De La Chaux-de-Fonds a L'Esprit Nouveau (1888-1920)
Fillo dun esmaltador de caixas de reloxo (Georges-Édouard Jeanneret) e unha profesora de piano (Marie-Charlotte-Amélie Perret), estudou na Escola de Arte de La Chaux-de-Fonds gravado e cicelado, tomando clases do pintorCharles L'Eplattenier dende o ano 1901. Por mor deste artista empezou a sentir interese pola Arquitectura debido á asistencia a un Curso superior de decoración no 1904. Tres anos despois comezou unha serie de viaxes por Europa visitando diversas cidades. Concretamente en Budapest e Viena no 1907, coñeceu a Josef Hoffmann.
Ao ano seguinte, coñeceu a Frantz Jourdain e a Henri Sauvage no transcurso da súa etapa en París, e a Tony Garnier mentres residiu en Lión. Neste mesmo ano, na súa segunda estancia en París coñeceu a Eugène Grasset que o enviou a traballar ao estudio de arquitectura dos irmáns Perret durante quince meses. Ao rematar, no 1909, empezou dar clases de arquitectura na súa terra natal. No 1910, viaxou a Alemaña, onde coñeceu a Theodor Fischer e seis meses despois, a Escola de Arte de La Chaux-de-Fonds encargoulle que estudase o Movemento da arte decorativa en Alemaña. Entre 1910 e o 1911 coñeceu a Ludwig Mies van der Rohe e a Walter Gropius mentres traballaba no estudio de Peter Behrens.
No 1913, abriu un estudio de arquitectura de interiores na Escola de Arte de La Chaux-de-Fonds. Pouco despois, no 1918, Jeanneret coñeceu a Amédée Ozenfant que realizou a súa primeira exposición "purista" na galería Thomas de París. O 15 de outubro de 1920 saíu á venda o primeiro número dos 28 da revista L'Espirit nouveau (1920-1925) realizado coa axuda de Ozenfant e Paul Dermée. É neste momento cando Jeannneret empezou a chamarse Le Corbusier, unha alteración do nome do seu avó materno, Lecorbésier, e para renderlle tributo, adoptou durante o resto da súa vida a súa caracterización, uns anteollos circulares de cor escura.
No 1923, Le Corbusier lanzou as bases do movemento moderno de características funcionalistas, no seu libro Vers une architecture (Cara a unha arquitectura). A pescuda que realizou desenvolvendo un novo xeito de xerar a forma arquitectónica baseada nas necesidades humanos revolucionou, xuntamente coa actuación da Bauhaus en Alemaña, a cultura arquitectónica do mundo enteiro. A súa obra, ó negar características histórico-nacionalistas, abriu camiño para o que máis tarde sería chamado International style ou Estilo internacional. Os representantes deste movemento que compartirían a ideoloxía de Le Corbusier serían, entre outros, Ludwig Mies van der Rohe, Walter Gropius, e Theo van Doesburg. Este movemento, que naceu coa intención de buscar unha arquitectura tipo que puidese solucionar os problemas sociais, adoecía dun grande erro que se reflectiría tempo despois: a omisión das particularidades climáticas. Anos máis tarde, os CIAM (Congresos Internacionais de Arquitectura Moderna) permitiron a divulgación destas ensinanzas.
No 1924 Le Corbusier abriu o Estudio 35S xunto co seu primo Pierre Jeanneret no número 35 da rue de Sèvres.[2] Inicialmente, os dous deseñaron case exclusivamente edificios residenciais. Un dos seus grandes proxectos destes anos, foi o seu deseño conceptual dunha cidade de tres millóns de habitantes, a Ville Contemporaine (Cidade Contemporánea).[3] Será en xuño de 1928 cando se creen os CIAM (Congresos Internacionais de Arquitectura Moderna), por mor do escándalo do concurso do palacio da Sociedade das Nacións. Ao ano seguinte, celebrarase o segundo congreso dos CIAM en Frankfurt, sendo o último e undécimo o celebrado en Otterlo no 1958. Un dos conceptos que se explicarán nestes congresos, e dos máis importantes das ensinanzas de Le Corbusier, serán os Cinco puntos dunha nova arquitectura, reflectidos na casa Cook (Boulogne-sur-Seine, 1926) e que son os seguintes:
Pilotis: o edificio debe estar sobre pilotes.
