A Casa da Moeda de Finlandia (en finés : Suomen Rahapaja ; en sueco : Myntverket i Finland ) é a ceca nacional de Finlandia .
Historia
A Casa da Moeda foi establecida por decisión de Alexandre II de Rusia o 19 de abril de 1860 cando o marco (markka ) se converteu na moeda oficial do Gran Ducado de Finlandia , e a produción das moedas do novo sistema comezou o 15 de outubro de 1864 .[ 1] A ceca situouse inicialmente no distrito Katajanokka, en Helsinqui , e en 1988 abríronse unhas novas instalacións en Vantaa .[ 2]
En 1878 cuñáronse as primeiras moedas de ouro , con valores faciais de 10 e de 20 marcos, logo de que Finlandia asumira o padrón ouro.[ 2]
20 marcos de ouro de 1912 coa aguia imperial rusa
En 1918 , ao acadar o país a súa independencia da Rusia bolxevique , substituíu a tradicional aguia bicéfala que caracterizaba as súas moedas pola figura dun león , símbolo do novo estado, e as follas de carballo deron paso ás espigas de millo e ás pólas de abeto , como representación da economía finlandesa .[ 2]
En 1951 , a Casa da Moeda de Finlandia cuñou a súa primeira moeda conmemorativa, con motivo dos Xogos Olímpicos de 1952 en Helsinqui ; esta foi a primeira moeda de tema olímpico emitida no mundo e abriu a porta a unha gran cantidade de emisións conmemorativas posteriores na ceca finlandesa.[ 1] [ 2] [ 3] Un cambio significativo na produción da ceca veu dado en 1998 , ao se incorporar á produción da nova moeda europea: o euro . Os traballos comezaron ese mesmo ano e as primeiras moedas cuñáronse con data de 1999 , aínda que, como no resto da Eurozona , non se puxeron en circulación ata 2002 .[ 2]
Euro de Finlandia
A Casa da Moeda de Finlandia foi un establecemento dependente directamente do estado ata 1993 , cando pasou a constituírse nunha sociedade pública de responsabilidade limitada . En 2001 adquiriulle a Real Casa da Moeda de Suecia ao Banco Central de Suecia e en 2003 adquiriu a metade das accións da Real Casa da Moeda de Noruega , aínda que, finalmente, en 2015 a compañía Samlerhuset adquiriulle á ceca finlandesa a súa participación na norueguesa .[ 2]
Ademais das moedas de curso legal no seu país, a Casa da Moeda de Finlandia produce tamén moedas para diversos países como Estonia , Grecia , Luxemburgo , Eslovenia , Chipre , Irlanda , Nicaragua , Honduras e Colombia , así como todas as moedas suecas con valor facial en coroas a partir de 2008 .[ 1] [ 4] [ 5] De feito, as exportacións supoñen o 95 % da facturación da compañía en 2017 .[ 1]
Notas
↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Mint of Finland’s story ". Mint of Finland .
↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "The History of Mint of Finland ". Mint of Finland .
↑ "500 Markkaa Olympic Games ". Numista .
↑ "Minting of Estonia’s Euro Coins Begins in Finland ". En Yle . 20 de xullo de 2010.
↑ "Finskt myntverk ska sätta prägel på svenska kronan ". En Dagens Nyheter . 2 de novembro de 2007
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas