A Primeira Carta aos corintios é unha epístola paulina que forma parte do Novo Testamento da Biblia cristiá. Escrita para atallar as divisións no seo da comunidade cristiá da cidade grega de Corinto, permite coñecer a vida interna das primeiras colectividades cristiás e presenta algunhas das condutas morais do cristianismo.
Autor e data
A I Carta aos corintios é atribuída a Paulo de Tarso, tal e como se recolle na propia misiva. Paulo, que debía contar cuns 45 anos de idade cando a escribe, era xudeu da seita dos fariseos, cidadán romano e formado na cultura helenística. Perseguiu cristiáns ata que, contra o ano 34, tivo un accidente que acabou na súa conversión ao cristianismo. Dende entón foi un dos primeiros grandes predicadores do cristianismo presentándose na propia carta como "apóstolo de CristoXesús pola vontade de Deus".[1] A I Carta aos corintios está escrita en grego (koiné).
Paulo de Tarso é considerado o autor de varias cartas que mandaba ás comunidades cristiáns, especialmente ás fundadas por el, como é o caso da de Corinto. Estímase que a I Carta aos corintios foi escrita cara ao ano 56 e que Paulo a redactou en Éfeso, cidade na que estaba predicando e que tiña moita relación comercial con Corinto.[2] Considérase que mandou unha primeira epístola, chamada "carta precanónica" que, ou ben desapareceu, ou ben forma parte da II Carta aos corintios. Posteriormente, chegáronlle consultas por escrito dos propios corintios sobre diversas cuestións ao tempo que lle chegaban novas dos problemas internos da comunidade, polo que decídese a escribir a actual carta.[3]
Destinatarios
Corinto era a cidade grega máis poboada a medidados do século I e dous terzos dos seus habitantes eran escravos.[4][3] Centro comercial e portuario de grande importancia, tamén era a capital da provincia romana de Acaia. Ademais, a cidade acollía templo de Afrodita Pandemos, dándolle sona de hedonistas aos corintios.
Segundo o relato bíblico, o cristianismo chegou da man de Paulo de Tarso, quen durante a súa segunda viaxe de apostolado (50-52) reside na cidade durante ano e medio. Acollido por Prisca e Aquila, deportados de Roma, e coa axuda económica de Silas e Timoteo, predica na sinagoga ata que remata sendo expulsado, formando unha comunidade con xudeus e gregos conversos, especialmente de extracción humilde.[3][5]
Mais, logo de marchar para continuar coa súa viaxe, os cristiáns de Corinto comezaron a ter problemas. Dunha parte, a chegada de Apolo e doutros predicadores deu lugar á formación de bandos enfrontados. Doutra banda, tamén se cuestionaban aspectos da doutrina evanxélica e da moral cristiá.[4] Para atallar estas cuestións, Paulo de Tarso enviou esta carta.
Estrutura
A misiva ten dúas partes ben diferenzas pola súa temática: a primeira reprende os abusos na comunidade cristiá, mentres que na segunda responde ás cuestións que lle remitiron os crentes e fai aclaracións tanto sobre os dons espirituais (Eucaristía, carisma e amor), a liturxia e a resurrección.
Parte
Tema (capítulo, versículo)
Introdución
Saúdo e acción de grazas (1,1-9)
1ª parte: censura dos abusos
- División dentro da comunidade (1,10 - 4, 21)
- O caso dun incesto (5, 1-13)
- Preitos dos cristiáns ante tribunais pagáns (6,1-11)
- A fornicación (6,12 - 20)
2ª parte: resposta ás preguntas
- Matrimonio e virxindade (7)
- O problema das carnes sacrificadas aos ídolos (8,1 - 11,11)
- A organización das asembleas litúrxicas (11,2 - 14,40)
↑García Cordero, Maximiliano (1966). "Estudio introductorio a la Epístola I a los corintios". Sagrada Biblia. Biblioteca de Autores Cristianos. p. 1169.