A cidade está atravesada polo Sena e tres pequenos afluentes del, o Aubette, o Robec e o Cailly. O Sena representa 179 ha da superficie da comuna, 306 ha son espazos verdes e 210 km están ocupados por vías.
Entre 1990 e 1999 o crecemento natural da poboación foi superior á media nacional francesa, con taxas anuais do 15,31 % para a natalidade e 8,96 % para a mortalidade.
Victor Hugo chamábaa a cidade dos cen campanarios. Moitos edificios foron destruídos polos bombardeos durante a segunda guerra mundial pero quedan aínda, afortunadamente, moitos edificios salientables, tanto relixiosos como civís.
A abadía de Saint-Ouen é particularmente impoñente cos seus 130 m de longo. É de estilo gótico rayonnant.
A catedral gótica inspirou particularmente a Claude Monet. Posúe, no cruceiro do transepto, unha "torre-lanterna" coroada por unha frecha que culmina nos 151 m de altura (é a máis alta de Francia). A fachada occidental está encadrada por dúas torres, a torre Saint-Romain e a Tour de Beurre (Torre de manteiga) edificada cos cartos das indulxencias de Coresma.
A igrexa Saint-Maclou é de estilo gótico flamboyant. Moi preto está o Aître Saint-Maclou, que foi utilizado como osario despois da gran peste.
O Palais de justice é o edificio civil de estilo gótico máis grande de Francia, baixo o cal se atopou o máis antigo monumento xudeu de Europa.
O Gros Horloge (Gran Reloxo) é un reloxo astronómico do século XIV, situado nunha construción que cruza a rúa do Gros Horloge.
O museo Le Secq des Tournelles, que conta cunha colección de ferraxería única no mundo.
O porto
Dende a Idade Media, e mesmo antes, o porto constitúe unha parte preponderante da actividade da cidade a causa da súa situación estratéxica entre París e a Canle da Mancha onde as mareas son aínda perceptibles.
Aínda que estea a 80 km en barco do esteiro (6 horas de navegación), o porto é á vez fluvial e marítimo, capaz de recibir barcos moi importantes (ata 280 m de longo e 150.000 toneladas).
Ruán non é máis que o 28º porto europeo e o 5º francés detrás de Marsella (3º europeo), Le Havre (5º), Dunkerque (13º) e Saint-Nazaire (18º), pero é o primeiro porto europeo para cereais e o primeiro francés para a fariña. O tráfico petrolífero é moito menor que o de Le Havre, pero non por iso desprezable tendo en conta a proximidade da refinaría de Le Petit-Couronne.
Os máis grandes veleiros do mundo se dan cita en Ruán cada 4 ou 5 anos. Este evento foi bautizado "Voiles de la liberté" (Veleiros da Liberdade) en 1989, "Armada de la liberté" (Armada da Liberdade) en 1994 e "Armada du siècle" (Armada do século) en 1999. A última edición, "Armada Rouen 2003" en xullo de 2003 acolleu 50 navíos, 6.000 tripulantes de 20 nacionalidades diferentes, 10 millóns de visitantes, e ducias de actos e de animacións....
↑Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ruán.. Definición para a acepción segunda: [tecido] de liño ou algodón estampado en cores que se fabricaba na cidade francesa dese nome.