Prusia anexionou a cidade en 1866, cinco anos antes de gaña-la guerra franco-prusiana, cuxo tratado de paz, que desembocou na creación de Alemaña como país unido, foi asinado en Frankfurt o 10 de maio de 1871.
Ó igual que a maioría das cidades alemás, Frankfurt foi escachizada polos bombardeos dos aliados durante a segunda guerra mundial.
A metrópole converteuse no centro da rexión Rin-Meno, unha das máis produtivas e dinámicas de Alemaña, que conta aproximadamente 5 millóns de habitantes, entre os que se destaca a maior proporción de estranxeiros do país.
O Banco Central Europeo (BCE), unha das institucións máis representativas da Unión Europea (UE), ten a súa sede principal en Frankfurt. Os órganos reitores do BCE (Consello de Goberno e Comité Executivo) dirixen o Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC), cuxas funcións consisten en administra-la masa monetaria, conduci-las operacións en divisas, conservar e administra-las reservas oficiais de divisas dos Estados membros e garanti-lo bo funcionamento dos sistemas de pago. O euro manéxase dende esta cidade.
Un moderno edificio, que deberá alberga-la sede do BCE a partir de 2007, se constrúe actualmente a beiras do Main sobre terreos anteriormente ocupados pola central de mercado.
Ademais, Frankfurt é o centro financeiro do país e alberga a Bolsa alemá (Deutsche Börse AG) e o banco federal de Alemaña (Deutsche Bundesbank). Nela encóntrase a sede de máis de 370 bancos, e os mercados financeiros máis importantes do mundo mercan e venden aquí a diario as súas accións. Este feito e o estar a beiras do río Main fai que se coñeza tamén como "Mainhattan", en referencia ó distrito neoiorquino de Manhattan.
Römerberg: centro antigo de Frankfurt, detalladamente restaurado.
Sachsenhausen: o barrio máis típico e máis visitado. Ten unha gran variedade gastronómica, acolle a maioría dos restaurantes e das sidrerías da cociña francortiana.
Main Tower (Torre do Main): dende a terraza situada a 200 m de altura pódese gozar dunha vista estupenda. Sobre todo nos meses de outubro a marzo a partir vese a cidade totalmente iluminada. É unha vista única en Alemaña.
A Bolsa (Frankfurter Wertpapierbörse): diante do edificio preséntanse os símbolos da bolsa: un touro (polo alza) e un oso (pola baixa).
Commerzbank-Tower: deseñado polo arquitecto Sir Norman Foster en 1997. Destacan os nove xardíns integrados nas plantas superiores. É o rañaceos máis alto de Europa.
Hauptwache: xurdiu en 1728 do plano do urbanista Johann Samheimer. Este edificio perdeu a súa función de prisión e hoxe alberga o café "Hauptwache" e un restaurante xaponés.
Feira Internacional do Libro: considerada a máis importante do mundo. Lévase a cabo unha vez ó ano.
Torre da Feira, "Messeturm": deseñada polo arquitecto Helmut Jahn. Frankfurt é o centro das feiras, e grazas a elas, case tres millóns de persoas visitan a cidade tódolos anos para ve-la Feira da Música ou a Feira do Automóbil (IAA - Internationale Automobil Ausstellung).
Transportes
O Aeroporto de Frankfurt (Flughafen Frankfurt am Main, localizado a 12Km do centro da cidade) é unha referencia internacional e os seus máis de 50 millóns de pasaxeiros ó ano convérteno no segundo aeroporto máis transitado de Europa, soamente superado polo Aeroporto de Heathrow, de Londres. Ten catro pistas e está considerado o mellor aeroporto de carga do mundo. Así mesmo, é o aeroporto no que opera o maior número de liñas aéreas internacionais.
Malia o que poida parecer polo seu nome, o Aeroporto de Frankfurt-Hahn (Flughafen Frankfurt-Hahn) áchase a aproximadamente 120 km da cidade de Frankfurt, en Lautzenhausen. O aeroporto é unha base principal da compañía Low-cost Ryanair. Tan só se chega a el por estrada. Conta cun bus a cada hora dende a Estación Central de Frankfurt, que fai o traxecto nunha hora 45 minutos.
Ó igual que Berlín, Frankfurt puxo en funcionamento un completo sistema de bicitaxi, transporte alternativo e ecolóxico.
Pola súa banda, o Metro de Frankfurt posúe sete liñas e 58,7 quilómetros de lonxitude.