondo do porto de Maó. É o concello máis oriental de toda España, situado a 4° 15′ 49″ E. Acada uns 72 metros de altura, pero como a cidade se estende até o porto, ten importantes desniveis.
Historia
Maó áchase localizado sobre un porto natural do Mediterráneo occidental. Foi fundado por un dos xenerais cartaxineses e irmán de Haníbal, Magón, polo que os romanos, unha vez que a anexionaron, chamárona Portus Magonis. Pasou a mans dos romanos e, coa caída do Imperio Romano, ocupárona vándalos e bizantinos. Logo sufriu frecuentes ataques dos normandos e musulmáns, ata que finalmente, no ano 903, foi conquistada e anexionada ao Califato de Córdoba. En 1287 conquistouna o rei Afonso III de Aragón. Posteriormente, en 1535, Maó sufriu un gran saqueo por parte dos corsarios de Barbarroja. Baixo o reinado de Filipe II iniciouse a construción do forte de San Filipe, deseñado por Juan Bautista Calvi, na bocana sur do porto de Maó. Tratouse dunha das obras de enxeñería militar máis impoñentes da época e reputada como inexpugnable.
Maó sufriu máis cambios de soberanía. Capturada polos británicos en 1708 durante a Guerra de Sucesión Española e cedida oficialmente a raíz do Tratado de Utrecht, pasou a ser durante setenta anos unha dependencia británica (e o porto de Maó unha base naval británica no Mediterráneo) no século XVIII. A presenza británica impulsou a economía da illa, polo que Maó, que se converteu na capital converteuse nun centro comercial e de contrabando de primeira orde no Mediterráneo. A influencia británica pódese apreciar na arquitectura local. Pola contra, Ciutadella, a antiga capital e reduto clerical e aristocrático, languidecía. Durante as diversas conquistas e reconquistas de Menorca que se sucederon durante o século XVIII o castelo de San Filipe foi mandado demoler polo rei Carlos III, quen razoou que se tal xoia da enxeñería militar deixaba de existir, os ingleses deixarían de apetecer Menorca. O resultado foi que cando os ingleses intentaron de novo reconquistar Menorca desembarcando en Cala Mesquida, non había ningunha fortificación para opórselles e puideron tomar a illa sen baixas. Posteriormente e xa no século XIX, edificouse outra impoñente edificación, esta na parte norte da bocana do porto, a Fortaleza da Mola.
Actualmente, a cidade caracterízase pola súa grande actividade económica, a maior parte dela destinada ao turismo.
Transporte
Aeroporto
A cidade conta cun aeroporto civil e militar situado a 4 km ao leste do centro da cidade, o aeroporto de Menorca. Este aeroporto ten conexións diarias coas cidades principais da península (Madrid, Barcelona etc.), coas outras illas (Palma e Eivissa) e coas principais cidades do Reino Unido e Alemaña.
Na actualidade existen voos entre o aeroporto de Maó e diversas cidades dos Países Baixos, Francia e Bélxica, como son París-Charles de Gaulle coa compañía Easy Jet, Marsella e Niza con Iberia Rexional Air Nostrum, Toulon, Ámsterdan con Arkefly e Transavia e Bruxelas con Jetair Airlines e Brussels Airlines, algunhas como a ruta a Niza ou Marsella establecidas no verán de 2011.
Festividades
Entre o 6 e o 9 de setembro celébranse as festas patronais de Gràcia, en honra á Mare de Déu de Gràcia. Estas comezan co pregón a noite do 6, continuando co tradicional balbordo do 7 pola tarde e o 8 pola mañá. Paralelamente celébranse moitas actividades, como fogos artificiais, carreiras de cabalos e verbenas. O día 9 a festa vira contorna ao porto.