Peter Brian Medawar (/ˈmɛdəwər/), nado o 28 de febreiro de 1915 e finado o 2 de outubro de 1987,[1] foi un biólogo e escritor británico, cuxos traballos sobre o rexeitamento de transplantes e o descubrimento da tolerancia inmunitaria adquirida foron fundamentais para a práctica médica do transplante de órganos e tecidos. Por estes traballos científicos, considérase o "pai dos transplantes".[2] É lembrado polo seu enxeño tanto en persoa coma nos seus escritos. Richard Dawkins denominouno "o máis enxeñoso de todos os escritores científicos";[3]Stephen Jay Gould considerouno "o home máis intelixente que coñecín".[4]
Medawar naceu en Petrópolis, unha cidade a 64 km ao norte de Río de Xaneiro, Brasil, onde vivían os seus pais. Era o terceiro fillo de Nicholas Agnatius Medawar, que era libanés, e de Edith Muriel (nacida Dowling), que era británica.[7][8] Tivo un irmán, Philip, e unha irmá, Pamela. (Pamela casou con Sir David Hunt,[9] que foi Secretario Privado dos primeiros ministros británicos Clement Attlee e Winston Churchill.[10]) O seu pai, un cristián maronita, naturalizouse como cidadán británico e traballou para un fabricante británico de subministracións dentais que o enviara ao Brasil como axente.[8] (El posteriormente describiu a profesión do seu pai como vender "dentes postizos en América do Sur".[11]) O seu status como cidadán británico adquiriuno de nacemento, e como el dixo "o meu nacemento foi rexistrado no consulado británico a tempo para adquirir o status de 'suxeito nacido naturalmente británico'."[7]
Medawar deixou o Brasil coa súa familia para ir a Inglaterra "contra o final da guerra", e viviu alí durante o resto da súa vida. Tamén era cidadán brasileiro por nacemento, tal como prescribía a lei de nacionalidade brasileira daquela vixente (jus soli). Aos 18 anos de idade, cando tiña idade para ser recrutado polo exército brasileiro,[12] solicitou a exención da conscrición militar a Joaquim Pedro Salgado Filho, o seu padriño e entón Ministro de Aviación. A súa petición foi denegada polo xeneral Eurico Gaspar Dutra, e para non facer o servizo militar tivo que renunciar á súa cidadanía brasileira.[9][13]
En 1928 Medawar estudou no Marlborough College en Marlborough, Wiltshire.[8] Odiaba ese colexio porque "eran críticos e queixosos ao memso tempo, preguntándose que tipo de persoa era un libanés; algo estranxeiro seguro",[14] e tamén pola súa preferencia polo deporte, no cal el era débil.[8] Experiencias de abuso escolar e racismo fixérono sentir o resto da súa vida "resentido e indignado das maneiras e costumes da institución esencialmente tribal [de Marlborough]," e semellábase ás escolas de adestramento para as SS nazis "baseadas nas columnas xemelgas do sexo e o sadismo." Os seus momentos de maior orgullo no colexio foron co seu profesor Ashley Gordon Lowndes, a quen recoñecía que motivou o comezo da súa carreira en bioloxía.[15] Recoñecía que Lowndes era pouco literato pero "un moi, moi bo profesor de bioloxía".[14] Lowndes ensinara a eminentes biólogos como John Z. Young e Richard Julius Pumphrey.[16] Porén, Medawar era pouco habilidoso en disección e era constantemente molestado polo seu dito: "o rapaz cuxos debuxos da súa disección difiren en calquera forma do diagrama do libro de texto é un completo parvo."[15]
En 1932 estudou no Magdalen College, Oxford, graduándose con honras de primeira clase en zooloxía en 1935.[8] Medawar obtivo as bolsas Christopher Welch e demy do Magdalen en 1935. Tamén traballou na Escola de Patoloxía Sir William Dunn supervisado por Howard Florey (posteriormente laureado co Nobel, e que o inspirou a estudar inmunoloxía) e completou a súa tese de doutoramento en 1941.[17] En 1938 converteuse en Membro do Magdalen por medio dun exame, posición que mantivo ata 1944. Alí empezou a traballar con J. Z. Young na rexeneración dos nervios. A súa invención dunha cola para pegar os nervios demostrou a súa utilidade en operacións cirúrxicas de nervios seccionados durante a segunda guerra mundial.[16]
A Universidade de Oxford aprobou a súa tese de doutoramento PhD titulada "Growth promoting and growth inhibiting factors in normal and abnormal development" en 1941,[17] pero debido ao custo prohibitivo da petición (o proceso polo cal se outorga oficialmente un grao), decidiu gastar o diñeiro na súa urxente apendicectomía en vez de na petición.[11] A Universidade de Oxford posteriormente premiouno co grao de Doutor en Ciencia en 1947.[18]
Traxectoria e investigación
Despois de completar o seu PhD, Medawar foi nomeado Rolleston Prizeman en 1942, membro investigador sénior do St John's College, Oxford en 1944, e demostrador universitario de zooloxía e anatomía comparada tamén en 1944.[19] Foi reelixido Membro (Fellow) do Magdalen de 1946 a 1947. En 1947 converteuse no profesor Mason de Zooloxía da Universidade de Birmingham e traballou alí ata 1951. Trasladouse ao University College London en 1951 como profesor Jodrell de Zooloxía e Anatomía Comparada.[1]
A dedicación de Medawar ao que se convertería na investigación dos transplantes empezou durante a segunda guerra mundial, cando investigaba posibles melloras nos enxertos de pel.[17] A súa primeira publicación sobre a materia foi "Sheets of Pure Epidermal Epithelium from Human Skin", que publicou en Nature en 1941.[23] Os seus estudos tiñan especialmente que ver con buscar unha solución para a curación das feridas na pel de soldados na guerra.[24][25] En 1947 trasladouse á Universidade de Birmingham, levando con el o seu estudante de doutoramento PhD Leslie Brent e o posdoutoral Rupert Billingham. As súas investigacións foron enfocándose máis en 1949, cando o biólogo australiano Frank Macfarlane Burnet, no Instituto de Investigación Médica Walter e Eliza Hall de Melbourne, presentou a hipótese de que durante a vida embrional e inmediatmente despois do nacemento, as células inmunitarias adquirían gradualmente a capacidde de distinguir entre as súas substancias tisulares propias e as células non desexadas e material alleo.[5]
Con Billingham publicou un artigo pioneiro en 1951 sobre a técnica dos enxertos.[26] O inmunólogo norteamericano Santa J. Ono describiu o duradeiro efecto que tivo este artigo na ciencia moderna.[27] Baseándose nesta técnica de enxerto, o equipo de Medawar ideou un método para comprobar a hipótese de Burnet. Extraeron células de embrións de ratos xoves e inxectáronas noutro rato de diferente cepa. Cando o rato crecía ata ser adulto e se realizaba un enxerto de pel procedente da cepa orixinal, non había rexeitamento do tecido. O rato tolerara o tecido estraño, que normalmente sería rexeitado. A súa proba experimental da hipótese de Burnet foi publicada primeiramente nun breve artigo en Nature en 1953,[28] e foi seguido dunha serie de artigos e descricións completas en Philosophical Transactions of the Royal Society B en 1956, dándolle ao proceso o nome de "tolerancia adquirida activamente".[29]
Consecuencias das investigacións
Medawar recibiu o Premio Nobel en 1960 xunto con Burnet polo seu traballo no enxerto de tecidos, que é a base do transplante de órganos, e o seu descubrimento da tolerancia inmunolóxica adquirida. Este traballo utilizouse na realización de enxertos de pel despois de queimaduras. O traballo de Medawar tivo como resultado un cambio na orientación da ciencia da inmunoloxía que pasou desde a idea inicial que intentaba tratar co mecanismo inmunitario completamente desenvolvido á estratexia posterior de intentar alterar o propio mecanismo inmunitario, como no intento de suprimir o rexeitamento dos transplantes polo corpo.[30][31] Isto foi o fundamento dos primeiros transplantes de órganos realizados con éxito en humanos, especificamente o transplante de riles, levado a cabo polo doutor estadounidense Joseph Murray, quen finalmente recibiu en 1990 o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina.[32]
Teoría da senescencia
A conferencia de Medawar de 1951 "An Unsolved Problem of Biology" (publicada en 1952[33]) trataba do envellecemento e a senescencia, e empezou definindo ambos os termos da seguinte maneira:
Obviamente necesitamos unha palabra para o simple envellecemento, e eu propoño usar a propia palabra "envellecemento" [ageing] para este propósito. "Envellecemento" de agora en adiante significa xustamente envellecemento sen ningún outro sentido adicional. Usarei a palabra "senescencia" [senescence] para significar envellecemento acompañado dese declive das facultades, sensibilidades e enerxías corporais que coloquialmente comporta o envellecemento.
Despois afrontou a cuestión de por que a evolución permitiu que os organismos sufran senescencia, a pesar de que (1) a senescencia rebaixa a fitness individual, e (2) non hai unha necesidade obvia para a senescencia. Ao responder esta cuestión, Medawar proporciona dúas ideas fundamentais e interrelacionadas. Primeiro, hai un inexorable declive da probabilidade da existencia dun organismo, e, polo tanto, no que el denomina "valor reprodutivo." Suxire que, polo tanto, se segue que a forza da selección natural se debilita progresivamente coa idade avanzada na vida (porque a fecundidade dos grupos de idade máis novos é enormente máis significativa na produción da seguinte xeración). O que lle ocorre a un organismo despois da reprodución só se reflicte debilmente na selección natural polo efecto sobre os seus parentes máis novos. Sinalou que a probabilidade de morrer en varios momentos da vida, como se pode xulgar dos datos das táboas de mortalidade, era unha medida indirecta da fitness, é dicir, a capacidade dun organismo de propagar os seus xenes. As táboas de mortalidade para os humanos mostran, por exemplo que a menor probabilidade de morte en femias humanas é aos 14 anos de idade, o cal nas sociedades primitivas probablemente sería unha idade de pico de reprodución. Isto serviu como base para as tres teorías modernas da evolución da senescencia.[34][35][36]
Teoría sobre a evolución endócrina
Medawar presentou unha charla sobre o viviparismo en animais (o fenómeno polo cal algúns animais paren crías vivas) nun encontro sobre evolución en Oxford en xullo de 1952.[37] Posteriormente foi publicada en 1953. Nela introduciuse o aforismo:
A evolución endócrina non é unha evolución de hormonas senón unha evolución dos usos aos cales se destinan; unha evolución, por dicilo así, non de fórmulas químicas senón de reactividades, padróns de reacción e competencias dos tecidos.
A noción de que a evolución e a diversidade de funcións endócrinas en animais débense a diferentes usos de cada hormona en vez de a diferentes hormonas converteuse nun feito establecido.[40] O artigo tamén se considera pioneiro no campo da inmunoloxía reprodutiva.[41]
Vida persoal
Medawar non coñecía o significado exacto do seu apelido, que é unha palabra árabe, segundo lle dixeron, que significa "facer redondo, arredondar"; pero despois un amigo seu explicoulle que significaba máis exactamente "home gordo pequeno de formas redondas".[7]
Medawar casou con Jean Shinglewood Taylor o 27 de febreiro de 1937. Coñeceuna en clase cando se estaba graduando en Oxford, el no Magdalen College e Taylor no Somerville College. Taylor achegouse a el para preguntar polo significado de "heurístico", que tivo que preguntar dúas veces, e el tivo finalmente que darlle leccións de filosofía. Medawar describiuna como a "muller máis xeitosa en Oxford"; mais a impresión de Taylor era que el tiña un aspecto "lixeiramente diabólico." A familia de Taylor opoñíase ao matrimonio porque Medawar non tiña "ningunha historia [familiar], e ningún diñeiro." A súa nai explicitamente tiña medo de ter netos "negros"; a súa tía desherdouna. Malia todo, casaron e a parella tivo dous fillos, Charles e Alexander, e dúas fillas, Caroline e Louise.[42]
Medawar estaba interesado nunha ampla variedade de materias como a ópera, a filosofía e o cricket. Era excepcionalmente alto, 1,96 m, fisicamente robusto, cunha forte voz que se facía notar especialmente nas súas leccións. Foi recoñecido polo seu enxeño e sentido do humor, que segundo el herdara da súa "estridente" nai. Cando completou a súa investigación doutoral (PhD) en 1941, non lle deron o título porque non podía permitirse pagar as 25 libras necesarias, sobre o cal comentou:
Son un impostor. Son un doutor, pero non un PhD... Moralmente eu son un PhD, no senso de que podía telo [o título] se me puidese permitir pagalo. De calquera xeito, non estaba de moda daquela. John Young [probablemente referíndose a John Zachary Young] tampouco era un PhD. Un PhD era considerado entón como unha importación alemá á última moda, tan rara e indesexable como ter bandas alemás tocando nas esquinas das rúas.[7]
Era considerado o discípulo máis coñecido na ciencia do filósofo Karl Popper.[43]
Medawar era o avó por parte materna do guionista e director Alex Garland.[44]
Opinións sobre a relixión
Medawar declarou:
... Creo que pode razoablemente dicirse non que cremos en Deus porque El exista senón máis ben que El existe porque nós cremos nel... Considerado como un elemento do mundo, Deus ten o mesmo grao e tipo de realidade obxectiva que outros produtos da mente... Lamento non crer en Deus e nas respostas relixiosas xeralmente, pois eu creo que darían satisfacción e confort a moitos que o necesitan se fose posible descubrir e propoñer boas razóns científicas e filosóficas para crer en Deus... Abdicar da regra da razón e substituíla por unha autenticación da crenza pola resolución e grao de convicción co cal a sostemos pode ser perigoso e destrutivo... Son un racionalista, unha peza de colección hoxe en día, admítoo...
Aínda que normalmente simpatizaba co cristianismo, especialmente en ensinanzas morais, consideraba que as historias bíblicas non eran éticas e estaba "impresionado polo modo en que os personaxes [bíblicos] se enganaban e defraudaban uns a outros." Mesmo pediu á súa muller "que se asegurase de que ese libro non caíse nas mans dos [seus] nenos."[46]
Emporiso, el tamén dixo o seguinte, que suxire que aínda que a relixión ten un gran valor para os seres humanos en conxunto, non lles axuda a todos por igual:
A relixión non me sostivo en ningunha das ocasións nas que o confort que ela declara tería sido ben recibido.[11]
Últimos anos e morte
En 1959 Medawar foi invitado pola BBC para presentar o programa Conferencias de Reith anual da emisora, seguindo os pasos do seu colega J. Z. Young, que foi un conferenciante de Reith en 1950. Para a súa propia serie de seis emisións de radio tituladas The Future of Man,[47] Medawar examinou como a raza humana podería continuar evolucionando.
Mentres estaba asistindo á xuntanza anual da Asociación Británica de 1969, Medawar sufriu un accidente cerebrovascular cando estaba dando unha lección na catedral de Exeter, unha tarefa que recae en cada novo presidente da Asociación Británica. Era, como el dixo, "unha enorma mala sorte porque Jim Whyte Black aínda non concibira os beta-bloqueantes, que fan máis lento o latexo cardíaco e poderían ter preservado a miña saúde e carreira".[48] A mala saúde de Medawar pode que tivese repercusións para a ciencia médica e as relacións entre a comunidade científica e o goberno. Antes do seu ataque cerebral, Medawar era un dos científicos británicos máis influíntes, especialmente no campo biomédico.
Despois do estado en que quedou, con limitación da súa capacidade de falar e de moverse, Medawar, coa axuda da súa muller, reorganizou a súa vida e continuou escribindo e facendo investigación, aínda que nunha escala moi restrinxida. Porén, sufriu máis hemorraxias cerebrais e en 1987 morreu no Royal Free Hospital de Londres. Está enterrado coa súa dona Jean (1913–2005) no cemiterio de St Andrew's Church en Alfriston en East Sussex.[49][50]
Foi elixido presidente da Royal Society no período 1970–1975, pero un grave accidente cerebrovascular en 1969 impediulle facerse cargo do posto.[57]
Medawar foi premiado co Premio Michael Faraday de 1987 "pola contribución que os seus libros fixeron a presentar ao público e aos propios científicos a natureza intelectual e a humanidade esencial de perseguir a ciencia ao máis alto nivel e o papel que xogou na nosa cultura moderna".[58]
Existen tres premios que levan o nome de Medawar:
A Royal Society creou a conferencia Medawar en 1986 sobre un tema relacionado coa historia da ciencia, a filosofía da ciencia ou a función social da ciencia.[59] Desde 2007 a conferencia foi fusionada con outras dúas máis antigas en honra de John Wilkins e John Desmond Bernal e converteuse na Conferencia Wilkins-Bernal-Medawar e o premio que a acompaña é a Medalla Wilkins-Bernal-Medawar.[60]
A Medalla Peter Brian Medawar, concedida pola Academia Médica do Estado de Río de Xaneiro.[9]
A Universidade de Oxford creou un consorcio de investigación chamado Peter Medawar Building for Pathogen Research.[62]
O Departamento de Ciencias e Estudos de Tecnoloxía do University College London concede o Premio STS Peter Medawar para estudantes de pregrao.[63]
O Equipo do Compromiso Público coa Investigación da Universidade de Birmingham (PER) creou o Premio Luz do Entendemento (que leva o nome dunha cita de Medawar) anual para individuos e grupos que realizan un compromiso público co traballo de investigación.[64]
Publicacións
Medawar foi recoñecido como un autor brillante. Richard Dawkins dixo que era "o máis enxeñoso de todos os escritores científicos",[3] e o obituario da revista New Scientist di que é "quizais o mellor escritor científico da súa xeración".[65]
Un dos seus ensaios máis coñecidos é a súa crítica de 1961 ao libro Le phénomène humain de Pierre Teilhard de Chardin , do cal dixo: "O seu autor pode ser excusado de deshonestidade só polo feito de que antes de enganar a outros fixo grandes esforzos para enganarse a si mesmo".[66][67]
Entre os seus libros están:
The Uniqueness of the Individual, which includes essays on immunology, graft rejection and acquired immune tolerance. Basic Books, Nova York, 1957
The Future of Man: the BBC Reith Lectures 1959, Methuen, Londres, 1960
The Art of the Soluble, Methuen & Co., London/ Barnes and Noble, Nova York, 1967
Induction and Intuition in Scientific Thought, American Philosophical Society. Philadelphia/Methuen & Co., Londres, 1969
The Life Science, Harper & Row, 1978
Advice to a Young Scientist, Harper & Row, 1979
Pluto's Republic, incorporating an earlier book The Art of the Soluble, Oxford University Press, 1982
The Limits of Science, Oxford University Press, 1988
The Hope of Progress: A Scientist looks at Problems in Philosophy, Literature and Science, Anchor Press / Doubleday, Garden City, 1973
Memoirs of a Thinking Radish: An Autobiography, Oxford University Press, 1986
The Threat and the Glory: Reflections on Science and Scientists (ed.: David Pyke), a posthumously collected volume of essays, HarperCollins, 1990
Ademais dos seus libros de ciencia e filosofía, escribiu un curto artigo de fondo sobre "Some Meistersinger Records" no número de The Gramophone de novembro de 1930. O autor era un tal P. B. Medawar. A proba de que este era efectivamente o futuro Sir Peter Medawar —entón un escolar de 15 anos— discutiuse en "Gramophone" en 1995 ("‘Gramophone’, Die Meistersinger and immunology", de John E. Havard, decembro de 1995).
