Petrópolis é unha cidade brasileira situada no Estado do Río de Xaneiro, nas montañas da Serra dos Órgãos. Ten unha área de 774,606 km² e unha poboación estimada de 302.477 habitantes para o ano de 2004. Sitúase a uns 68 km da capital do estado, Río de Xaneiro pola estrada BR-040 e a 463 km da cidade de São Paulo.
Historia
Foi a primeira cidade proxectada do Brasil. Antes de ser construída, a rexión era coñecida como Fazenda do Córrego Seco, e servía como pasaxe do Río de Xaneiro ao estado de Minas Gerais. Chámase Petrópolis (ou sexa, a cidade de Pedro) en homenaxe ao seu fundador, o emperador Pedro II. O clima agradable da rexión atraiu a Familia Real brasileira, que alí construíu a súa estancia de verán. Para acoller a corte foron construídos moitos palacios e construcións luxosas.[1] Ademais, foron "importadas" 600 familias de inmigrantes alemáns no século XIX para colonizar a área.
Aínda hoxe os descendentes da familia real teñen terras na rexión.
Economía
O seu agradable clima, as súas construcións históricas, e a abundante vexetación da Serra dos Órgãos e as súas montañas serven como grandes atractivos turísticos. Ademais, a cidade posúe un activo comercio e servizos e tamén produción agropecuaria (na que destacan as plantacións de froitas de clima temperado) e industrias.