Luc Smolderen|
Nacemento | Luc Hyppolite Marie Smolderen 7 de febreiro de 1924 Anveres, Flandres, Bélxica. |
---|
Morte | 3 de xullo de 2013 (89 anos). Uccle, Bruxelas-Capital, Bélxica. |
---|
Cargos
|
Presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica |
---|
Período | 1990 – 1996 |
---|
Antecesor | Tony Hackens |
---|
Sucesor | Hubert Frère |
---|
Presidente da Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica |
---|
Período | 2002 – 2005 |
---|
Embaixador de Bélxica en Siria |
---|
Período | 1972 – 1976 |
---|
Embaixador de Bélxica en Marrocos |
---|
Período | 1981 – 1985 |
---|
Embaixador de Bélxica en Francia |
---|
Período | 1986 – 1989 |
---|
|
|
País de nacionalidade | Belga. |
---|
Educación | Universidade Católica de Lovaina. |
---|
Tese académica | Jacques Jonghelinck, sculpteur, médailleur et graveur de sceaux (1530-1606) (1993). |
---|
Director de tese | Tony Hackens. |
---|
|
Campo de traballo | Diplomacia, historiografía, numismática. |
---|
Ocupación | diplomático, historiador, numismático |
---|
Membro de | |
---|
|
Pai | Joseph Smolderen |
---|
|
Gran Oficial da Orde da Coroa. Comendador da Orde de Leopoldo. Comendador da Orde de Leopoldo II. |
|
Luc Hyppolite Marie Smolderen, nado en Anveres o 7 de febreiro de 1924 e finado en Uccle, Bruxelas, o 3 de xullo de 2013, foi un diplomático, historiador e numismático belga.
Traxectoria
Luc Smolderen, nado en 1924 en Anveres, era fillo de Joseph Smolderen, un recoñecido arquitecto e urbanista,[1] e profesor do Instituto Superior de Belas Artes de Anveres.[2]
Cursou a súa educación secundaria no Ateneo Real desa cidade e posteriormente ingresou na Universidade Católica de Lovaina, onde en 1947 se graduou dos seus estudos de Filosofía e Letras na sección de Historia Moderna,[1][3] cunha tese titulada Introduction à l’histoire du règne de Jean sans Peur ("Introdución á historia do reino de Xoán sen Medo"), dirixida por Léon van der Essen.[2]
No mesmo 1947 obtivo a súa habilitación para a docencia no ensino medio, e en 1950 acadou o seu doutoramento en Dereito na mesma universidade.[1][2][3]
Carreira diplomática
Smolderen comezou a súa actividade como avogado no Tribunal de Apelación de Bruxelas, mais de camiño accedeu mediante exame ao Servizo Exterior,[1] no curso 1952-1953. A partir dese momento ocupou diversos postos diplomáticos de relevancia, como membro da delegación belga ante as Nacións Unidas (1956-1959), e ante a OTAN en París (1959-1964), xefe da delegación do seu país ante a Axencia Internacional da Enerxía Atómica en Viena (1976-1980), ou secretario xeral adxunto do Ministerio de Asuntos Exteriores de Bélxica (1986), entre outros.[4]
Como embaixador, encabezou a representación de Bélxica nas embaixadas de Siria (1972-1976) e Marrocos (1981-1985), e rematou a súa carreira diplomática como embaixador en Francia (1986-1989).[3][4]
Traxectoria como erudito
En paralelo á súa actividade profesional, Smolderen foi desenvolvendo o seu interese polo coñecemento histórico e artístico. Durante as súas viaxes como diplomático aproveitou para visitar escavacións arqueolóxicas como as que estaba a levar a cabo unha misión belga en Damasco, e tamén as coleccións de institucións como o Museo de Historia da Arte en Viena ou a Biblioteca Nacional en París, interesándose sinaladamente polo estudo da numismática e en particular, a medallística do Renacemento. Estas experiencias e os seus estudos deron lugar a unha gran cantidade de publicacións.[4]
As súas investigacións durante tres décadas levárono a defender en 1996 unha tese de doutoramento en Historia na Universidade de Lovaina titulada Jacques Jonghelinck, sculpteur, médailleur et graveur de sceaux (1530-1606) ("Jacques Jonghelinck, escultor, medallista e gravador de selos"), dirixida por Tony Hackens, que foi publicada posteriormente como monografía,[5] en 1996.[1][3][4] Nos anos seguintes publicou tamén,[6] en 2009, un amplo tratado sobre a historia da medalla en Bélxica.[7]
