Neuquén é unha provincia arxentina situada no centro-oeste do país. A súa área é de 94.078 km², cunha poboación no ano 2008 de 547.742 habitantes. A súa capital é a cidade homónima de Neuquén.
Nome
Debe o seu nome ao río máis importante da provincia, o Neuquén, que é de orixe mapuche, lingua na que significa "río de correntes".
Límites
Neuquén confina polo norte coa provincia de Mendoza, polo leste con La Pampa e Río Negro, polo sur tamén con Río Negro, e polo oeste con estado chileno.
Xeografía
Neuquén posúe un terreo con dúas partes ben diferenciadas. O leste comparte as características chairas das pampas, entanto cara occidente vaise alzando en altura, segundo nos achegamos aos Andes, até atoparnos con frecuencia picos que superan os 2.000 metros de altura na divisoria. Aínda que o punto culminante está localizado no Vocán Domuyo, que supera os 4.000 metros, as altitudes son sensibelmente menores que as que se atinxen na provincia limítrofe de Mendoza, na que son numerosas as cumes por riba dos 6.000 metros. Con todo, a paisaxe é totalmente alpina, con abundantes glaciares e lagos de orixe tamén glaciar. Como en toda a cordilleira andina, Neuquén ten tamén os seus volcáns.
Desde un punto de vista hidrolóxico, son numerosos os ríos que baixan das ladeiras dos Andes. O río principal é o Neuquén (500 km), que unido ao Limay, forman o Negro.
O clima é variado, desde o temperado das chairas, até o ártico das cimas dos Andes. As precipitacións aumentan de leste a oeste, superando os 3.000 mm anuais medios na franxa andina.
Historia breve
Neuquén estivo practicamente abandonado polo dominio colonial hispánico. A partir de 1833 comezou a política do novo estado arxentino sobre o sur, en parte nunha carreira co Chile por estender a superficie do país. A partir da década de 1870 comezaron as expedicións militares, que atoparon a resistencia dos indios (mapuches, tehuelches e outros). Porén, manu militari, o estado arxentino foi sometendo as terras até a Patagonia. Neuquén recibiu a cualificación oficial de Territorio do Neuquén, que se mantivo até 1955. Nese ano pasou a ser provincia.
Economía
Neuquén é o centro da produción petroleira e gasista da Arxentina, e, outramente, produce algo máis da metade da enerxía hidroeléctrica do estado.
O turismo é un sector en rápido desenvolvemento. Neuquén posúe varios parques, con vistosos lagos, frondosos bosques, ríos moi aptos para a pesca deportiva, e excelentes posibilidades para o lecer de montaña (sendeirismo, esquí, escalada).
Xeografía
Relevo
O medio físico provincial presenta un escalonamento decrecente de oeste a leste, provocando que a maioría dos cursos de auga sigan o mesmo rumbo.[1]