Teatro alla Scala


Teatro alla Scala
Fachada neoclásica do teatro.
CidadeMilán
PaísItalia
Arquitecto/sGiuseppe Piermarini
Propiedade deConcello de Milán
Capacidade2.013
Inauguración3 de agosto de 1778
Reapertura7 de decembro de 2004
Anos en activo1778-2002
2004-
Na rede
http://www.teatroallascala.org
Youtube: UCZXldHqCGM5nmD4id4iX7WA Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Teatro alla Scala ou simplemente La Scala é un dos teatros de ópera máis importantes do mundo, sendo coñecido como "o templo da lírica". Está situado na cidade de Milán (Italia).

A tempada comeza o día 7 de decembro, día de San Ambrosio, patrón da cidade. Tódalas funcións deben finalizar antes da media noite, polo que as óperas máis longas deben comezar antes.

Historia

O Teatro alla Scala de Milán fundouse auspiciado pola Emperatriz María Tareixa I de Austria para substituír o Teatro Regio Ducale, destruído por un lume o 26 de febreiro de 1776 logo dunha gala do entroido e que ata aquel momento fora a casa da ópera de Milán. Tralo lume, un grupo de noventa propietarios dos palcos do teatro escribiron ao Arquiduque Fernando de Austria pedíndolle a construción dun novo teatro e doutro provisional durante as obras. Os gastos da construción do novo edificio foron sufragados polos propietarios dos palcos do Teatro Regio Ducale a cambio da renovación da propiedade dos palcos e a posesión da terra na que se levantaba a igrexa de Santa Maria alla Scala (de onde lle vén o nome), que foi desconsagrada e demolida para a edificación do novo teatro.

O edificio foi deseñado polo arquitecto neoclásico Giuseppe Piermarini, quen presentou un primeiro deseño que foi rexeitado polo Conde Firman (gobernador da Lombardía austríaca). Un segundo plan foi aprobado pola Emperatriz María Tareixa I en 1776, sendo inaugurado baixo o nome de Nuovo Regio Ducal Teatro alla Scala o día 3 de agosto de 1778 coa ópera L'Europa riconosciuta, con música de Antonio Salieri e libreto de Mattia Verazi, logo de dous anos nos que Pietro Marliani, Pietro Nosetti e Antonio e Giuseppe Fe completaron a construción do novo edificio. O teatro tiña un total de aproximadamente 3.000 asentos e un dos maiores escenarios de toda Italia cunhas dimensións de 16,15×20,4×26 metros. La Scala pronto se converteu no punto de reunión dos milaneses nobres e ricos.

Como a meirande parte dos teatros da época, La Scala foi tamén casino, cos xogadores sentados no vestíbulo.[1] As condicións no auditorio podían ser frustrantes para os amantes da ópera, como explica Mary Shelley en setembro de 1840:

Na Ópera estaban representando o Templario. Desafortunadamente, como é ben coñecido, o Teatro alla Scala serve, non só como salón universal para toda a sociedade de Milán, senón para todo tipo de transaccións comerciais, dende trata de cabalos a stock-jobbing, ten lugar no foso; de xeito que breves e distantes entre si os fragmentos de melodía se poden pescar.[2]

Coa representación de La pietra del paragone de Gioachino Rossini en 1812, a primeira das cinco óperas de Rossini estreadas no teatro, La Scala converteuse no referente da ópera italiana. Durante este período, cos coreógrafos Salvatore Viganò (1769-1821) e Carlo Blasis (1795-1878), o teatro ampliou a súa supremacía artística ao incluír ballet.

Entre 1822 e 1825 produciuse unha nova etapa do melodrama coa estrea de Chiara e Serafina (1922) de Gaetano Donizetti (que estrearía sete óperas máis en La Scala) e Il pirata (1827) de Vincenzo Bellini.

En 1839 comezou a era de Giuseppe Verdi (o compositor máis ligado a La Scala) coa estrea no teatro milanés de Oberto, Conte di San Bonifacio, que obtivo un grande éxito, polo que lle foron encargadas outras dúas óperas máis. Non obstante, a estrea de Un giorno di regno (1840) supuxo un rotundo fracaso, que se vería compensado polo grande éxito de Nabucco dous anos máis tarde e que suporía o primeiro grande éxito de Verdi, e á vez, os fortes sentimentos patrióticos desta ópera fortaleceron a popularidade da ópera seria e identificou a súa imaxe con La Scala. Catro óperas máis de Verdi foron estreadas no teatro, a última delas Falstaff (1893), que foi ademais a última ópera de Verdi. A pesar desta especial relación do teatro milanés con Verdi, o compositor permaneceu moitos anos sen representar en La Scala ningunha das súas obras, xa que acusou a orquestra de modificar a súa música. Este conflito orixinouse na produción da súa Giovanna d'Arco en 1845, aínda que o compositor acabaría levando a cabo alí o seu Requiem en 1874, e en 1886 anunciou que La Scala acollería a estrea da súa penúltima ópera, Otello,[3] así como a súa derradeira ópera, Falstaff.

