Henrique V de Inglaterra foi un rei inglés nado no castelo de Monmouth o 16 de setembro de 1387, como segundo fillo —o primoxénito, Eduardo, morrera ó nacer en 1382— de Henrique, duque de Lancaster —despois Henrique IV— e de María de Bohun. Ó acceder ó trono seu pai, tras depoñer a Ricardo II (1399), converteuse en príncipe de Gales e herdeiro do trono inglés.
Henrique V foi nomeado cabaleiro en dúas ocasións. A primeira foi ós 12 anos de idade, no medio dun campo de batalla irlandés (1399), pola espada de Ricardo II. O rei inglés levaba o mozo Henrique ó combate en calidade de refén para garantir o bo comportamento do seu pai Henrique de Lancaster, opositor político da coroa. Prisioneiro e todo, o rapaz demostrou o seu valor contra os rebeldes irlandeses, o que lle valeu este primeiro recoñecemento. A segunda vez, foi polo seu pai Henrique IV (que xa derrocara e fixera asasinar a Ricardo II e usurpara o trono), un día antes da coroación daquel e da súa propia ascensión ó Principado de Gales.
Ó ano seguinte, 1400, Henrique IV mandou o seu fillo a reprimir unha gran rebelión dun xefe galés que reclamaba para si o principado. En menos de dous anos, o mozo conseguiu sufocar a rebelión, incluíndo os exércitos de dous xefes ingleses que se pregaran a ela. Dos guerreiros galeses aprendería Henrique as tácticas guerrilleiras que máis tarde aplicaría en Francia.
Xuventude e reivindicacións sobre Francia
Á morte de Henrique IV (20 de marzo de 1413), Henrique sobe ó trono como Henrique V e dende o comezo do seu reinado o seu obxectivo principal foi reivindicar para Inglaterra as posesións francesas que el consideraba súas: os ducados de Aquitania, Güiena, Gascuña e Normandía; o que naquela época significaba, máis ou menos, un terzo do reino de Francia.
Baixo a análise da Historia moderna, poderíanse considerar válidos os dereitos de Henrique a tales ducados: en 1152, a derradeira duquesa independente de Aquitania, a célebre Aliénor, divorciada do rei Lois VII de Francia, casou co entón Conde de Anjou e Normandía, Henrique Plantagenet, que logo (1154) sería o rei Henrique II de Inglaterra. Como era lóxico, a duquesa Aliénor leva en dote ó matrimonio tódolos seus estados.
Os ingleses perderían Aquitania baixo a reinado de Xoán Sen Terra (1199-1216, irmán de Ricardo Corazón de León e logo perderán os outros ducados baixo o reinado de Eduardo III, en plena Guerra dos Cen Anos.
Guerra dos Cen Anos e Agincourt
Henrique V decide retomar a loita por recuperar os devanditos estados, e conseguirao, cunha sorte inimaxinable: os ataques de tolemia que padecía o rei Carlos VI de Francia e a guerra civil en dito país entre os duques de Borgoña (Xoán Sen Medo) e de Orleans, converteron ese momento no ideal para que Henrique decidise atacar.
Henrique fixo formar unha gran frota, modernizou o sistema de recrutamento e agregou novas armas e pezas de artillaría para o seu grande exército: cruzou o Canal da Mancha e en setembro de 1415 asediou a estratéxica cidade de Harfleur, sita no estuario do Sena. Pese a tomala, o cerco causou tantas baixas ós ingleses que Henrique decide retirarse ata Calais para volver a Inglaterra. No camiño, el e o seu exército foron alcanzados polos franceses en Agincourt, onde acadou unha resoante vitoria a pesar de ser superado numericamente.
Esta foi a vitoria final de Henrique: en Agincourt (25 de outubro) capturou importantes nobres franceses, entre eles o mesmo duque de Orleans, primo do rei, que non será liberado do seu cativerio en Inglaterra ata 1440. Así mesmo, recuperou tres cuartas partes dos territorios que reclamaba.
Matrimonio
Pero, como hábil estadista que era, Henrique V decide unirse á dinastía real dos Valois por matrimonio, solicitando a man da xove princesa Catarina, a máis nova das seis fillas do rei Carlos VI e a raíña Isabel de Baviera.
Ó mesmo tempo que xestionaba o seu matrimonio, meteu presión ó soberano francés a recoñecerlle a súa vitoria e nomealo lexítimo herdeiro do trono de Francia.
Deste modo, chégase a asinar o Tratado de Troyes de 1420, mediante o cal Carlos VI recoñeceu a Henrique V como o seu único herdeiro tras o seu matrimonio con Catarina, celebrado na catedral da mesma cidades de Troyes o 2 de xuño dese ano. No tratado estipulouse que os descendentes de Henrique V e Catarina serían os sucesores do rei Carlos VI á súa morte. Así mesmo, no Tratado desherdaba ó seu fillo o delfín Carlos, a quen a súa propia nai Isabel acusou de ser bastardo. A sinatura deste convenio, que equivalía ó falecemento da coroa francesa, produciu unha grande onda de patriotismo: moitos dos grandes nobres franceses -como os duques da Bretaña, Alençon, Berry e outros- rexeitaron o tratado e sostiveron a lexitimidade dos dereitos do delfín como herdeiro.
Morte
A finais de 1420 Henrique decide retornar a Inglaterra, levando con el a súa esposa Catarina. Do seu matrimonio nacerá un único fillo: Henrique VI (nado no Castelo de Windsor, o 6 de decembro de 1421 - morto asasinado na Torre de Londres en 1471), sucesor do seu pai nos tronos de Inglaterra e Francia.
Como a situación en Francia era convulsa e insegura, Henrique V decide regresar ó país galo a principios de 1422, deixando á súa esposa e fillo en Inglaterra. Non volvería a velos nunca máis.
Enfermo de disentería, decide facer uns últimos esforzos por preservar os logros derivados das súas vitorias francesas. Xa tan feble que só podía ser levado en liteira, morre no bosque de Vincennes o 31 de agosto de 1422, dezaseis días antes de cumprir os 35 anos de idade. O seu corpo foi trasladado a Inglaterra e está soterrado na abadía de Westminster.