Cuberta-xardín: a cuberta debe ser plana e axardinada, o que permitirá a incorporación da natureza na vivenda e de amplas zonas soleadas que, xunto co espazo libre que queda na planta baixa, fai un 200% de vexetación.
Planta libre: coa axuda dos novos materiais (aceiro, formigón e vidro) e as novas tecnoloxías, os muros de carga deixan lugar aos piares, de tal xeito que se pode distribuír a disposición da vivenda en función das necesidades funcionais, sen verse supeditada a cuestións estruturais.
Fiestras alongadas: por mor de mellorar a iluminación e a continuidade visual co exterior.
Fachada libre: a fachada libérase dos muros de carga para pasar a ter piares, de tal forma que permite pór xanelas na maior parte da fachada.
No ano 1930 Le Corbusier casa con Ivonne Gallis, que morreu no 1957. A partir deste momento, este arquitecto non deixou de viaxar, até que no 1936, na súa segunda viaxe a América do Sur, traballou con Lucio Costa, Oscar Niemeyer e Alfonso Reidy. No 1943 creouse o ASCORAL (Asociación da Construción para unha Renovación Arquitectónica). No 1947 foi membro da comisión de estudo para a sede da ONU en Nova York. No 1951 nomeárono arquitecto consultor para o goberno de Punjab para a construción da capital, Chandigarh. Realizou 23 viaxes a esta capital dende este momento até abril de 1964. Este e outros proxectos reflectirían unha grande influencia a nivel urbanístico. A súa ideoloxía arquitectónica baseábase fortemente na importancia que o automóbil acabaría adquirindo nas novas sociedades. Trataba ao coche como unha máquina que debía introducirse a pequena escala (a casa) e a grande escala (a cidade). Le Corbusier propón deste xeito no Plan Chandigarh unha cidade a distintas escalas de fluxos e densidades.
No 1948, este arquitecto publicou un elaborado sistema de medidas do corpo humano ao que denominou Le Modulor. Non deixaba de ser unha nova interpretación do home en relación co seu contorno máis próximo, igual que no seu momento fixeran outros grandes mestres como Vitruvio, da Vinci ou Battista Alberti. Con esta nova escala elabóranse unha serie de medidas axiomáticas segundo as que o home utiliza máis optimamente o mobiliario que o rodea. A medida deste home prototípico non estaba relacionada coa do seu inventor, posto que a súa estatura era menor, senón coa do home francés corrente de 1,829 metros, inda que a máis coñecida e a do home cunha man estendida de 2,26 m. Colocou o seu embigo a metade desta altura (1,13 m). Esta é a denominada serie azul, existindo tamén unha serie vermella.
A década de 1950 foi un período de proxectos moi importantes e dispares para Le Corbusier. Comeza cunha cabana de vacacións en Roquebrune-Cap-Martin, a capela de Nôtre-Dame-du-Haut en Ronchamp e o conxunto monumental do Capitolio de Chandigarh, tres proxectos que representan os tres alicerces da arquitectura de Le Corbusier: a casa, a cidade e o templo.
Nesta época amosa unha arquitectura que se separa da corrente purista de trazas rectilíneas e tecnolóxica. Este novo vieiro na obra de Le Corbusier busca unha maior liberdade. A cabana de vacacións en Roquebrune-Cap-Martin, construída entre 1951 e 1952, será o primeiro exemplo desta nova visión, un refuxio na Costa Azul francesa onde pasaba tanto tempo como podía, preto de onde enterrou á súa muller cando finou no ano 1957.
O Plan Director da nova cidade de Chandigarh de 1951 e a Unité d'Habitation de Marsella que se inaugura en 1952 centran un dos períodos con máis actividade edificatoria dun Le Corbusier que xa cumprira os sesenta anos. En ámbolos proxectos pódese ollar a chegada á síntese da actividade urbanística e edificatoria que Le Corbusier estaba a desenvolver ó longo da súa traxectoria profesional.
A Unité d'Habitation é un resumo dos diferentes intentos e estudos que realizara dende prototipos da Villa Dom-Inó ou da Maison Citrohan, entre eles o sistema estrutural e a célula como a vivenda a dobre altura. A Unité é tamén a culminación do ideal de grande edificio que atinxe tódolos servizos básicos para vivir nun só conxunto que ten unha estética de formigón modelado e tallado.
Durante 1951, trasládase con Pierre Jeanneret á rexión d Punjab, para comezar as obres do Capitolio de Chandigarh, o elemento máis monumental da que sería a nova capital. O conxunto do capitolio recupera a idea dunha grande esplanada monumental que descubriu nas visitas a monumentos precolombianos durante a súa estadía en América Latina.