En 1907 renovouse a estrutura orixinal, sendo daquela cando se adoptou a configuración actual do teatro, con 2.800 asentos. En 1943, durante a segunda guerra mundial, os bombardeos danaron seriamente o teatro, que foi reconstruído e reestreado o 11 de maio de 1946 cun concerto dirixido por Arturo Toscanini, quen xa fora director musical do teatro en dous períodos (1898-1908 e 1921-1929) e que realizara unha auténtica revolución no mesmo, tanto no eido administrativo como nas relacións co público e que introduciu representacións wagnerianas e concertos sinfónicos.

Restauración

O teatro permaneceu pechado entre o 19 de xaneiro de 2002 e novembro de 2004 para a súa restauración. Nesta ocasión o proxecto foi deseñado polo arquitecto Mario Botta. Durante este período a compañía trasladouse ao Teatro degli Arcimboldi.

A restauración foi controvertida porque os que velaban pola preservación do teatro temían que se perdesen os detalles históricos. A decisión máis discutida foi a da demolición de toda a área posterior ao escenario para crear unha zona de servizo moderna e funcional, digna dun dos máis importantes teatros do mundo, como se argumentou.

Con todo, a filosofía que guiou a reestruturación do salón do teatro foi a de devolver a La Scala o esplendor orixinal e eliminar tódalas modificación posteriores. Elimináronse alfombras e pinturas que ocultaban o mármore orixinal e, na medida do posible, recuperáronse as decoracións do século XVIII dalgúns palchi de importancia histórica como la barcaccia del virrei, dunha marabillosa cor azul celeste.

Considérase que a compañía quedou satisfeita e impresionada coa calidade do son e as melloras na estrutura. No espazo que se agregou á parte posterior do escenario poderanse gardar máis escenografías. As localidades están equipadas con monitores nos que se presenta o libreto en inglés, francés e italiano.

Para a reapertura do teatro escolleuse a mesma ópera que se interpretou na súa inauguración L'Europa riconosciuta de Antonio Salieri.

Controversias coa xestión

Carlo Fontana, o director xeral de La Scala dende 1990, foi despedido en febreiro de 2005 pola xunta directiva por diferenzas co director musical, Riccardo Muti. A reacción do persoal causou serios trastornos e folgas. Nun comunicado, a directiva do teatro dixo que era "urxente para unificar a xestión do teatro." O 16 de marzo de 2005, a orquestra do teatro e outros membros do persoal votaron abrumadoramente a moción de censura a Muti, e demandaron a dimisión do substituto de Fontana, Mauro Meli. Muti xa fora forzado a cancelar un concerto poucos días antes debido aos desacordos. O ministro de cultura italiano, Giuliano Urbani, apoiou ao director pero chamou a unha acción urxente por parte da administración para salvagardar o bo funcionamento e o prestixio de La Scala. O 2 de abril de 2005, Muti renunciou a La Scala, alegando a "hostilidade" dos membros do persoal.

En maio de 2005, Stéphane Lissner, anteriormente no Festival de Aix-en-Provence, foi nomeado xerente e director artístico de La Scala. O 15 de maio, Daniel Barenboim foi nomeado Maestro Scaligero, ou de facto principal director invitado do teatro. En outubro de 2011, Barenboim foi nomeado director musical de La Scala dende decembro dese mesmo ano, cun contrato inicial de cinco anos.[4]

Responsables do teatro

Daniel Barenboim, actual Maestro scaligero

Directores artísticos

Directores musicais

Directores do coro trala guerra

Superintendentes

Selección de estreas absolutas en La Scala

Véxase tamén: Óperas estreadas no Teatro alla Scala
 

Notas

  1. Mallach, Alan (2007). University Press of New England, ed. The autumn of Italian opera. p. 165. ISBN 1555536832. 
  2. Shelley, Mary Wollstonecraft (1844). Edward Moxon, ed. Rambles in Germany and Italy in 1840, 1842, and 1843 I. Londres. p. 111. 
  3. Kelly, Thomas Forrest (2004). Yale University Press, ed. First Nights at the Opera. p. 317. ISBN 0-300-10044-2. 
  4. Barenboim to head La Scala

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas