O lats introduciuse como unidade monetaria letoa o 3 de agosto de 1922, en substitución do rublo letón, cunha paridade dun lats por cada 50 rublos.[8] Desde ese momento ata 1940, o lats estivo vinculado ao padrón ouro.[9]
O 17 de xuño de 1940, Letonia foi ocupada pola Unión Soviética. Logo do desmantelamento do Banco de Letonia e da súa substitución pola Oficina Republicana de Letonia do Gosbank (o banco estatal soviético) o 10 de outubro dese ano, o rublo soviético introduciuse o 25 de novembro para a súa circulación en Letonia paralelo ao lats. O valor de ambas as moedas igualouse, aínda que o valor real do rublo soviético era tres veces inferior, o que ocasionou que tanto os prezos como os salarios subisen progresivamente, coa conseguinte desvalorización do lats. Para atenuar o efecto do éxodo de mercadorías enviadas á URSS polos ocupantes aproveitando o novo tipo de cambio, introducíronse límites á adquisición de determinados bens.[10]
Aínda que inicialmente as autoridades soviéticas se comprometeran a non abolir o lats, esta moeda foi retirada da circulación sen previo aviso ás 13:05 horas do 25 de marzo de 1941, e nese mesmo instante nacionalizáronse todos os depósitos superiores a 1.000 lats. Unha parte das reservas de ouro, de prata e de divisas de Letonia fora xa enviada a Moscova ao inicio da ocupación.[11][12]
Moedas
En 1922 puxéronse en circulación moedas de 1, 2 e 5 santims (bronce), e de 10, 20 e 50 santims (níquel). Nos anos seguintes completouse a serie coa introdución de moedas de prata de 835 milésimas con valores de 1 lats (1923), 2 lats (1925) e 5 lats (1929). As moedas de bronce e a de 5 lats foron deseñadas por Rihards Zariņš, e as de 1 e 2 lats son obra de Janis Tilbergs. A serie de cobre foi cuñada na ceca privada Huguenin Frères, de Le Locle (Suíza) e a de prata na Royal Mint, de Londres.[13]
O Banco de Letonia introduciu en distintas emisións, entre 1922 e 1939, papel moeda cos valores faciais de 20, 25, 50, 100 e 500 lats.[15] Pola súa banda, o Goberno letón puxo en circulación entre 1926 e 1927 unha serie de billetes de 5 e de 10 lats, e en 1940 unha nova serie composta polos valores de 5 e de 20 lats.[16]
Segundo lats (1993–2013)
Logo de restaurar a súa independencia en 1991, o lats foi reintroducido en Letonia o 5 de marzo de 1993, en substitución do rublo letón, que continuou circulando en paralelo e mantivo a súa validez ata o 30 de xuño de 1994, cunha equivalencia de 200 rublos por cada lats. O primeiro billete na nova denominación que se puxo en circulación foi o de 5 lats, e o derradeiro foi o de 500 lats, que non comezou a utilizarse ata o 20 de xullo de 1998.[17]
Finalmente, logo dun período de transición de dúas semanas de convivencia co euro, foi substituído pola moeda da Eurozona o 14 de xaneiro de 2014, cunha paridade dun lats por 1,4229 euros.[2]
As moedas deste segundo lats cuñáronse cos valores faciais de 1, 2, 10, 20 e 50 santims, e de 1 e 2 lats. Paralelamente, comezaron a emitirse tamén outras series conmemorativas, dedicadas ao coleccionismo e ao investimento, en metais como o ouro e a prata.[20]
A moeda de 2 lats desa primeira serie circulante só se emitiu unha ocasión, en 1992; era de cuproníquel, pesaba 6 gramos e medía 24,35 mm de diámetro. A partir de 1999 foise substituíndo gradualmente na circulación por outra bimetálica, para dificultar a súa falsificación.[21]
Ademais desta serie regular, entre 2001 e 2013 fóronse producindo anualmente emisións conmemorativas de carácter circulante da moeda dun lats, coas mesmas características da moeda dese valor correspondente á serie regular:[23]
Moedas dun lats conmemorativas circulantes
2001
2003
2004
2005
2006
2007
2008
2009
2010
2011
2012
2013
As casas de moeda que produciron estas moedas conmemorativas foron: Suomen Rahapaja (Finalandia), Koninklijke Nederlandse Munt (Países Baixos), Royal Mint (Reino Unido), Münze Österreich (Austria), Staatliche Münze Berlin (Alemaña) e Staatliche Münze Baden-Württemberg (Alemaña).[20]
Billetes
Esta é a derradeira serie de billetes en circulación antes da substitución do lats polo euro en 2014. Todos os billetes teñen as mesmas dimensións (130 × 65 mm) e foron deseñados por Imants Žodžiks e Valdis Ošinš, e producidos pola compañía alemá Giesecke & Devrient.[15][24]
↑En letón, o plural de lats é lati para cantidades de 2 a 9 e latu para cantidades de 10 e máis (ex.: 3 lati, 18 latu). Neste artigo, en harmonía coas formas galegas do plural, úsase lats tanto para singular como para plural, do mesmo xeito que a forma santims.