O calcio é un metal alcalino-terroso, mol, maleábel e dúctil que arde con chama vermella formando óxido de calcio e nitruro. As superficies recentes son de coloración branco prateada que rapidamente se volven levemente amareladas expostas ao ar, finalmente con coloración cinzas ou brancas debido á formación de hidróxido ao reaccionar coa humidade ambiental. Reacciona violentamente coa auga para formar o hidróxido de calcio, Ca(OH)2 , con desprendemento de hidróxeno.
Papel biolóxico
O calcio actúa como mediador intracelular, cumprindo unha función de segundo mensaxeiro como, por exemplo, o ión Ca2+ intervén na contracción dos músculos. Tamén está implicado no control dalgunhas encimas quinases que realizan funcións de fosforilación como, por exemplo, na proteína quinase C (PKC). O calcio realiza funcións encimáticas de maneira similar ao magnesio en procesos de transferencia do fosfato como, por exemplo, a encima fosfolipase A2).
Algúns dos seus sales son bastante insolúbeis como, por exemplo, o sulfato de calcio (CaSO4), carbonato de calcio (CaCO3), oxalato etc., e o calcio forma parte de distintos biominerais. Así, no ser humano, está presente nos ósos como hidroxiapatita cálcica, Ca10(OH)2(PO4)6, nos dentes como fluorohidroxiapatita (algúns OH- sustitúense por F-), ou como carbonato de calcio no ouvido interno. Outros biominerais están presentes en exoesqueletos, en conchas e nas cascas de ovos de diferentes animais e na forma de diferentes sales.
É, polo tanto, un importante compoñente da dieta. A cantidade diaria recomendada para os adultos oscila entre 800–1000 mg, cantidade que debe incrementarse durante o crecemento (9-18 anos), na gravidez, na lactación e, posteriormente, na menopausa até 1200–1300 mg. Os produtos comerciais especifican nos seus rótulos a cantidade de calcio que presentan, xeralmente en porcentaxe, para que o consumidor saiba se está inxerindo a cantidade diaria necesaria. Produtos ricos en calcio son o leite e os seus derivados, cuxo calcio é facilmente absorbido; en vexetais como feixón e espinaca; nas espiñas de peixes como sardiña e bocareo e, nos alimentos enriquecidos con calcio.
A competición que se estabelece con certos metais pode inhibir a absorción do calcio. O magnesio e o calcio compiten nos mesmos puntos de absorción, polo tanto, persoas que inxiren suplementos de magnesio deben tomar especial coidado coa achega diaria de calcio.
A deficiencia de calcio pode provocar osteoporose e "hipocalcemía" ; o exceso provoca a "hipercalcemía".
Historia
O calcio (do latín "calx", "calcis", cal ) foi descuberto en 1808 por Humphry Davy mediante a electrólise dunha amálgama de mercurio e cal. Davy mesturou cal humedecida con óxido de mercurio que colocou sobre unha lámina de platina, o ánodo, e somerxeu unha parte de mercurio no interior da pasta funcionando como cátodo. Na electrólise obtivo unha amálgama que destilada orixinou un residuo sólido facilmente oxidábel. Davy non ficou convencido de que obtivera calcio puro. Posteriormente, Robert Bunsen en 1854 e Matthiessen en 1856 obtiveron o metal por electrólise do cloruro de calcio e, Henri Moissan obtivo o calcio cunha pureza do 99% por electrólise do ioduro de calcio. Entre tanto, até principios do século XX, o calcio só era obtido en laboratorio.
O calcio ten seis isótopos estábeis, dos cales o Ca-40 é o máis abundante (97%). O Ca-40 e o Ar-40 son produtos da desintegración do K-40. O segundo úsase para a determinación da idade de rochas en xeoloxía pola datación radiométrica, porén, a prevalencia do isótopo Ca-40 na natureza ten impedido de facer o mesmo co calcio.
Diferentemente doutros isótopos cosmoxénicos producidos na atmosfera terrestre, o Ca-41 orixínase por activación neutrónica do Ca-40, formándose nas capas máis superficiais do solo, onde o bombardeo de neutróns é suficientemente intenso. Alén diso, o Ca-41 ten recibido unha atención dos científicos porque se desintegra en K-41, un indicador crítico das anomalías do sistema solar.