O conxunto do Capitolio baseábase na mestura do Modulor e do formigón, mailo sistema de brise-soleils, que se estenden como unha enorme celosía que protexe os edificios da luz do sol de xeito natural. A escala variable do mesmo Modulor permite que as celosías se convertan en elementos de grandes dimensións con balconades. Este elemento definirá moi axiña o conxunto de proxectos que Le Corbusier realiza nesta época, suprimindo a fiestra da primeira liña e substituíndoa por un xogo de baleiros, sombras no canto das transparencias e reflexos que caracterizaron a obra de períodos anteriores. Paralelamente, a cuberta axardinada das obras racionalistas convértense nunha serie de xardíns onde a auga colle un papel protagonista. A auga serve de inspiración a Le Corbusier no modelaxe do formigón, material que utiliza como elemento plástico a imitación da textura da auga.
Morte
Le Corbusier morreu o 27 de agosto de 1965 mentres se bañaba en Roquebrune-Cap-Martin. Foi enterrado no cemiterio do lugar, Roquebrune-Cap-Martin, no sur de Francia. Dous anos máis tarde abriuse o centro Le Corbusier en Zürich e no 1968 creouse a Fondation Le Corbusier en París, recoñecida de utilidade pública.[4] Despois da súa morte os seus detractores aumentaron o ton das críticas, alcumándoo de inimigo das cidades. É, sen dúbida algunha, un nome de referencia na historia da arquitectura contemporánea.
Contribucións teóricas á arquitectura
Le Corbusier foi, ademais dun grande arquitecto e pintor, un teórico senlleiro da arquitectura. Escribiu varios libros, nos que exemplifica as súas ideas mediante proxectos propios (ó xeito clásico como fixo no seu momento, por exemplo, Andrea Palladio en I Quattro Libri dell'Architettura)[6] Tivo moi claro que, alén de saber crear bos edificios era preciso saber explicalos e transmitilos ó resto dos profesionais e ós estudantes, e exerceu con gran mestría a tarefa de publicitar a súa propia obra.
Como visionario, Le Corbusier vía a posibilidade de cambiar o mundo a través da arquitectura. Se ben nunca se aliou cun grupo político en particular, a súa postura estaba máis preto dunha ideoloxía liberal (algúns describírono como un socialista, adxectivo que probablemente queda curto para caracterizar as súas actividades), e como tal, vía todo proceso de deseño con fins utópicos, o que lle permitiu contribuír ó significado da arquitectura en xeral.
A machine à habiter
Le Corbusier é coñecido pola súa definición da vivenda como a máquina para vivir, tamén chamada a máquina para habitar traducido literalmente. Con ela, Le Corbusier poñía énfase non só no compoñente funcional da vivienda, senón que esta funcionalidade debe ter como obxectivo vivir, ententendo este último dende un punto de vista metafísico. Le Corbusier cría que o obxectivo da arquitectura é xerar beleza (moi coñecida tamén é a súa frase: a Arquitectura é o xogo sabio, correcto e magnífico dos volumes baixo a luz), e que esta debía repercutir no xeito de vida dos ocupantes dos propios edificios.
En canto ó criterio de «máquina de habitar», Le Corbusier estaba abraiado polas máquinas da súa época: en especial, os automóbiles e os avións, considerando aqueles que tiñan deseños prácticos e funcionais como modelo para unha arquitectura cuxa beleza se basease na practicidade e funcionalidade; o racionalismo. O primeiro ensaio de construción seriada formúlao no proxecto das casas Citrohän. "As casas Citrohän representan o primeiro ensaio importante de Le Corbusier acerca dunha vivenda en serie que poida construirse a partir de elementos estandarizados. Convencido que o avance da industrialización pode ser o vehículo para satisfacer gran parte das necesidades do home, tenta, cun criterio práctico e racional, dirixir a arquitectura por ese vieiro.".[7]
A fin de espallar as súas ideas acerca da arquitectura e da pintura, Le Corbusier fundou en 1920, xunto con Amédée Ozenfant e Paul Dermée, unha revista de divulgación artística que obtivo gran resonancia internacional: L'Esprit Nouveau (O Espírito Novo; aínda que en francés a verba esprit adoita ter tamén o significado de conciencia, razón, intelixencia) cuxo primeiro número data do 15 de outubro de 1920 e o derradeiro de 1925. En 1923, Le Corbusier publica unha recompilación de artigos da revista no seu libro "Vers Une Architecture".
