Tània Balló Colell, nada en Barcelona en 1977, é directora e produtora de cine e televisión, guionista e escritora española. É impulsora do proxecto transmedia Las Sinsombrero, xunto con Serrana Torres e Manuel Jiménez Núñez, sobre as pensadoras e artistas pertencentes á Xeración do 27.
Traxectoria
Balló estudou no Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC) e realizou o posgrao sobre Documental, Investigación e Desenvolvemento da Universidade de Nova York.[1] En 2011, realizou o curso de especialista en Historia e Estética da Cinematografía da Universidade de Valladolid e o Taller de Documental de Televisión Española.[2]
En 2003, co colectivo de realizadores "Discusión 14", asinou o documental 200 Km sobre a marcha dos traballadores despedidos de Sintel a Madrid, que foi seleccionado polo Festival de Internacional de Cine de Donostia, o Festival de Cine de España de Tolosa, o Festival de Bogotá e o Festival Internacional de San Francisco.[3][4] Dous anos despois, en 2005, traballou como directora de produción noutra obra colectiva: a longametraxe Entre el ditador y yo, na que seis directores realizaron unha peza de nove minutos sobre o seu recordo persoal da figura do ditador español Francisco Franco.
Como produtora, en 2012 Balló fundou xunto a Serrana Torres Intropía Media, empresa responsable de Las Sinsombrero.[5] Posteriormente, fundou tamén Nina Produccions para desenvolver proxectos de impacto, como o documental Milicianes sobre o batallón feminino de Mallorca durante a guerra civil española, nunha multiplicidade de formatos.[6]
En 2013, Balló foi produtora delegada na longametraxe arxentina de ficción Infancia clandestina do director Benjamín Ávila. A película está protagonizada por Ernesto Alterio, Natalia Oreiro, César Troncoso, Cristina Banegas e Teo Gutiérrez Romero, e contou coa coprodución de España e o Brasil. Estreouse no Festival de Cannes na sección Quincena de Realizadores,[7] e estivo nomeada aos Premios Goya como Mellor Película Hispanoamericana.[8] Dous anos despois e xunto a Serrana Torres e Manuel Jiménez-Núñez, codirixiu e produciu o webdoc Las Sinsombrero en colaboración con Televisión Española.[9][10] O obxectivo deste proxecto era recuperar, divulgar e perpetuar o legado das artistas esquecidas da Xeración do 27 coñecidas como Las Sinsombrero, e tras o seu éxito, Balló publicou en 2016 o libro Las Sinsombrero. Sin ellas la historia no está completa editado polo Grupo Planeta.[11][12]
En 2016 produciu Oleg y las raras artes,[13] xunto con Serrana Torres e Marta Andreu, un documental dirixido polo cineasta Andrés Duque sobre o pianista ruso Oleg Karavaichuk . O protagonista da película é un personaxe excéntrico, sensíbel e prodixioso que tocou o piano para Stalin e compuxo bandas sonoras para películas e obras de teatro. Ese ano estreouse na Sección de Voices do Festival Internacional de Cine de Rotterdam nos Países Baixos e gañou o premio á Mellor Película na 10ª edición do Festival Punto de Vista en Navarra.[14][15] Ao ano seguinte, en 2017, xunto co historiador Gonzalo Berguer Querido diario: hoy ha empezado la guerra, un libro que saca á luz os diarios escritos durante a guerra civil española da moza barcelonesa Pilar Duaygües Nebot.[16] Tamén en 2017 dirixiu e escribiu a curtametraxe Mamáguerra que mostra a guerra civil española desde a perspectiva da maternidade recollida no diario de Carmen Manso.[17]
En 2018, Balló comisariou xunto con Gonzalo Berguer a mostra No pasarán, organizada pola Oficina de Dereitos Humanos e Memoria do Concello de Madrid e dedicada aos madrileños que se enfrontaron aos franquistas cando o Goberno da Segunda República abandonou a capital en 1936.[18]
Filmografía
- 2003 – 200 Km. Colectivo "Discusión 14". Codirectora.
- 2013 – Infancia clandestina. Benjamín Ávila. Produtora delegada.
- 2015 – Las Sinsombrero. Tània Balló, Serrana Torres, Manuel Jiménez-Núñez. Guión, dirección, produción.
- 2016 – Oleg y las raras artes. Andrés Duque. Produtora.
- 2017 – Mamáguerra. Tània Balló. Directora e guionista.
Obra
- 2016 – Las Sinsombrero. Sin ellas la historia no está completa. Espasa, Grupo Planeta.
- 2017 – Querido diario: hoy ha empezado la guerra. Pilar Duaygües Nebot, Espasa. Grupo Planeta. Editado junto a Gonzalo Berguer.
- 2018 – Las sinsombrero 2. Ocultas e impecables. Espasa, Grupo Planeta.
- 2021 – El caso Wanninkhof - Carabantes. Documental.[19]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas