A provincia de Buenos Aires[1], ou tamén provincia de Bos Aires, é unha das 23 provincias que compoñen a Arxentina. Pola extensión, poboación e relevancia das súas actividades económicas é considerada a máis importante do país.
Con 307.571 km² de extensión, é a provincia arxentina máis extensa, ocupando o 11,06% da súa superficie total. O partido de Patagones é o máis extenso da provincia con 13.600 km², e o de Vicente López é o menos extenso, con 33 km².[2]
A súa poboación aproximada é de quince millóns de habitantes segundo o Censo da Arxentina de 2001,[3] co cal é a provincia máis poboada da República Arxentina. Está conformada por parte do Gran Buenos Aires, con 9.270.661 habitantes, máis o que se considera o interior con 4.556.542 habitantes. É unha das provincias con maior densidade de poboación, equivalente a 48,05 habitantes por km², só superada pola Cidade Autónoma de Buenos Aires e a provincia de Tucumán.