↑Billingham, R. E.; Brent, L.; Medawar, P. B. (1956). "Quantitative studies on tissue transplantation immunity. III. Actively acquired tolerance". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences239 (666): 357–414. Bibcode:1956RSPTB.239..357B. doi:10.1098/rstb.1956.0006.
↑Simpson, Elizabeth (2004). "Reminiscences of Sir Peter Medawar: I hope of antigen-specific transplantation tolerance". American Journal of Transplantation4 (12): 1937–1940. PMID15575894. doi:10.1111/j.1600-6143.2004.00687.x.
↑Medawar, P. B. (1952). An Unsolved Problem of Biology. HK Lewis and Co.
↑Ljubuncic, Predrag; Reznick, Abraham Z. (2009). "The Evolutionary Theories of Aging Revisited – A Mini-Review". Gerontology55 (2): 205–216. PMID19202326. doi:10.1159/000200772.
↑Promislow, Daniel E. L.; Pletcher, Scott D. (2002). "Advice to an aging scientist". Mechanisms of Ageing and Development123 (8): 841–850. PMID12044932. doi:10.1016/S0047-6374(02)00021-0.
↑Medawar, P.B. (1953). "Some immunological and endocrinological problems raised by the evolution of viviparity in vertebrates". Symposia of the Society for Experimental Biology7: 320–338.
↑Renfree, Marilyn B. (1994). "Endocrinology of Pregnancy, Parturition and Lactation in Marsupials". En Lamming, G. E. Marshall's Physiology of Reproduction(en inglés). Springer Netherlands. pp. 677–766. ISBN978-94-010-4561-2. doi:10.1007/978-94-011-1286-4_7.
Billington, W. David (outubro de 2003). "The immunological problem of pregnancy: 50 years with the hope of progress. A tribute to Peter Medawar". J. Reprod. Immunol.60 (1): 1–11. PMID14568673. doi:10.1016/S0165-0378(03)00083-4.
Raju, T. N. (xuño de 1999). "The Nobel chronicles. 1960: Sir Frank Macfarlance Burnet (1899–1985), and Sir Peter Brian Medawar (1915–87)". Lancet353 (9171): 2253. PMID10393027. doi:10.1016/S0140-6736(05)76313-3.
Lawrence, H. (agosto de 1981). "Advances in immunology: a meeting in honor of Sir Peter Medawar". Cell. Immunol.62 (2): 233–310. PMID7026051. doi:10.1016/0008-8749(81)90318-X.
Guntrip, H. (setembro de 1978). "Psychoanalysis and some scientific and philosophical critics: (Dr Eliot Slater, Sir Peter Medawar and Sir Karl Popper)". The British Journal of Medical Psychology51 (3): 207–24. PMID356870. doi:10.1111/j.2044-8341.1978.tb02466.x.
Kenéz, J. (abril de 1975). "Medawar and organ transplantation". Orvosi Hetilap116 (16): 931–34. PMID1090878.
Sulek, K. (marzo de 1969). "Nobel prize for F. M. Burnett and P. B. Medawar in 1960 for discovery of acquired immunological tolerance". Wiad. Lek.22 (5): 505–06. PMID4892417.
"Sir Peter Brian Medawar". Triangle; the Sandoz Journal of Medical Science9 (2): 79–80. 1969. PMID4939701.