- Para outros artigos de persoas co mesmo apelido, véxase a páxina de homónimos Babelon
Jean Babelon, nado en París o 19 de xaneiro de 1889 e finado na mesma cidade o 20 de abril de 1978, foi un bibliotecario, historiador e numismático francés.[1]
Traxectoria
Jean herdou a súa paixón polos libros, pola historia e pola numismática do seu pai, Ernest Babelon (1854-1924).
Logo de cursar os seus estudos no prestixioso centro de ensino superior École Nationale des Chartes, especializado na formación en ciencias auxiliares da Historia (fundamentalmente a biblioteconomía e a arquivística), elaborou as súas teses cos títulos de Jacopo da Trezzo et la Construction de l'Escurial. Essai sur les arts à la cour de Philippe II. 1519-1589, como tese principal, e La moralité de Bien Advisé et Mal Advisé, précédée d'une étude sur les moralités en général, como tese secundaria, o que lle permitiu a obtención do título de Arquiveiro Paleógrafo en 1910.[2]
Posteriormente entrou a traballar no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, naquela época dirixido polo seu pai. Nesa institución, quechegou tamén a dirixir entre os anos 1937 e 1961, desenvolveu toda a súa carreira profesional.[3]
Jean Babelon é autor dunha produción científica baseada fundamentalmente no terreo da numismática, onde destacan o Catalogue de monnaies grecques de la collection de Luynes ("Catálogo das moedas gregas da colección de Luynes"), en catro volumes publicados entre 1924 e 1936, e o Catalogue de la Collection de monnaies et médailles de M. Carlos de Beistegui ("Catálogo da colección de moedas e medallas de M. Carlos de Beistegui"), editado en 1934. Tamén é salientable a súa obra acerca da arte e da literatura españolas.[4]
Entre 1923 de 1931 dirixiu, xunto con Pierre d'Ezpezel, a revista trimestral de arqueoloxía e numismática Aréthuse, na que o escritor Georges Bataille, daquela bibliotecario do Gabinete de Medallas, publicou os seus primeiros artigos da numismática. Esta revista cesou a súa actividade en 1931 e retomouse novamente entre 1934 e 1935 co nome de Demareteion, tamén dirixida por Jean Babelon.[5]
Jean Babelon obtivo ao longo da súa carreira tres distincións da Academia Francesa, da que formaba parte: o premio Montyon en 1916 e en 1948, e o premio Broquette-Gonin de literatura, en 1964, polo seu traballo titulado Les Monnaies racontent l'Histoire ("As moedas contan a Historia").[6]
Principais obras
Á parte dos sueus numerosísimos artigos, fundamentalmente numismáticos, cómpre salientar as seguintes publicacións de Jean Babelon:[7][8]
- 1924-1936: Catalogue de monnaies grecques de la collection de Luynes (4 volumes).
- 1927: La médaille et les médailleurs. Payot, París.
- 1934: Catalogue de la Collection de monnaies et médailles de M. Carlos de Beistegui Arquivado 12 de outubro de 2018 en Wayback Machine.. Les Beaux-Arts, París.
- 1942: Le portrait dans l'antiquité d'après les monnaies. Payot, París.
- 1944: La numismatique antique. Presses universitaires de France.
- 1946: Portraits en médaille. Alpina, París.
- 1951: Histoire de Paris d'après les médailles de la renaisance au XXe siècle (con Josèphe Jacquiot). París.
- 1963: Les monnaies racontent l'histoire.
Notas