Vida persoal, formación académica e carreira profesional
Naceu en Lavadores, cando aínda era concello de seu, antes de ser integrado no de Vigo, logo da guerra civil. Fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez (dirixente local do Partido Galeguista) e da modista Teresa Román, pasou a súa infancia nos barrios do Calvario e Riomao. Foi xogador de baloncesto co Estudiantes de Vigo en segunda e primeira división.
En 1964 entrou a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro. Presidiu durante tres anos a Asociación Cultural de Vigo. A súa participación nas grandes folgas obreiras de 1972, desembocou na súa detención e tortura e o seu despedimento de Citroën[2]. En 1973 estableceuse en Santiago de Compostela para traballar en SODIGA.
En 2010 recibiu, xunto con Fermín Bouza Álvarez, o galardón Pedrón de Ouro por parte da fundación homónima como recoñecemento á súa promoción da cultura nacional galega[3].
A súa filla Alba foi tamén militante activa do BNG[4][5] e o seu xenro é o exportavoz Nacional do mesmo partido Xavier Vence[6].
Carreira política: franquismo - 1981
Na súa etapa como estudante en Madrid foi onde fixo os primeiros contactos políticos, nas conferencias de Tierno Galván, Aranguren e Ruiz Giménez., en "Cuadernos para el Diálogo" e nas loitas contra o SEU. Aló coñecería xente coa que formaría un grupo político-cultural que, dalgún xeito, continuaba o de Brais Pinto. Nese grupo estaban Xan e Xaquín López Facal, Alfonso e Darío Álvarez Gándara, Xosé Antón Arjona ou Patiño. Naqueles tempos nos que non existían partidos a actividade á marxe da oficial estaba restrinxida ás asociacións culturais[1].
Xa de volta en Galiza formou parte de Galicia Socialista, grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971, Camilo Nogueira quedou como militante de base desa formación.
O 19 de setembro 2003 UG disolveríase como partido dentro do BNG para pasar a ser unha corrente de opinión integrada na propia formación[9]. En novembro dese mesmo ano Camilo Nogueira encabezaría na XI Asemblea Nacional do BNG unha alternativa á candidatura de Anxo Quintana para ser Portavoz Nacional.
Foi membro da Executiva Nacional do BNG como responsable de Relacións Internacionais[10] desde 2002 e do Consello Nacional[11].
Nas Eleccións ao parlamento europeo de 2004 concorreu como terceiro na coalición Galeusca - Pobos de Europa, por tras dos candidatos de Convergència i Unió e Partido Nacionalista Vasco, xa que a redución do número de eurodeputados correspondentes ao España incidira negativamente nas probabilidades de acadar representación. De entrada, adxudicóuselle a acta a Nogueira, mais despois de que o Partido Popular (PP) recorrera, a Xunta Electoral Central deu por válidos algúns votos non considerados inicialmente, polo que, por unha marxe de 167 votos, concedeu o escano ao PP (facía o número 24). Posteriormente, o Tribunal Constitucional de España confirmou o fallo da Xunta Electoral Central[12].
En marzo de 2012 rexeitou volver ocupar un posto na Executiva que lle correspondía logo das baixas rexistradas tras a XIII Asemblea Nacional celebrada no Recinto feiral de Amio[13].
Obra en galego
Ensaio
A memoria da nación. O reino de Gallaecia, Vigo, Xerais, 2001.