Os cinco puntos dunha nova arquitectura
En 1926, Le Corbusier presenta un documento onde expón de xeito sistemático as súas ideas arquitectónicas: os chamados «cinco puntos dunha nova arquitectura» representan un adianto conceptual para a época, aproveitando as novas tecnoloxías construtivas, derivadas do emprego do formigón armado (até entón este material usábase en vivendas e monumentos disfrazándoa de pedra tallada con molduras):
O andar baixo sobre estacas: para Le Corbusier, o andar baixo da vivenda, ó igual que a rúa, pertencía ó automóbil, ben sexa para circulación ou aparcamento, por este motivo a vivenda érguese sobre estacas para permitir o movemento dos vehículos.
O andar libre: a partir da estrutura independente, aproveitando a tecnoloxía do formigón armado, xérase unha estrutura de piares na que se apoian placas, deste xeito, o arquitecto decide onde poñer os peches, sendo independentes dun nivel ó outro.
A fachada libre: o corolario do plano libre no plano vertical. A estrutura atrásase respecto da fachada, liberándoa da súa función estrutural e permitindo liberdade na súa composición.
A fiestra alongada: polo mesmo motivo do punto anterior, tamén os muros exteriores se liberan, e as fiestras poden atinxir todo o ancho da construción, mellorando a relación co exterior e permitindo unha mellor iluminación dos espazos interiores.
O eirado-xardín: para Le Corbusier a superficie ocupada á natureza pola vivenda debía ser devolta en forma de xardín na cuberta do edificio, convertendo o espazo sobre a vivenda nun ámbito aproveitable para o lecer, que ademais permite manter condicións de illamento térmico sobre as novas placas de formigón.
Hai un elemento máis que Le Corbusier pondera na obra arquitectónica nova, '"La promenade arquitectónica"': o edificio debe convidar a ser percorrido e a partir diso poderá comprenderse na súa totalidade. A súa arquitectura é altamente racionalista, depurada (co uso de materiais sen disimulalos; nota a posible beleza das liñas depuradas, sen adornos, sen elementos supérfluos) e cun aproveitamento da luz e das perspectivas do conxunto, dando unha sensación de liberdade (cando menos para o desplazamento da ollada) e facilidade de movementos.
O Modulor
Ideou o Modulor, sistema de medidas baseado nas proporcións humanas, no que cada magnitude se relaciona coa anterior polo Número Áureo, para que servise de medida das partes de arquitectura. Deste xeito retomaba o ideal antigo de establecer unha relación directa entre as proporcións dos edificios e as do home.Tomou como escala, o home francés medio desa época: 1,75 m de estatura; e máis adiante engadiu a do policía británico de 6 pés (1,8288 m), o que deu o Modulor II. Os resultados destas investigacións foron publicados nun libro co mesmo nome de Modulor.
A súa arela creadora queda expresada en Le Poème de l'Angle Droit (O poema do ángulo dereito —ángulo recto—); especialmente en Fusión:
Asentado en demasiadas causas mediatas
asentado xunto as nosas vidas e os outros están alí e por todas partes están os: «¡Non!»
E sempre máis contra que por Non condenar pois a aquel que quere asumir a súa parte nos riscos da vida. Deixade que se fusionen os metais tolerade as alquimias que polo demais vos deixan libres de castigo É pola porta das pupilas abertas por onde as olladas cruzadas puideron conducir ó acto fulminante de comuñón: «O ancheamento dos grandes silencios»... O mar volve descender ó máis baixo da marea para poder subir de novo a tempo. Un tempo novo abriuse unha etapa un prazo un relevo Así non nos quedaremos
↑Willi Boesiger (baixo a dirección de), Le Corbusier Œuvre complète
↑"Foundation: History". Fondation Le Corbusier. 20 de agosto de 2017. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2014. Consultado o 18 de marzo de 2014.
Behrens, Roy R. (2005): Cook Book: Gertrude Stein, William Cook and Le Corbusier. Dysart, Iowa: Bobolink Books. ISBN 0-9713244-1-7.
Brooks, H. Allen (1999): Le Corbusier's Formative Years: Charles-Edouard Jeanneret at La Chaux-de-Fonds, Paperback Edition, University of Chicago Press, ISBN 0-226-07582-6