Sant Antoni de Portmany é un concello español situado na illa de Eivissa, no arquipélago das Illas Baleares. Corresponde ao antigo cuartón de Portmany, un dos catro cuartóns en que Xaime I dividiu a illa no século XIII. O nome Portmany deriva do latínportus magnus, "porto grande".
Actualmente é un dos principais centros turísticos da illa de Eivissa. O núcleo principal sitúase a 15 km da capital, e conta cun gran porto ao fondo dunha baía, que permite o tráfico marítimo de pasaxeiros e mercadorías coa península.
Xeografía
O concello limita ao norte e oeste co mar Mediterráneo, ao leste con Sant Joan de Labritja e Santa Eulària des Riu, e ao sur con Eivissa e Sant Josep de sa Talaia. Aínda que o relevo da illa non é moi accidentado, no concello de Sant Antoni de Portmany atópanse formacións montañosas como o Puig d'en Jaume (226 m), a Serra des Puig (241 m) e a Serra Llarga (254 m).