O limón[1] é o froito do limoeiro (Citrus limon), arbusto de 5 a 10 metros de altura, da familia das Rutáceas.
Os limóns existentes son de dous tipos: o limón doce, froito decorativo cuxo zume é pouco ou nada acedo, con todo clasificado Citrus limon (L.) Burm. f. (clasificación de Tanaka); e o máis común limón acedo, cuxo zume ten un pH de aproximadamente 2,5.
Esta froita madura ten unha casca que varía de verde suave a amarelo brillante baixo a acción do frío. No hemisferio norte madura a finais do outono e principios do inverno. A súa carne é suculenta e o seu zume rico en vitamina C (un litro de zume contén aproximadamente 500 miligramos de vitamina C e 50 gramos de ácido cítrico). Ao ser de fácil conservación e dada a súa riqueza en vitamina C, os navíos comezaron a transportalo a bordo e usalo como dieta para combater o escorbuto, ao tempo que o espallaban por todo o planeta. As súas aplicacións na vida doméstica son innúmeras. Co zume da froita, prepáranse refrixerantes, sorbetes, mollos e aperitivos, así como remedios, xaropes e produtos de limpeza. Da casca extráese un aceite esencial, usado en perfumaría e na preparación de licores e xabóns, que contén entre outras substancias o limoneno e o citral.
Historia
A orixe do limón é descoñecida en particular por mor do seu polimorfismo e a súa diversidade. Os investigadores consideraban que procedía da rexión de Assam, da rexión indo-birmana ou da China.[2]
A árbore do limón foi empregada orixinariamente como planta ornamental en xardíns de pracer na Idade Media, especialmente nos xardíns islámicos.[6] O limón foi introducido gradualmente na dieta medieval, usándose como fondo ácido para gardar vexetais crus igual que o vinagre ou o zume de laranxa. Con todo, é probable que se utilizase tamén como técnica de conservación da carne dende os tempos antigos.[7].
Actualmente é unha das froitas máis coñecidas e utilizadas no mundo.
Características
Híbrido cultivado, as árbores son pequenas (non atinxe máis de 6 metros de altura), espinescentes, moi ramificadas, de caule e ramos castaño claros; as follas son alternas, oblóngoelípticas, con puntuacións translúcidas; as inflorescencias son de flores axilares, albas ou violetas, en cacho. Reprodúcese por estacas de gallos, en solo areoso e ben estercado, de preferencia en rexións de clima quente ou temperado. Propágase tamén por sementes, que requiren solo leve e fértil, en lugar soleado e protexido dos ventos.
Frutifica principalmente a partir de mediados de outubro, pero pode facelo durante todo o ano, en innúmeras variedades, que aínda que muden no tamaño e na textura da casca, que pode ser lisa ou enrugada, canto á cor, varían do verde escuro ao amarelo claro, excepto unha das especies, que se asemella a unha tanxerina.
Fisicamente o limón caracterízase por ser de forma ovalada con picos nos extremos da diagonal superior e ter unha pel de grosor moi variable (duns poucos milímetros a case un centímetro). Cando está madura, a pel é de cor marela polo exterior e case branca polo interior.
Úsanse as follas, a casca do froito e mais o zume do froito. Aínda que é comestíbel, non é habitual comelo tal como se colle da árbore por ter un sabor moi ácido. Os que teñen cor amarela ou amarelo-verdeada, cultívanse sobre todo polo zume, aínda que a polpa e a casca tamén se utilicen en culinaria. Os limóns conteñen unha gran cantidade de ácido cítrico, o que lles confire un gusto ácido.
Os limóns e as limas sérvense regularmente como limoada (zume de limón natural con auga e azucre), ou con bebidas refrecantes de cola e combinados, cunha rodela dentro ou no bordo da copa.
É moi prezado en repostería por potenciar o sabor e o seu zume por ser refrescante. Ademais, é amplamente utilizado como desinfectante e desengraxante, tanto só como combinado con outros produtos de limpeza.
As variedades mais abundantes no mercado son: Lisbon, Eureka, Primofiori e Verna.
Produción e exportacións
No ano 2016, España era o maior produtor e exportador de Europa, a India o maior produtor do mundo e México o maior exportador mundial en número de toneladas, porén España foi o maior exportador mundial en valor monetario (case 820 millóns de dólares)[8][9].
Principais produtores de limóns e limas ( toneladas ). Fonte FAO[8]
↑Morton, Julia F. (1987). Lemon in Fruits of Warm Climates(en inglés). Purdue University. pp. 160–168.
↑Franck Curk, Frédérique Ollitrault, Andres García-Lor, François Luro, Luis Navarro, Patrick Ollitraul (1 de abril de 2016). "Phylogenetic origin of limes and lemons revealed by cytoplasmic and nuclear markers". Annals of Botany(en inglés)117 (4): 565–583. doi:10.1093/aob/mcw005.
↑Toby Sonneman (1012). Lemon: A Global History(en inglés). Reaktion Books. p. 20. ISBN1780230346.