Ao longo da súa vida, Smolderen estivo moi vinculado á Sociedade Real de Numismática de Bélxica, na que ingresou como membro correspondente o 4 de marzo de 1956 e xa de pleno dereito o 21 de marzo de 1965. Nesta entidade ocupou os cargos de secretario (1966-1970), vicepresidente (1986-1989), e finalmente presidente (1990-1996)[3] e, consecuentemente, director da Revue belge de Numismatique. A partir dese momento pasou a ser presidente de honra da entidade.[4]
Outra institución á que Smolderen lle dedicou gran parte dos seus esforzos foi a Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica, en cuxa revista publicou un bo número de artigos. Ingresou nesta academia como membro correspondente o 6 de febreiro de 1980 e pasou á condición de titular o 18 de febreiro de 1989. Nesta entidade, ocupou os cargos de vicepresidente (2001-2002) e presidente (2002-2005).[3][8][9]
Luc Smolderen finou en Buccle, Bruxelas, o 3 de xullo de 2013, aos 89 anos.[1][9][10]
Recoñecementos
Ao longo da súa traxectoria, Luc Smolderen foi merecedor de diversos recoñecementos, entre eles os seguintes.[9]
Premios
- 2008: Premio Arthur Merghelynck, Academia Real de Bélxica (clase de Artes).
- 2009: Premio quinquenal do Centro de Estudos Numismáticos de Bruxelas.
Honras
- Gran Oficial da Orde da Coroa.
- Comendador da Orde de Leopoldo
- Comendador da Orde de Leopoldo II.
- Cruz cívica de primeira clase.
- Gran Cordón da Orde do Mérito de Siria.
- Gran Oficial da Orde da Coroa de Carballo, de Luxemburgo.
- Comendador da Orde do Mérito de Italia.
Publicacións
Smolderen foi un prolífico autor de máis dun cento de artigos acerca dos seus temas de interese, publicados en diversas revistas especializadas como as belgas Revue belge d'archéologie et d'histoite de l'art; Revue belge de Numismalique et de sigillographie; Revue de archéologues et hisloriens de l'art de Louvain e Jaarboek Konink-lijk Museum voor Schone Kunsten Antwerpen; a francesa a Revue Numismalique ou a británica The Medal,[8]
Estes son os traballos monográficos publicados por Luc Smolderen ao longo da súa traxectoria:[11]
- (1972). La Statue du duc d’Albe à Anvers par Jacques Jonghelinck (1571). Académie royale de Belgique, Bruxelas.
- (1996). Jacques Jonghelinck, sculpteur, médailleur et graveur de sceaux (1530-1606). Université catholique de Louvain, Louvain-la-Neuve. ISBN 978-2960046243
- (2004). Les Waterloos, graveurs bruxellois de médailles et de sceaux (xviie siècle). Association de numismatique professeur Marcel Hoc, Louvain-la-Neuve. ISBN 296004620X [12]
- (2009). La Médaille en Belgique des origines à nos jours. Wetteren. ISBN 9789090240398 [13]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Van Laere, R. (2013). Páxina 232.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Moucharte, G. (2013). Páxina I.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Doyen, J-M. (2013). Páxina 212.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Moucharte, G. (2013). Páxina II.
- ↑ Véxase "(1996)" en "Publicacións".
- ↑ Véxase "(2009)" en "Publicacións".
- ↑ Moucharte, G. (2013). Páxina III.
- ↑ 8,0 8,1 Van Laere, R. (2013). Páxinas 232-233.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Moucharte, G. (2013). Páxina IV.
- ↑ Doyen, J-M. (2013). Páxina 211.
- ↑ Moucharte, G. (2013). Páxinas V-X.
- ↑ Recensión da obra por S. de Turckheim-Pey. En Revue Numismatique. 2006. 162. Páxinas 485-486.
- ↑ Recensión da obra por J. Jambu. En Revue Numismatique. 2012. 168. Páxinas 478-480.
Véxase tamén
Bibliografía