Joaquín Costa Martínez, nado en Monzón (provincia de Huesca) o 14 de setembro de 1846 e finado en Graus (Huesca) o 8 de febreiro de 1911, foi un político, xurista, economista e historiador aragonés. Foi o maior representante do movemento intelectual coñecido como Rexeneracionismo. As súas ideas de progreso tiñan como referente a modernización e europeización da sociedade e a economía española.
Traxectoria
Selo da II República Española coa imaxe de Joaquín Costa.
Naceu dentro dunha familia campesiña modesta polo que tivo que estudar ó tempo que traballaba, estudou dereito e filosofía, exerceu como letrado en Cuenca e en Huesca, accedeu ó corpo de notarios exercendo en Granada e Xaén e posteriormente en Madrid, onde tamén foi profesor da Institución Libre de Enseñanza. En 1904, xa enfermo, retirouse á localidade de Graus para pasar os últimos anos da súa vida.